The Skarnivals anuncia un parón indefinido e cinco concertos de despedida

The Skarnivals, banda de ska punk do Morrazo con máis de 15 anos enriba dos escenarios e 3 discos publicados, anunciou nas súas redes sociais unha parada indefinida da súa traxectoria. Os do Morrazo farán uns poucos concertos a modo de xira de despedida, comenzando na Sala Masterclub de Vigo este sábado, día 25 de maio. Ademais, estarán o 15 de xuño no festival Noceda Rock de Lalín e o 20 de xullo no Arroutada Fest de Fisterra, e teñen aínda dúas datas programadas pendentes de anunciar, incluíndo o que será o seu último concerto antes deste parón indefinido o día 27 de xullo.

“Son moitos kilómetros de estradas, de facer camiño e traballar contra vento e marea”, comezan sinalando no comunicado; “uns anos de moitas alegrías, de facer familia e camiñar xuntxs, pero tamén de moito traballo e esforzo”. “Queremos agradecervos infinitamente todos estes anos de apoio, de darnos calor e acompañarnos nesta aventura”, engaden en referencia ao seu público. Tamén quixeron agradecer á súa promotora, Galunk Producións, “o ter apostado por nós e ser parte da familia durante todo este tempo”.

“É imposible reflectir nunhas liñas todo o que esta etapa significou para nós, nomear a todas as persoas que o fixeron posible, as bandas amigas que a música nos brindou e o agradecidos que estamos a todxs”, afirman tamén os do Morrazo. Concluíron o comunicado convidando ás súas seguidoras e seguidores “a cantar e bailar coma sempre o fixemos, xuntxs”, para “facer destas últimas datas unha festa rachada, e que vibre a Galiza enteira”. As entradas para o concerto na Master poderán ser adquiridas na seguinte ligazón: https://entradium.com/es/events/the-skarnivals-vigo/