Karracho, Green Poison e Flying Stool tocarán no concerto de presentación do proxecto de CS A Nubeira

O vindeiro día 14 de xuño, venres, será a presentación oficial do proxecto CS A Nubeira, que engloba a decenas de persoas que están a traballar pola creación dun novo Centro Social Autoxestionado en Vigo. O evento será na zona de Churruca, e incluirá varios concertos e sesións de DJs na Sala Kominsky, organizados xunto á plataforma Grupos de Vigo en Loita, así como un bingo-performance no bar Tinta Negra, entre outras actividades.

A xornada comezará ás 19:00, co bingo a cargo da artista Petra Porter no Tinta Negra. Posteriormente terá lugar a lectura do manifesto do proxecto polas rúas de Churruca. A partir das 21:00 comezarán os concertos na Kominsky, cos grupos vigueses Karracho, Green Poison e Flying Stool, tendo a entrada aos mesmos un prezo de 5€. Estes darán paso, ás 23:30, ás sesións das DJs LVLX, Nahgga e Sofiestas.

O obxectivo do proxecto do CS A Nubeira é “crear un espazo de encontro para a veciñanza e os movementos sociais á marxe das institucións, un espazo transformador que non existe a día de hoxe en Vigo”. Xurdiu a partir dunha convocatoria en redes sociais que logrou xuntar a máis de cen persoas nunha primeira asemblea no pasado mes de xaneiro. Agora, despois de meses de traballo, preséntase por fin o nome que terá o futuro centro. O recadado ao longo da xornada servirá para sufragar a súa creación.

Para as persoas impulsoras desta iniciativa, “os últimos anos en Vigo caracterizáronse por unha notable perda de tecido asociativo e cultural, que se manifestou paralelamente na desaparición de moitos espazos deste tipo”. “Esta ausencia nótase especialmente canto máis nos achegamos ao centro da cidade, que está cada vez máis pensado para o turismo e as empresas e menos para a xente que vivimos en Vigo”, engaden.

Por outra banda, dende o colectivo de artistas musicais Grupos de Vigo en Loita, que colabora co evento, sinalan que “a perda de espazos é especialmente notable no eido cultural e musical”. “Exemplos disto son os peches de diferentes locais de ensaio públicos nos últimos anos, ou as cancelacións de concertos por parte da Policía Local en diferentes puntos da cidade, que agora están afectando ata ao mesmísimo Terraceo”, critican.

«Como parte dos seus ataques á escena musical da cidade, o Concello de Vigo ten unha normativa tan restrictiva no que a facer concertos se refire que nin eles a poden cumprir», denuncian os grupos. «Despois de tantos anos vendo como facían a vista gorda cos seus propios eventos a pesar do claro agravio comparativo que supuña con respecto ao resto de actuacións musicais na cidade, chegouse a un punto no que nin o Terraceo se pode librar dos problemas das licencias, o que levou a artistas como The Rapants ou Ángel Stanich a levar os seus concertos ao interior do Mar de Vigo e a Rebeliom do Inframundo e a Los Secretos a cancelar», lembran.

Grupos en Loita naceu a principios de 2022 para esixir a reapertura de Vigosónico, que levaba pechado dende 2020, conseguindo finalmente o seu obxectivo uns meses despois. A plataforma reclama tamén a apertura da recentemente pechada Casa da Xuventude, e de Súbete ao Castro, clausurado hai case 10 anos. “A desidia do Goberno local coa cultura é total”, lamentan dende o colectivo.

“Ademais, cabe destacar que a presenza de artistas locais, especialmente emerxentes, na programación municipal é irrisoria”, denuncia Grupos en Loita. “O Concello nin sequera cumpriu a súa propia promesa de facer o festival Rock in Vigo de bandas viguesas e galegas como dixeron que farían o verán pasado”, lembra a plataforma. “Neste evento reivindicaremos a calidade e a diversidade das bandas de Vigo, da man do punk de Karracho, do stoner de Green Poison e do rock de FlyingStool”, conclúen.