A sala Kominsky de Vigo acolle este sábado o festival benéfico Vacaloura

O Festival Vacaloura é un evento benéfico no que todo o recadado é adicado ao Santuario Vacaloura, un santuario de animais situado en Compostela que alberga a case 250 animais de múltiples especies, rescatados de diversas situacións de malos tratos ou abandono. Terá lugar este sábado, día 29 de xuño, a partir das 19:30 horas na Sala Kominsky, situada na rúa Irmandiños número 3, en Vigo.

Clap Town

O festival contará con tres bandas viguesas de estilos diferentes, nomeadamente Clap Town, The Blow Up’s (na foto de portada) e Modulador de Ondas. Haberá oferta de petiscos veganos e o sorteo dunha cesta de produtos do santuario. A entrada terá un prezo de 15€ na propia sala e de 12€ anticipada, puidendo ser adquirida na veterana tenda de discos viguesa Honky Tonk, en rúa Falperra.

The Blow Up’s é un trío formado por unha rapaza e dous rapaces de Vigo, que sorprende co seu rock potente de inspiración rockabilly, ni que se inclúe a influencia de artistas como Neil Young, PJ Harvey ou The Dictators. Está formado polo baterista Javi Pardo, o guitarrita e vocalista Dani Gallego e a baixista e vocalista Carmela Warhol, tamén baixista da banda viguesa de metal Xhamain. Subirán ao escenario ás 21:00.

Clap Town é outra nova banda, nacida no verán de 2022 cun estilo pop rock inspirado por bandas españolas como El Canto del Loco ou Leiva, que eles definen como “pop&roll”. Nace, explican dende a organización do festival, coa “firme intención imprimir un estilo propio aos seus temas”. Será a agrupación encargada de pechar o evento, comezando a súa actuación ás 22:30.

Modulador de Ondas

Finalmente, Modulador de Ondas é o nome do proxecto unipersoal do compositor, thereminista e guitarrista vigués Paulo Pascual. Contén elementos que van dende a electrónica ata o folk americano, enriquecidos “con aires de jazz e cunha coidada atmosfera cinematográfica”, sinalan. Presentará o seu último traballo Emisión Electrónica. “Non existe ningún precedente no estado dun thereminista con este tratamento instrumental” apuntan dende o Festival Vacaloura. Abrirá a noite ás 19:30.