Este venres, día 2 de agosto, celébrase unha nova edición dun dos festivais de rock máis veteranos de Galicia. Falamos do MillaRock, que se celebra cada ano no Milladoiro, Ames. Na súa XII edición o ano pasado o evento explorou novos rumbos, cun cartel máis accesible que incluía nomes como os dos dúos Fillas de Cassandra, que mestura a música tradicional e a música urbana e electrónica, e Las Ninyas del Corro, chegadas de Barcelona co seu hip hip. Porén, o XIII Millarock aposta de novo polo tipo de cartel ao que nos tiñan previamente acostumados, cun pleno de bandas galegas no que destaca a presencia de mulleres en todas elas e o uso do galego na súa maioría.
No cartel destaca ademais a presenza de dúas bandas procedentes de Ames: Biribirlocke, da que xa temos desfrutado en anteriores edicións do festival, e a máis nova Onda Dagda. Tamén haberá un concerto didáctico a cargo da escola de música compostelá A Casa do Rock. Como novidade, a programación do festi estará repartida entre o Anfiteatro do Milladoiro, onde comezará a música a partir das 19:00, e a travesía do porto, onde terán lugar os últimos concertos da noite. O que non cambiará será a entrada ao festival, que será, unha vez máis, libre e de balde.
O persoal da Casa do Rock será o encargado de dar comezo á velada cun concerto no que se repasarán grandes clásicos do rock co obxectivo de achegalos ás novas xeracións, que virá seguido do obradoiro Sube e Toca. O concerto será ás 19:00; o taller, ás 20:00; e a continuación comezarán os concertos das catro bandas do cartaz, tamén no Anfiteatro do Milladoiro. O sexteto Onda Daga subirá as súas táboas ás 21:00 co seu rock que inclúe teclados, instrumentos de vento e incluso 3 guitarras. A banda, que ensaia no local municipal A Factoría, na parroquia de Biduído, ten xa dado varios concertos pola zona, e incluso participou no certame Quero Cantar no Teatro Colón da Coruña.
O primeiro dos concertos na travesía do porto será ás 22:00, cos tamén amesáns de Biribirlocke, da parroquia de Bugallido. O quinteto fundado en 2010 volve con forzas renovadas ao Millarock, no que xa tocaran en 2016 e en 2022, despois dun período de pausa. Agora atópanse preparando o que será o seu novo disco, logo de ter lanzado no pasado abril o sinxelo e videoclip “Nova viaxe”. Este novo traballo será a continuación do seu álbum Tetando á Sorte, lanzado en 2017.
Ás 23:15 chegará a quenda do cuarteto Agoraphobia, que xa participara previamente no festival, precisamente xunto a Biribirlocke en 2016. A banda boirense, fundada en 2006, é un nome habitual nos festivais galegos por dereito propio co seu potente rock alternativo, demostrado en álbumes como Unaligned (2019) ou Incoming Noise (2017). Previamente tamén lanzaran os EPs Ready to Play (2015) e Dirty Little Things (2014), e mais a maqueta Mentir y Gobernar (2010).
Pechará esta nova edición do festival amesán outra banda omnipresente nos festivais do verán galego, Dakidarría, que aínda que pareza mentira, nunca pasara polo MillaRock previamente. A banda de ska punk do Val Miñor atópase celebrando o seu 20 aniversario, ocasión coa que lanzaron o directo XX, gravado entre os festivais Revenidas e Castañazo. Subirán ao escenario da travesía do porto a partir das 00:30.
Como previa do festival, a xente de Ames poderá desfrutar tamén mañá, martes 30 de xullo, no campo da festa de Biduído, do concerto de Sr. Salvaje. Este cuarteto, que ensaia tamén na sala de ensaio da Factoría, está a presentar o seu segundo traballo Vuela. O seu concerto como parte do programa Seráns de Ames estaba previsto para o pasado día 11 de xullo, pero tivo que ser adiado por mor dunha desas choivas estivais tan tipicamente galegas.
O Millarock naceu en 2006, e nos seus primeiros anos os seus cartaces adoitaban estar encabezados por bandas estatais, como foi o caso de Loquillo y Trogloditas, Obús e Hamlet. Estas viñan acompañadas das gañadoras do logo desaparecido concurso municipal de maquetas, como Shroud of Tears, Snatch, InVivo, Dirty Socks, Belöp ou Ith. Despois dun parón entre 2011 e 2015, en 2016 o festival volveu cun enfoque máis claro posto no rock galego, reservando sempre un oco para grupos emerxentes e en lingua galega. Heredeiros da Crus, Familia Caamagno, Ruxe Ruxe, Astarot, Zënzar, Nao ou Dios Ke Te Crew foron algunhas das bandas que pasaron polos escenarios do MillaRock naqueles anos.
Despois chegou outro parón en 2020, esta vez obrigado pola pandemia, pero xa en 2021 se puido retomar a actividade con Deseqilibrio Mental, Bala e Terbutalina. En 2022 chegarían, ademais de Biribirlocke de novo, Chicharrón, Battosai e mais The Rapants, o cuarteto muradán que hoxe está a vivir un ascenso fulgurante. E en 2023, ademais de Fillas de Cassandra e Las Ninyas del Corro, subirían ao escenario do Anfiteatro do Milladoiro os grupos Eladio y los Seres Queridos e A Banda da Loba.
