Os días 23 e 24 de agosto chegará unha nova edición do festival Peirao Rock, en Mugardos. Sendo unha das citas máis destacadas para o metal e o rock en Ferrolterra, o evento contará coa presenza de bandas da comarca tan destacadas como Rottentown, Hourglass, Marthyrium ou Wisdom, sendo estas dúas últimas nomes habituais no cartaz nas súas últimas edicións; mais tamén con outras agrupacións galegas como a soutomaiorense Balmog e as coruñesas Moura e Nashgul. E tamén estará en Mugardos a alemana The Night Eternal, formada en 2018, co heavy metal amosado nos seus dous álbumes Moonlit Cross (2021) e Fatale (2023).
O Peirao Rock retomou a súa actividade en 2022 despois de máis de 10 anos sen terse celebrado, con cartaces variados que abarcan estilos tan distintos como o rock progresivo e o grindcore. E de xeito gratuíto, completando unha oferta estival de festivais metaleiros de balde que este ano incluíu tamén a citas novas como o Valadouro Rock e a outras asentadísimas como o Alén Metal Fest de Vilagarcía, o Kanekas Metal Fest de Cangas (que tamén contou este ano con Wisdom e Marthyrium) ou o Berete Rock de Chapela. E aínda faltan as que pecharán o verán, como o Flores Rock da Coruña, o Parga Rock de Guitiriz, o Revoltallo de Valadares ou o Montando Cristo de Porriño xa a finais de setembro.
Os concertos serán na praza da constitución de Mugardos, ambos días a partir das 21:00, prometendo boas doses de metal e rock ata altas horas da madrugada. A xornada do venres 23 de agosto contará co veterano cuarteto de deathgrind Wisdom, con máis de 30 anos en activo, e co recentemente reunido Rottentown, que ten lanzado os EPs Blood’s Not Enought (2015) e Victims of Nothing (2017). Tamén con Balmog e Moura, dúas bandas ben coñecidas na escena das que vos temos falado en numerosas ocasións na nosa revista. Esta última encabezará a xornada presentando o seu novo EP Fume Santo de Loureiro, lanzado a finais de maio, con 3 temas e 17 minutos de duración. Un excelente traballo do que agardamos que sexa a ponte entre o seu último álbum Axexan, Espreitan (2022) e o seguinte.
O sábado 24 de agosto, por outra banda, será a quenda de Hour-Glass, Marthyrium, Nashgul e The Night Eternal. O cuarteto de groove metal e metalcore Hour-Glass naceu en Ferrol en 2015, ao igual que Rottentown, e xa ten editados os EPs No Path to Follow (2018) e Tonight We Hunt (2024). O trío Marthyrium, por outra banda naceu en 2006 en Mugardos (aínda que o seu baixista dende 2010 é Balc, de Balmog), e conta entre outros lanzamentos cos álbumes Beyond the Thresholds (2017) e Through the Spheres of Darkness (2023). A mítica Nashgul atópase presentando o seu álbum de 2023 Oprobio, co que volveron confirmar o seu estatus como unha das principais bandas de grindcore do panorama estatal.
