Gracias por Nada e Deaf Whale tocarán este sábado no Contrabajo, en Vigo

A sala El Contrabajo de Vigo acollerá este sábado, día 31 de agosto, un concerto do trío vigués de pop punk e skate punk Gracias por Nada e do dúo madrileño de rock e metal alternativo Deaf Whale. A apertura de portas será ás 21:00, e as entradas terán un prezo de 9€. Estas poderán ser adquiridas de xeito anticipado a través de woutick.es

Dende a súa última reapertura, El Contrabajo, ubicado na céntrica rúa de Venezuela de Vigo, está a programar numerosos concertos de diferentes estilos. No deste sábado, Deaf Whale aproveitará para presentar o seu novo álbum Trails of Gold, que veu a luz a principios deste ano 2024, e o farán acompañados de Gracias por Nada (GxN), que se atopa preparando o lanzamento do que será o seu primeiro traballo.

Deaf Whale visitará en Galicia co seu novo disco baixo o brazo, e tamén fará parada na sala coruñesa La Disfrutona del Orzán o venres 30 de agosto. O dúo madrileño define o seu estilo como rock and roll a secas, ao máis puro estilo de Lemmy de Motorhead, mais na práctica mesturan diferentes xéneros de rock alternativo, metal e punk. A banda, formada por José Roa na voz e a guitarra e Gabriel Font na voz e a batería, naceu en 2014 e dende entón teñen lanzado 3 álbumes, sendo os primeiros From Wood and Stone (2015) e Lessened Shadows (2018).

Gracias por Nada leva un tempo lonxe dos escenarios para preparar o que será o seu primeiro disco, que será anunciado en breves. Porén, os vigueses aproveitaron está ocasión para retomar os directos e dar un adianto dos temas que formarán parte do traballo. O trío comezou a tocar en 2022 co concerto organizado por Grupos de Vigo en Loita na sala Molotov, e aínda que este foi interrumpido pola policía local, o grupo continuou a súa andaina por escenarios como os da compostelá Sala Moon, a viguesa Fábrica de Chocolate ou a canguesa SalaSon, xa desaparecida.

A banda está formada por Miguel ao baixo e a voz, Alberto á guitarra e á voz, e Sergio á batería. O seu estilo oscila entre o pop punk, o punk rock e o skate punk, cantado en español e en galego, e destacan entre outras cousas polas harmonías vocais e o xogo entre os dous vocalistas principais. Entre as súas principais influencias podemos atopar especialmente a míticas bandas americanas como Blink 182, Bad Religion, Descendents, Sum 41, Dead Boys ou NOFX.