Con fotos de Alba Vilar González.
O Son do Camiño é un dos festivais máis grandes de Galicia, e cada ano conta cun cartaz ecléctico no que teñen sitio decenas de artistas de diferentes xéneros. Isto inclúe, como non podía ser doutro xeito, a múltiples artistas de Galicia; tamén a grupos de rock galegos, como no caso deste ano foron Maryland, Monoulious DOP e a Carlos Ares coa súa banda. Rouco Son estivo este ano no Monte do Gozo para falarvos dos concertazos que deron estas bandas, que, a pesar de ter un horario menos favorable, non tiveron nada que envexarlle aos de artistas internacionais.
O primeiro día de festival foi un xoves, pero tratándose dun festival tan multitudinario como é o Son do Camiño, iso non fixo que houbese en absoluto pouca asistencia; hai que ter en conta que os cabezas de cartel dese día eran Green Day, seguramente o grupo que máis expectación xerou ao ser confirmado polo festival compostelán. Así, a primeira hora da tarde xa había un bo número de persoas no recito para ver ao primeiro artista da xornada, o rapeiro galego Amoebo (en substitución do inicialmente anunciado Berto). Despois foi a quenda da banda inglesa de pop rock emo Hot Milk, e a continuación, a do primeiro grupo de rock galego do evento: o cuarteto vigués Maryland.

Os rapaces de Maryland tiñan corenta minutos para amosar ao público o seu indie rock. Entre as persoas asistentes non faltaron múltiples seguidores e seguidoras do grupo, que se delataron como tal cantando as súas cancións, pero os vigueses conseguiron que tamén as persoas que non lles coñecían de antes entrasen en calor. Hai que dicir que o indie é un dos xéneros estrela neste tipo de festivais, e xa a propia imaxe do grupo deixaba claro o estilo quetocan, pois non faltaban na súa indumentaria os flequillos, as gafas de pasta ou as camisas de flores (notábase que Weezer é unha das súas bandas de referencia). Polo tanto, estaba claro que o público ía estar receptivo, e os vigueses o souberon aproveitar.

O concerto de Maryland desenvolveuse nun dos dous grandes escenarios principais do festival, aos que hai que sumar o escenario especializado en electrónica situado na parte contraria do recinto, no que non comezaría a música ata as seis da tarde co DJ galego Kike Varela. A disposición dos escenarios principais ten a vantaxe de que permite pasar dun a outro sen ter que percorrer o recinto como ocurre no caso, por exemplo, do Resurrection Fest, pero ten inconvintes. E é que, tendo en conta a disparidade de xéneros presentes no cartel do festival, é habitual que haxa un importante número de xente collendo sitio para agardar por un artista posterior sen maior interese polo que estivea tocando no momento, incluso nas primeiras filas. Porén, nestes primeiros concertos da tarde isto non foi un gran problema, posto que aínda faltaban varias horas para que os cabezas de cartel, como era o caso ese día do colombiano J Balvin, se subisen aos escenarios.

A loxística non foi tampouco totalmente favorable a Maryland, posto que tiveron que tocar diante dunha estrutura cuberta de tela negra que sería empregada en concertos posteriores, pero os músicos da banda conseguiron que nin nos decatásemos disto coa súa presencia no escenario e co dominio dos seus instrumentos. A formación da banda é unha das máis tradicionais da música rock, con Pablo Castelo ao baixo, Álex Penido á batería, e mais Rubén Castelo e Erick Puccioni ás guitarras coas súas respectivas SGs. De feito, a xulgar por estes instrumentos, polos seus amplificadores Marshall e Orange e polo logo de estética psicodélica que dominaba a parte de atrás do escenario, ben poderíamos ter estado diante dunha banda de stoner metal con flequillos. Pero aínda que non escoitamos nada tan cañeiro, os vigueses pasaron por diferentes estilos ao longo do concerto, que foron dende o power pop ao rock alternativo pasando polo emo pop.

Vendo tocar aos integrantes de Maryland notábase a longa traxectoria que os catro teñen detrás, pois a banda leva máis de quince anos en activo. Naceu en 2008, e xa en 2009 lanzaron o seu primeiro álbum Surprise, seguido de Get Cold Feet en 2011 e do EP Something to Share en 2012. O paso definitivo a cantar en castelán deuse co álbum de 2013 Los Años Muertos. Os seus últimos dous traballos son os álbumes Resplandor (2018) e Sombras do Paraíso (2022), a súa entrega máis recente, que tivo unha relevancia especial no setlist da banda. Falamos pois dunha formación ben prolífica, que plasmou a súa experiencia nun concerto perfecto para o comezo de tres días de festival por todo o alto. Foi, ademais, un quecemento inmellorable de cara ao gran concerto de Green Day, complementándose tamén á perfección cos de The Interrupters e Arde Bogotá que viñeron a continuación no escenario contiguo.

No segundo día de festi, o venres, houbo un cartaz bastante distinto, tamén no que a grupo galego se referiu; os cabezas eran Pet Shop Boys, e a banda que abriu o seu escenario, Monoulious DOP ás catro da tarde, tocando entre Marilia Monzón e Recycled J no do lado. Os de Noia mesturan numerosos estilos dun xeito divertido e desenfadado, e o demostraron xa dende o principio comezando co seu tema “Enerxía” e o seu retrouso: “vas a saltar, vas a bailar, vas a sudar, vas a beber” [sic]. O certo é que, para ser as catro, a xente xa estaba a tope e cantando as cancións do grupo, polo que estaba claro que había ganas de festa. Só había xente na parte de abaixo do recinto, pero tratándose dun recinto enorme, iso non é dicir pouco. Ademais, a medida que ía chegando máis e máis público, a cobertura ía desaparecendo dos móbiles, polo que case ata se agradecía non chegar ata ese punto.

Se ben este primeiro tema, do seu último álbum Disco Disko (2022), tiña un aire máis, efectivamente, disco, seguiron cun máis na liña do pop rock como “Os bos tempos”, do traballo LP Padre (2017). E é que a banda conta cunha considerable traxectoria, pois naceu no 2012. E aínda que se formou como un dúo formado polos vocalistas Mon e Ula orientado unicamente a internet e non aos directos, no escenario eran sete nada menos, incluíndo a músicos procedentes de bandas tan coñecidas como Dakidarría ou Crisix. Pla e Carba ocupábanse das guitarras, Torroncho do baixo, Beny da batería e Dr. Gilino do teclado. Unha formación ampliada que permitía aos vocalistas campar ás súas anchas polo escenario coas súas peculiares indumentarias, que mesturaban os chándales cunha camisa hawaiana e cun chaleco antibalas.

Pouco despois chegaría un dos temas máis coñecidos do grupo, “Veranito en Jalisia”, que encapsula á perfección as letras costumistas e retranqueiras do grupo. A sensación era como a de estar nunha verbena, tanto polo estilo bailable do grupo como pola súa interacción constante coa audiencia, que non parou de bailar nos corenta minutos que durou a actuación. Cabe destacar ademais que, xunto con Amoebo e Baiuca, foron os únicos artistas dos escenarios principais en cantar en galego, no seu caso mesturándoo co español e en casos puntuais incluso con outros idiomas como o portugués ou o italiano.

A seguinte canción foi “Non te cases”, e aínda que esta ten versos como “antes eras heavy, agora gústache Maluma” ou “deixou os festis polas verbenas”, os membros do grupo demostran que estas cousas non están reñidas. E para proba estiveron os elaborados solos de guitarra que Pla, que foi guitarrista da banda de thrash metal estradense Mutant Squad e que agora é baixista da catalá Crisix, meteu aquí e acolá ao longo do concerto. En xeral, foron moitos os xéneros musicais que fixeron a súa aparición no concerto, dende a música xamaicana ao funk pasando polo pop latino ou o hip hop.

Seguiron con “Non volvo beber” e con “Todo o mundo a ten”, que, como as demais cancións do setlist, eran pegadizas e fáciles de aprender; bastaba con escoitar unha vez o retrouso para rematar cantándoo xunto ao resto de xente. No apartado lírico, predominaban os dobres sentidos e as cancións de temática romántica e sexual, como foi o caso tamén de “Gústame todo de ti” ou “Candela”, temas festeiros pensados para desconectar e pasalo ben bailando nunha tarde de verán. Pero detrás da aparente sinxeleza e efectismo das cancións aparecían os solos de teclado, o uso de diferentes efectos de guitarra, e en xeral o gran talento dos músicos que conformaban a banda.

Se ben o público amosarase participativo dende o principio, o nivel subiu cando tocaron “Morrer en Jalisia”, a canción que popularizou a banda en 2014 cando aínda eran principalmente un grupo humorístico e de versións paródicas. E aínda que houbo un problema cos micros polo medio da canción, souberon solucionalo como se nada sen que parase a festa, que estaba xa no seu punto álxido. Seguiron cunha versión da mítica “Twist and shout”, intentando facer crer que xa remataban, pero cando o público pediu outra, proseguiron con “Oporto Vice”, do seu disco de 2020 Black Album. Os de Noia puxeron a todo o público a bailar dun lado a outro do recinto no retrouso, poñendo fin ao concerto por todo o alto. E remataron despedíndose mentres soaba de fondo, moi axeitadamente, a mítica “Conga” de Gloria Estefan.

Na terceira xornada volveriamos cambiar de rollo, cos concertos de 30 Seconds to Mars, Melendi, Baiuca… E co coruñés Carlos Ares para abrir un dos escenarios principais ás 16:20. Este cantautor e produtor de 27 anos ten tocado diferentes estilos na súa traxectoria, pero nesta ocasión presentounos o seu último álbum Peregrino (2024), dominado polo indie folk. Fíxoo acompañado dunha banda de cinco integrantes, con Marcos Cao e Begut nas guitarras acústicas e eléctrica, Raúl Delgado na batería, Mikaela Vázquez no violín e a mandolina e Tony Finu no baixo e o teclado (faltaba o seu teclista habitual, Sergio Delgado). E aínda por riba empregaban tamén instrumentos secuenciados, dando lugar a texturas musicais moi elaboradas que foron únicas en todo o festival.

Outro punto forte da banda eran as súas coidadas harmonías vocais, con múltiples membros acompañando cos seus coros á voz principal de Carlos Ares, que destacaba polo seu estilo dramático e expresivo, moi á moda. O líder da banda era o claro protagonista das cancións, pero todos os músicos e músicas amosaban unha gran complicidade, posibilitada en boa parte pola súa gran destreza como instrumentistas. Esta compenetración viña potenciada, ademais, pola estética combinada de todes eles, que parecía recén saída dunha bucólica peli de época.
As partes de guitarra solista, como as de “No te pensaré más de la cuenta”, eran máis ambientais que virtuosísticas, buscando complementar o aire melancólico, intimista e pastoral das cancións; e os baixos profundos estaban pensados para sentilos directamente no peito. En todo caso, cabe destacar os arranxos eléctricos e electrónicos presentes no álbum de estudio cobraban no directo unha importancia secundaria respecto dos arranxos folk, dándolle un toque distinto e únco á súa interpretación en directo.

A pesar do seu claro liderado musical, Carlos foi de poucas palabras no concerto (el mesmo explicou que non é moito de falar), e deixou que as cancións fluísen unha tras outra sen apenas introducións. E ao tratarse de cancións dinámicas, cheas de contrastes entre as partes máis suaves e aquelas nas que a banda se sumaba ao completo, isto non se fixo pesado, senón que axudou a preservar a atmósfera do concerto. Unha atmósfera na que as seguidoras e seguidores do coruñés, que ocupaban especialmente as primeiras filas, estaban metides de cheo. Ademais, houbo diversos cambios de instrumento por parte dos músicos e músicas que permitiron manter en todo o momento o interese. Carlos incluso cambiou a súa guitarra por unha pandeireta en cancións como “Cigarra”, tamén pertencente a Peregrino.

O cantautor explicou que, a pesar da súa orixe coruñesa, levaba 7 ou 8 anos sen tocar en Galicia, polo que a súa última vez foi nunha época na que prácticaba un estilo totalmente distinto ao actual, máis próximo ao reggaeton e á música urbana. E a continuación proseguiu tocando “Amigo”, un tema que serviu no seu momento de adianto de Peregrino pero no que os elementos folk estiveron máis nun segundo plano, delatando máis esas influencias anteriores (cabe mencionar tamén que o escenario estaba decorado cunha frase da súa canción anterior “Verde botella”, de 2020). E despois, o coruñés ficou só no escenario para interpretar “Terrícola” unicamente xunto á súa guitarra. Neste momento, ao tratarse dunha canción interpretada ao máis puro estilo cantautor e sen máis acompañamento, sufrimos algo de interferencia por parte da proba de son de BB Trickz no escenario contiguo, pero o problema solucionouse rapidamente.

O estilo máis folk rock volveu co tema “Nueva era”, co que o público comezou de novo a bailar, e ata se arrincou a dar palmas sen parar con “Materia prestada”. A propia banda parecía estar desfrutando cada vez máis no escenario, e Carlos incluso rematou “Peregrino” collendo carrerilla e dando un salto final sobre o escenario. O coruñés presentou aos membros da banda antes de anunciar que “Odisea” sería a súa última canción da tarde. Este tema de 2021 marcou a excepción entre tanto tema do último álbum, destacando pola súa maior influencia soul, os orixinais arranxos de batería e a súa coda extendida. Os músicos e músicas marcharon do escenario ata deixar só a Carlos, que os acabou chamando de volta para despedirse definitivamente do público do Son do Camiño.

En resumo, a variedade do cartel do festival traduciuse tamén nas bandas galegas que tocaron nel, con propostas moi diferentes que permitiron dar ao numeroso público do evento unha pequena mostra da gran calidade da música de Galicia. Non deixa de ser unha sorte poder ver a artistas do país xunto a nomes tan grandes da música internacional, algo que para ben ou para mal só é posible en eventos masivos como este. Agardemos que o papel dos grupos galegos no Son do Camiño siga a consolidarse e a medrar nas seguintes edicións. Vémonos o ano que vén no Monte do Gozo!

