O cuarteto vigués de stoner metal Green Poison estrearase este venres, día 6 de setembro, co lanzamento do que será o seu primeiro sinxelo, “Supersonic light beam”. A banda nacida en 2017 comezou a dar concertos en abril deste ano, e dende entón teñen tocado por diferentes puntos da zona de Vigo para presentar o seu proxecto. Este primeiro lanzamento virá seguido dun concerto ao outro lado do Miño, no Rockstar Pub de Braga, xunto ás bandas lusas Spitgod e Mau Jesus o 14 de setembro.
O grupo interpretará en directo neste concerto non só “Supersonic light beam”, senón tamén outros temas que serán lanzados proximamente, tamén como sinxelos, ao longo do ano, e que conformarán o primeiro traballo de estudio da banda, o EP homónimo Green Poison. Este disco foi gravado en Nabatea Producciones por Fran Rubio, membro da banda viguesa Innercial e exmembro doutras como Voices of Galadh (hoxe The Voice Aeternal). Con el teñen gravado tamén outras bandas da zona como Quarzum ou Diving Through Jellyfishes.
“Temos letras en inglés e castelán, cancións longas e curtas, algunhas máis intensas e outras para escoitar e deixarse levar… Tentamos ser un pouco versátiles para entreter máis ao público, pero sempre dentro do que máis nos gusta, crudeza do metal, o cabeceo do stoner e a maxia da psicodelia”, explican dende a banda. “Cos nosos temas buscamos levar progresivamente ao espectador por unha viaxe astral a través de diversos universos de sensacións e melodías”, engaden.
O grupo está influenciado principalmente por formacións inglesas e americanas como Black Sabbath, Electric Wizard, Motorhead ou Kyuss, predominando pois a inspiración do doom metal e o stoner. Denominan ao seu son “psicodelia galvanizada”, caracterizado por unha mestura de riffs pesados con voces melódicas “contundente e escura, onde a psicodelia sempre ten un lugar”. Os membros da banda son Denís González (guitarra solista e coros), Arthur Müller (voz principal e guitarra rítmica), Raúl Ramallo (baixo) e Cristian Nicolino (percusión). Denís e Arthur foron os primeiros membros do grupo, polo que pasaron diferentes integrantes ata que a aliñación se estabilizou xa en 2024 coa chegada de Raúl e Nico, cos que lograron, en palabras da propia banda, “unha química excepcional”.
A banda xa ten pasado polos escenarios de salas e espazos como o ECOS A Cabana de Tebra ou a Sala Kominsky de Vigo, e unha vez rematado o seu periplo por Portugal, estarán no vigués Pub Transylvania o día 20 de setembro. Neste concerto estarán acompañando á Dieaway, servindo como quecemento de cara á celebración, na fin de semana seguinte, do festival especializado en rock psicodélico e stoner Vigo Psychfest. Este evento será tamén no Transylvania e celebrará a súa segunda edición ao longo do venres 27 e o sábado 28 de setembro, e contará con Riot in the Attic, Bones of Minerva, Brainless Duck, Karkara, Desert Smoke e Cruzeiro.
