Leftlovers lanza “stinky”, o seu primeiro sinxelo e videoclip

A banda de metalcore coruñesa Leftlovers estreou o pasado venres 13 de setembro o seu primeiro sinxelo, titulado “stinky”, nas principais plataformas dixitais. A canción conta cun videoclip gravado por por Marcos Rama Núñez e editado pola propia banda, e chega despois dun ano de inactividade en directo na que o cuarteto estivo, nas súas propias palabras, centrado na produción do tema e no desenvolvemento do seu son.

Formada en 2021, Leftlovers comezou ensaiar nos locais de ensaio da súa cidade, pasando a dar concertos por diversas salas da zona ao ano seguinte. En 2023 tocaron no bulevar do Resurrection Fest de Viveiro e mais no Festival de Rock Independente Coruñés (FIRC), compartindo táboas neste último con Morguen, Black Panda e Angelus Apatrida. A súa participación nestes festivais fixo que “o ano pasado marcase un punto de inflexión na traxectoria da banda”, afirman. A formación está integrada por Christian Moar na voz, Álvaro Melini na guitarra, Joel Ramos na batería e Mario Brenlla no baixo.

Fotos de Marcos Rama Núñez

O seu primeiro lanzamento foi producido, mesturado e masterizado pola propia banda, que gravou as baterías nos estudios Bonham da Coruña e os demais instrumentos no ático dun dos seus integrantes. “Esta independencia permitiunos experimentar libremente con novos sons e consolidar a nosa identidade musical”, sinalan os membros do grupo, que explican que durante o proceso de creación do tema buscaron perfeccionar as súas habilidades en produción musical.

O cuarteto coruñés mestura estilos como o metalcore, o hardcore pesado ou o metal alternativo. “A intención é integrar moitos xéneros musicais distintos ao metal nun son coherente e variado, que sexa crú e característico”, afirman dende a banda. “Neste primeiro tema a presenza de elementos electrónicos é especialmente notable, ofrecendo unha mestura única entre a agresividade do metal e as texturas electrónicas”, engaden.

A portada do sinxelo

No tocante á letra de “stinky”, destacan que “aborda temas de crítica social dende un enfoque anticapitalista e antiimperialista, reflexionando sobre a frustración xerada polo sistema actual; é rabia acumulada e unha declaración de intencións, que representa os ideais e as conviccións do grupo, con mensaxes claras e críticas directas”. Ademais, “a estética tamén xoga un papel clave na identidade de Leftlovers, coa elección de traxes rosas que contrastan coa agresividade da música, ofrecendo unha imaxe inusual dentro da escena do metal coa que se busca chegar a un público máis diverso e romper estereotipos visuais asociados ao xénero”, apuntan.

Entre os seus plans para o futuro, a banda cóntanos que pretende “seguir apostando pola autoprodución, lanzar novos sinxelos e profesionalizar o proxecto”. Ademais, teñen previsto anunciar proximamente novas datas de concertos para presentar “stinky” en directo tanto a nivel local como a nivel galego.