As bandas galegas do Resu 2024: Día 1/4

Con fotos de Anaí Zugazagoitia Pérez.

O Resurrection Fest 2024 volveu contar con diversas bandas galegas de diferentes estilos, que serviron de anfitrioas nun dos eventos máis multitudinarios e internacionais do metal e o punk en Galicia. Ás confirmacións iniciais de Sandford Music Factory, Perpetual e Balmog sumouse logo Her Anxiety como un dos grupos gañadores do concurso de bandas do festival; e pouco despois anunciouse tamén que Fire to the Barn, Crowded, Keepers e Beach Avenue estarían tamén en Viveiro, tocando no bulevar da entrada. Así que, dende Rouco Son, que estivemos un ano máis na vila de Celeiro para falarvos sobre os grupos galegos do Resu, tivemos traballo de abondo!

Como xa é habitual, a primeira xornada do Resu foi un mércores, e nela tocaron o cuarteto sadurniñense Sandford Music Factory e o viveirense Fire to the Barn, este último o único grupo puramente local que puidemos ver este ano no festi. O primeiro fíxoo no Desert Stage, un dos catro escenarios principais, e o segundo, como xa dixemos, no Resurrection Fest Boulevard. Un concerto de metal alternativo e stoner e outro de metalcore para comezar con forza o maratón de catro días de música ao vivo de todo o mundo que tiñamos por diante.

Tres dos membros de Sandford Music Factory. Foto de Anaí Zugazagoitia Pérez

Aínda que os grupos galegos adoitan verse obrigados a cumprir a función de abrir os escenarios do Resu en pleno mediodía, Sandford Music Factory tivo a relativa sorte de poder comezar o seu concerto ás 15:50. Ademais, hai que ter en conta que a banda encargada de inaugurar o escenario principal ás 14:25 foi a xaponesa Hanabie, un nome que xeraba unha considerable expectación entre as persoas asistentes ao festi (e unha das moitas bandazas de Asia oriental das que puidemos desfrutar en Viveiro este ano). Polo tanto, para sorte dos de San Sadurniño, había aínda máis xente da que é habitual no recinto ás primeiras horas da tarde.

O grupo visto dende o público. Foto de Anaí Zugazagoitia Pérez

Sandford Music Factory, co seu estilo a medio camiño entre o rock duro, o metal alternativo e o stoner metal, era unha elección perfecta para as táboas do Desert, adicadas a subxéneros coma estes en contraste co hardcore do escenario Caos ou o metal clásico e extremo do Ritual. A estes escenarios especializados hai que sumar, claro, o Main Stage, onde tocan polo xeral os grupos máis populares do evento. Non sería a única banda galega que se subiría ao Desert, iso si, posto que Her Anxiety, a pesar do seu estilo metalcore, sería a encargada de estrealo na xornada do sábado, sendo a proba de que que o tema dos estilos tampouco é que se leve de xeito estrito.

O baixista do grupo, David Lourido. Foto de Anaí Zugazagoitia Pérez

Unha das cousas que máis inmediatamente chamaban a atención no concerto de Sandford Music Factory era o potente son do baixo de David Lourido, perfecto para acompañar uns riffs de guitarra que oscilaban, dependendo do momento, entre o rock máis clásico e o doom metal máis pesado. E cando a situación o requería, o vocalista da banda, Fernán Varela, sacaba tamén a súa guitarra rítimica para acompañar os solos blueseiros e expresivos do guitarrista principal Xurxo Grandal. A voz de Fernán retrotrae á dos míticos cantantes do grunge, unha escena que claramente influenciou moito á banda, mentres que a batería de Miguel Anxo dáballe a todo a potencia necesaria cos seus ritmos.

Miguel Anxo e Xurxo Grandal. Foto de Anaí Zugazagoitia Pérez

O grupo atópabase presentando o seu novo álbum, Altospeaker, lanzado en xaneiro de 2023. Un traballo moi agardado, posto que chegou 8 anos despois do último álbum Natural Behaviour, de 2015, e algo máis de catro despois do directo en acústico Jofre, de 2018. A banda conta cunha ampla traxectoria, pois naceu no ano 2000 co nome de Sweet Oblivion Band, baixo o que sacaron os seus primeiros traballos. Isto fai que fosen, xunto con Balmog (contando tamén á súa banda predecesora Inmacula Mortem), a banda galega máis veterana desta edición do festi (Perpetual fundouse uns anos despois, no 2006).

Foto de Anaí Zugazagoitia Pérez

Dende que os primeiros acordes de guitarra comezaran soar, un bo número de seguidores do grupo congregárase fronte ao Desert stage, incluíndo ata a un grupo de cativas que estiveron dándoo todo nas primeiras filas (aínda que logo acabaron a ombros das súas nais e pais). Víanse moitas camisetas da banda, que, sendo procedente de Ferrolterra, non viña dende moi lonxe, dando a sensación de que tocaban practicamente en casa. Dentro das bandas do cartel principal, foron a que veu dende máis preto de Viveiro, posto que as outras procedían de Coruña, Soutomaior e Vigo. Ademais, pola metade do concerto, que comezou con néboa, saíu o sol, o cal repercutiu tamén no ánimo das persoas asistentes, que foron entrando en calor e movéndose cada vez máis a medida que avanzaba o espectáculo.

O vocalista Fernán Varela. Foto de Anaí Zugazagoitia Pérez

O ton grave e denso das guitarras, inzadas de distorsión e wah-wah, encheu medio recinto do Resu, a pesar de que xa só o baixo tería bastado para facer vibrar a calquera nun radio ben xeneroso. A amplificación Fender e Orange que empregaba a banda prestábase moito a este son. Ademais, o grupo intercalaba de xeito dinámico as partes máis suaves ou as máis propias do rock duro setenteiro con outras que non sonarían fóra de lugar nun disco de Alice in Chains ou de Melvins, xerando un contraste que facía que estas últimas partes soasen aínda mais pesadas. O emprego de afinanción drop contribuía ademais a ese extra de potencia.

Foto de Anaí Zugazagoitia Pérez

A banda foi tocando unha canción tras outra con poucas palabras entre medias, especialmente antes de chegar á recta final. Foi nese momento cando tocaron “Save me”, un dos temas do álbum de 2011 Awen, que destacou nun repertorio onde estaba claro que o disco máis recente da banda. Altospeaker, ía ter un papel especial. Esta canción foi unha das máis animadas en canto a movemento do público se referiu, e a banda rematou os seus 45 minutos de actuación por todo o alto. Sen dúbida foi un comezo perfecto para es que non nos perdimos ás bandas galegas do festival, nin tampouco para todes es curioses que descubriron ese día a unha gran banda de rock.

Fire to the Barn. Foto de Anaí Zugazagoitia Pérez

Sandford Music Factory rematou ás 16:35, e despois do dilema entre os valenciáns de Noctem no escenario ritual e os barceloneses de La Inquisición no Chaos, chegou a quenda de ver a Fire to the Barn ás 17:20 no bulevar. A pesar de non tocar nun dos escenarios do festi propiamente ditos, facendo o concerto nun dos postos cun equipamento mínimo, tiveron polo menos unha vantaxe con respecto á banda anterior, que foi a de ter unha hora e cinco minutos para tocar. Ademais, falamos dunha zona moi transitada, ao estar preto da entrada e camiño ao escenario principal, polo que o metalcore da banda foi capaz de captar a atención de moita xente que pasaba por alí.

O batería e membro fundador Eric Gómez. Foto de Anaí Zugazagoitia Pérez

A formación, fundada durante o confinamento en 2020, está integrada dende 2022 por Eric Gómez á batería, Daniel Rego á guitarra, Cristian Díaz á voz e Javier Santano ao baixo; catro rapaces procedentes da vila de Viveiro e de núcleos cercanos da Mariña como Fazouro, Foz, ou a propia Celeiro, que forma parte do municipio de Viveiro e que é onde se ubica o Resurrection Fest. Tocaban, pois, practicamente ao lado das súas casas, polo que de seguro que xa foran asistentes habituais ao festival antes de ter a oportunidade de tocar e dar a coñecer o seu proxecto nel.

Javier Santano e Cristian Díaz. Foto de Anaí Zugazagoitia Pérez

Os medios cos que contou eran os mesmos que tocando nunha sala pequena, xa que nin sequera estaba microfonada a batería, e tampouco os combos cos que tocaron o guitarrista e o baixista. Isto facía que o ambiente fose moito máis informal e cercano, pero non por iso a execución da banda foi menos profesional. O cuarteto deu unha boa demostración de breakdowns de metalcore e tamén de pasaxes rápidas a medio camiño entre o hardcore punk e o thrash. Dende as primeiras cancións do concerto, “Nueva era” e “Game over”, desataron unha sucesión constante de riffs nos que o guitarrista puido empregar todo o seu arsenal de técnicas; non lle fixo falla facer solos para demostrar a súa habilidade co instrumento. A diferencia do caso de Sandford Music Factory, Fire to the Barn introduciu todas e cada unha das cancións que tocaron, aínda que polo momento só podemos escoitar dúas delas nas plataformas dixitais.

O guitarrista Daniel Rego. Foto de Anaí Zugazagoitia Pérez

Aínda que os membros do grupo apenas tiñan sitio para moverse no reducido escenario, souberon transmitir a emoción e a enerxía da súa actuación ante o público do festival, e este respondeu animándose pouco a pouco tamén. O grupo viveirense interactuou sempre con naturalidade, contando anécdotas das canción como a que foran compostas a partir de audios de whatsapp. Este foi o caso de “Falso profeta”, o primeiro tema da banda e tamén unha das gravacións dispoñibles para a súa escoita na rede. Xa estabamos pola metade da actuación, mentres o grupo interpretaba “Rabia contenida”, cando unha nova remesa de xente chegou ao concerto e animou aínda máis o ambiente con pogos e moito headbanging.

Tres dos membros da banda. Foto de Anaí Zugazagoitia Pérez

A banda anunciou que estaba chegando o final do concerto, procedendo con dúas versións de bandas de hardcore; unha da inglesa Your Demise e outra da catalá Anal Hard. O público coñecía especialmente esta última, facendo un considerable circle pit en medio dos transeúntes e pedindo ao grupo que tocase outra ao rematar. Porén, a pesar de que aínda quedaba bastante para que rematase o tempo asignado á banda sobre o escenario, xa finalizaran todo o seu repertorio. Solucionaron o problema repetindo un par de canción que xa tocaran anteriormente, deixando, agora si, satisfeitos aos seus (novos) seguidores.

Javier Santano foi o último membro en incorporarse ao grupo. Foto de Anaí Zugazagoitia Pérez

Unha vez rematado o concerto puidemos prepararnos para ir ao escenario principal a ver ao icono do heavy metal e o hard rock dos anos 70 Alice Cooper, xa que os concertos galegos anteriores coincidiran cos bolos das bandas de metalcore Crystal Lake (a segunda banda xaponesa da xornada) e Paleface Swiss alí. E ainda quedaba moito concerto por diante, posto que tamén tiñamos por ver a Machine Head, Kerry King, Comeback Kid, Sum 41 ou Biohazard ata as 2:40. Pero sen excederse, que aínda quedaban tres días de estar no recinto dende o mediodía…

Crónica da seguinte xornada: https://roucoson.com/2024/11/12/as-bandas-galegas-do-resu-2024-dia-2-4/

Crónica da última: https://roucoson.com/2025/04/17/as-bandas-galegas-do-resu-2024-dia-4-4/