O galego tamén soa duro: punk, metal e rock duro de hoxe na nosa lingua

Ilustración de Pruden Tatuaxes para Nós Diario.

Aínda que o rock duro, o metal e o punk leven décadas soando con forza en Galicia, literalmente, a actual é unha das etapas nas que a lingua galega estivo máis presente nestes estilos, se non é a que máis. O que nos anos 80 e 90 era cousa só de pioneiros ou de escenas moi concretas hoxe chega a todo tipo de bandas en todos os subxéneros, e hai uns cantos. E o máis importante, a meirande parte destas bandas son de recente creación, novas fornadas que se suman a moitos vellos nomes que aínda seguen en pé e cantando na nosa lingua. Algunhas delas cantan integramente en galego, outras o fan parcialmente, pero todas levan a bandeira da escena galega polo país adiante e mesmo fóra del.

Aínda que moitos dos subxéneros dos que falaremos sexan pouco coñecidos para o gran público, e incluso a súa diferenciación resulte confusa, en todos atopamos bandas de música en galego moi a ter en conta, aínda que sexa no marco da escena subterránea. Entre eles, os que poderíamos agrupar no punk e hardcore sempre foron con certa vantaxe no que a empregar a lingua se refire, dado o seu histórico compoñente reivindicativo, e hoxe en día seguen a aportar numerosos nomes á música en galego.

No punk rock e o hardcore punk máis clásicos, por exemplo, podemos atopar a bandas como Eskravos e Noxo dende a Estrada, Copa Turbo dende Compostela, Crise dende A Coruña, Bule dende Pontedeume, Kona Ke Te Fixo dende A Bandeira, Satxa dende O Morrazo, Lamprea Explosiva e Os Rosmóns dende Vigo, Seitura dende o Val Miñor, Cazacús dende A Guarda ou Lisdexia, Archivo Adxunto e Kondusión Kolérika dende Muros. O espírito do bravú dos 90 segue vivo en grupos como Gallego Común, do Morrazo, ou Os Vacalouras, de Teis, e este último destaca tamén por incorporar elementos folk á súa música, como fai o coruñés Bastards on Parade, o ferrolán Farrapos de Ghaita, o vigués Falperrys ou o compostelán Tecor Societário.

Tamén en Compostela podemos atopar o pop punk de Noite Atari, e na Pobra do Caramiñal, o punk de garaxe dos Bar Ban Sónicos, un estilo máis retro que foi levado polos muradáns de Terbutalina polos festivais de todo o país nos últimos anos. Outras bandas mesturan o punk con diferentes estilos de rock alternativo, como é o caso de Lóstregho en Ponteceso, Superoito en Ordes, Nuada en Paradela, Marela na Bandeira ou Grima en Pontevedra.

Non se pode esquecer tampouco o caso dun subestilo que foi, ata a irrupción da música urbana en galego nos últimos anos, un dos reis dos festivais do verán: o ska punk, no que atopamos a bandas tan míticas como Dakidarría, Liska, Trapallada, Maskarpone ou The Skarnivals, estes últimos actualmente inmersos, iso si, na súa xira de despedida. Todos estes nomes de bandas fundadas nos últimos anos ou nas últimas dúas décadas súmanse aos de verdadeiras lendas que levan activas dende os oitenta e os noventa, como Zënzar, Rastreros, Skacha, Keltoi, Ruxe Ruxe, Tiro na Testa ou a recentemente reunida Skárnio.

Xa entrando no terreo do hardcore máis moderno cabe mencionar a Acouga, co seu hardcore melódico chegado dende Pazos de Borbén, ou a Musgo 981, que dende Compostela mestura este estilo co stoner. Tamén é un caso peculiar o do dúo compostelán Grampoder, formado por veteranos da escena noventeira que incorporan o hardcore a un cóctel que inclúe tamén folk e indie. O hardcore máis pesado e metálico, por outra banda, ten como expoñentes en galego a Fractura ou Derradeiro Nível, asentados en Vigo. Tamén se atopan a medio camiño entre o hardcore, o punk e o metal bandas como Noxxo, da Coruña, Cru, de Carral, ou Okeoh, de Vedra.

No estilo máis extremo do crust punk, que conta cunha gran tradición en Galicia, atopamos tamén hoxe varias bandas con letras en galego. Os guardeses Tenue mesturan o subxénero con outros como o black metal, ao igual que fan Herr Container dende o Morrazo, ou co emo e o screamo, como fan tamén os pontevedreses Herba. Un caso especialmente curioso é o do crust metálico de Sacrosanta Decadencia Occidental, banda fundada en Salamanca pero cunha vocalista guardesa que se encarga das súas letras escritas integramente na nosa lingua.

Indo agora ao ámbito do rock duro e o metal en galego, este viviu nos últimos anos unha tendencia similar á que viviu a música urbana: proliferaron as bandas que incorporan ao estilo influencias do folk e a música tradicional galega, unha fusión da que foron pioneiros nos anos noventa os cangueses Astarot, aínda en activo. Liberad al Kraken dende Pontevedra, A Sombra dos Soños dende A Laracha, ou Sons of Exodus, asentada a medio camiño entre Compostela e a diáspora de Londres, practican esta mestura, coa que tamén coquetea o grupo vigués de power metal Aquelarre. Fundada na Mariña pero asentada en Vigo, Mileth incorpora pola súa banda diferentes estilos de metal extremo, e xa máis puramente dentro do black metal, do que falaremos máis a continuación, atopamos á banda coruñesa Lóstregos e á pioneira ourensá Xerión, un dúo que leva máis de dúas décadas mesturando o folk coas sonoridades máis escuras.

No eido do hard rock e o heavy metal máis clásico atopamos cantando en galego a bandas como as viguesas Suevia e Ardora, a estradense Os John Deeres, a cercedense Mr. Kamándula ou as coruñesas Furacán e Somos Nós. E como esquecer o caso do bravú hard rockeiro da arquicoñecida Heredeiros da Crus, en activo dende o 92. Máis no mundo do rock e o metal alternativo temos á lucense Arrhythmia, á lalinense Meu, á pontevedresa Calle del Ruido, á arousá Doen, á portense Raiba, ás cercedenses Broa e Machina ou á coruñesa Bala. E incorporando o hip hop a esta mestura súmanse QFB dende A Coruña, Deseqilibrio Mental dende A Casalonga ou Vimbio dende Ponteareas.

Imos pouco a pouco cara a estilos máis pesados como o metalcore de Brutal, dende Pontevedra, ou Cabodano, dende Sigüeiro. Os composteláns Nin a Tiros e Urko mesturan groove metal e hardcore, mentres que os ritmos lentos do doom metal están representados por bandas como a coruñesa Cruzeiro, a viguesa Luciférnaga ou o dúo Nados na Escuridade, a medio camiño entre Ourense e Ribadeo. E máis ambiental pero igualmente pesado é o post metal practicado polos ourensáns Tsuna ou polo proxecto unipersoal vigués Outubro, en ambos casos cunha forte influencia black.

Chegamos xa aos estilos máis extremos da música, que tamén viviron nos últimos anos unha particular explosión de bandas con letras en galego que apenas se vira en épocas anteriores. Iso si, é posible que para boa parte dos lectores resulte complicando distinguir as palabras entre as voces guturais… No death metal e o grindcore temos a M.U.G.R.E. dende Vigo, a Ultraxe dende Pontevedra, a N.O.N. dende Compostela, a Nashgul dende A Coruña, a Wisdom dende Ferrol, e mais a Mondo Podre, que ten os membros repartidos entre A Coruña, Pontevedra, Mos e Tomiño. Os composteláns Vurculac apostan polo death metal máis clásico e Desguazed polo death & roll dende o Deza, mentres que o dúo verinés Pneura mestura o estilo co crust punk. Deformeth formouse a medio camiño entre Compostela, Valga e Pontevedra, e fusiona o death co hardcore d-beat.

Finalmente, no black metal atopamos así mesmo a un gran número de bandas de diferentes subestilos, ademais das que xa mencionamos antes. Por unha banda, os soutomaiorenses Balmog, os ponteareáns Sulf-Atär e os pontevedreses Sartegos e Impaled Corpses engaden elementos de death metal no seu son. O trío Corteza Inhumana, dende Vigo, mestura o black e o thrash metal, mentres que o dúo ourensán Fata Inferna aposta por un black metal máis tradicional. Tamén atopamos en Ourense grupos de enfoque experimental como VRK ou Sordida Nox, que incorporan influencias do crust, o drone, o noise ou a música ambient. E outras bandas, como a pontevedresa Kathaarsys ou a viguesa Odregru, mesturan o black con metal progresivo.

En definitiva, no rock duro, no punk e no metal hai, hoxe en día, infinidade de agrupacións que empregan o galego para as súas letras e que poñen de manifesto a inmensa variedade e calidade da nosa música. E quedaron moitas no tinteiro! É unha proba máis de que o galego vale para todo; de que nel se pode cantar dende a melodía máis doce ata o máis desgarrador berro, permitindo crear obras marabillosas incluso nos rexistros máis extremos. Porque, como dixo Castelao, a lingua é matriz inesgotable de obras de arte.

Esta reportaxe foi publicada orixinalmente no suplemento do Nós Diario con motivo do Día da Matria Galega: https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/25-xullo-nos-diario-repasa-toda-actualidade-da-musica-galega-nun-especial/20240715213446202493.html