Normal, o novo disco de Noite Atari

O cuarteto compostelán de pop punk e punk rock Noite Atari ten xa segundo EP. Normal foi lanzado en plataformas dixitais o pasado día 10 de setembro, un ano e medio despois do primeiro EP da banda, Pais Ausentes. Estes dous traballos de arredor de 15 minutos de duración cada un conforman a discografía de Noite Atari, fundada en 2020 a partir de integrantes chegades de Cazacús, Impulsos Criminais ou Lost Psychotics. Pódese apreciar en ambos discos un estilo fortemente influenciado por bandas americanas dos 90 como Jawbreaker, Hot Water Music, The Bouncing Souls ou Green Day.

Con Normal e a súa canción homónima o grupo pregúntase, nas súas palabras, “que é exactamente ser normal e para que serve”. Foi gravado nos estudios Potemkin en abril de 2024, e nel buscaron un son “máis duro, máis sucio” e “máis parecido ao son de cando tocan en directo que ao seu anterior traballo”. É precisamente nos directos, sinalan, onde “ese son power pop transformase en algo máis cru, máis puro, no skate punk de finais de século que, ainda que o pureza, nunca marchou”. A banda define os seus concertos como “unha descarga de temas melódicos un tras outro, nostálxicos punteos de guitarra, velocidade e chistes malos”.

A portada do traballo

No referente ás letras do traballo, nelas deixan claro que non teñen máis pretensión que “sobrevivir, pasalo ben e non madurar”. Porén, nel están “máis enfadados” que en Pais Ausentes, pasando de “plantexarse fuxir do sistema a criticar, ironizar e clamar vinganza contra el”. Por exemplo, en “Martes” amosan o seu desprezo pola masificación turística da capital galega, e en “Comeorellas” sosteñen que “o público de hoxe está máis preocupado por saír nas fotos dos macrofestivais que en compartir espazos culturais”. Por outra banda, temas como “Soñando”, “Pixama” e “Violencia”, este último coa colaboración da cantautora cambadesa Pauliña, exploran a temática da necesidade de romper con todo e cambiar de vida, habitual na banda dende o seu primeiro disco.