Deleiba presenta o seu novo sinxelo e videoclip “O mundo ao revés”, primeiro adianto do que será o seu primeiro álbum completo de estudio: Ao Revés do Mundo. O tema xa está dispoñible para a súa escoita en Youtube e nas demais plataformas dixitais. Foi gravado polo xa afamado produtor Iago Pico, exmembro da banda de power metal Icewind e coñecido polo seu traballo con Tanxugueiras entre outros moitos grupos nos seus estudios Pouland, en Ames. Para o videoclip volveron contar co equipo de El Membrillo Studio, gravando na Coruña baixo a dirección de Bastian Rodríguez.
O cuarteto de Muros lanzou diversos EPs e sinxelos dende 2019, sendo o último deles o tema “Viento del norte” en marzo de 2023. Agora comezan por fin a conta atrás para un traballo de longa duración, para o que contaron con Iago Pico como en gravaciones anteriores. Este será estreado previsiblemente a finais deste ano 2024. Antes diso, os de Muros lanzaran outros dous adiantos máis, pendentes aínda de ser desvelados. A propia banda define o estilo de “O mundo ao revés” como “máis emo, emulando o hardcore melódico de mediados dos 2000 para facer xustiza á temática”. Para o seu novo disco pretenden precisamente “incorporar novos elementos musicais ao punk rock melódico” do grupo. Tamén describen a nova canción como “compacta” e “potente”.
No referente ao apartado lírico, dende Deleiba explican que se trata dunha letra “intimista”, que naceu “de vivencias persoais, na que se buscan respostas ante a ausencia de responsabilidade afectiva na sociedade capitalista”. Fan deste xeito “unha reflexión sobre o individualismo que ateiga os nosos días, e un chamamento a pór cadanseu gran de area para coidarnos”, engaden. Deste xeito, ese “é o mundo ao revés, ou son eu o que está ao revés do mundo” da título non só á canción, se non ao conxunto do futuro disco.

O álbum estará formado en total por 10 cortes, 8 deles en galego, na liña do grupo de mesturar as cancións na nosa lingua co español. As súas temáticas xirarán en torno a cuestións de crítica social, románticas ou persoais. O cuarteto promete que Ao Revés do Mundo será “o traballo máis potente, melódico e elaborado da banda”. Será lanzado da man da súa nova promotora, Toxo Verde, coa que asinaron o pasado mes de setembro.
“Grazas a esta alianza, veremos á banda presentar o novo disco en salas e festivais de todo o país durante o 2025”, afirman os muradáns. Deleiba xa pasou por festivais galegos tan destacados como o Resurrection Fest de Viveiro, o Caudal Fest de Lugo, o Castelo Rock do seu Muros natal ou o Festival das Carrilanas de Esteiro. Tamén polo Tsunami Xixón de Asturies. Co seu novo videoclip dirixido por Bastian Rodríguez pretenden precisamente reflectir “a actitude característica” dos directos do grupo, amosando o que consideran “o seu mellor momento de forma”.

A produción do vídeo correu a cargo de Elías Pombar, con Aldara Pardo como auxiliar de produción e arte, mentres que a dirección de fotografía e a etalonaxe foi de Pedro Galbán, e a dirección de arte e vestiario, de Julia Amigo. David Suárez foi operador de cámara e auxiliar de montaxe, e Daniel Pérez Silva, auxiliar de cámara e encargado do grafismo. Tamén se gravou un vídeo do “como se fixo”, realizado por Sergio Estévez Ferreira. Ademais, a portada do sinxelo e os deseños da banda foron responsabilidade do deseñador gráfico e tamén músico Miguel Duarte.
Deleiba nace na vila mariñeira de Muros, reunindo a cinco veciños provintes de diferentes tradicións musicais. O grupo está conformado por Germán Mosqueira París na voz, Alberto Romero Pedrosa e Denís Lamela Martínez nas guitarras, Jesús Saborido García no baixo e Mauro Gómez Lamela na batería. En 2019 estréanse con El Último Eslabón, EP ao que seguiu en 2020 MMXX (I), outro EP. A publicación nos anos seguintes dos sinxelos “Erguerse” (2021), “Alegre falsedad” (2022), e “Viento del norte” (2023) serviu como preludio da gravación do que será o seu primeiro álbum, que foron preparando amodiño nos últimos anos.
Califican o seu estilo de “rock de alta octanaxe mais accesible para todos os oídos” e de “moderna reformulación do punk rock melódico, con ritmos acelerados, pasaxes emotivas, solos de guitarra e xogos co público que aportan dinamismo a unhas representacións cheas de teatralidade e axilidade”. A súa pretensión manifesta é a de ser un proxecto non só “efectivo, senón artisticamente rompedor”. Teñen tocado por salas de todo país, e resultaron gañadores do concurso de bandas da emisora coruñesa Cuac FM de 2019.