Con fotos de Yolanda Ataraxia.
O trío compostelán Battosai ten xa novo álbum, Lágrimas y Milagros, lanzado o día 31 de outubro baixo o selo discográfico Spinda Records. Trátase da continuación do seu álbum homónimo, o primeiro da súa traxectoria, lanzado o pasado 2021. Este primeiro disco colleitou unha excelente acollida en medios especializados e veu acompañado dunha xira de presentación de 40 datas por toda a xeografía estatal xunto a recoñecidas bandas do panorama underground. Agora, a banda comeza unha nova etapa que chega despois dun cambio case completo na súa formación; agora, o membro fundador Héctor Ojea, responsable das guitarras e as voces, está acompañado de Mauro Gómez (Deleiba) á batería e de Carlos Freire (Biribirlocke) ao baixo.

Coas novas incorporacións, a banda embarcouse na gravación dun álbum que pretende precisamente reflectir, en palabras da propia banda as súas vivencias persoais nos últimos anos: “Cambios na formación, cambios persoais, procesos de loito e etapas que se pechan”. “O álbum en si é unha crise de crecemento”, sinalan. Estilisticamente apuntan que o novo traballo “supón un paso adiante para unha banda que naceu nun primeiro momento da paixón polo grunge e o rock alternativo dos 90”. “Seguimos abrazando o rock alternativo, mais xogamos algo co post-hardcore ou o shoegaze”, afirman, engadindo tamén que o novo lanzamento “ten unha aura máis escura, visceral e melancólica que a do disco anterior”.
Os composteláns volveron contar co produtor catalán Santi García, coñecido polo seu traballo con bandas estatais como Berri Txarrak ou Viva Belgrado, no estudio Ultramarinos Costa Brava. As voces foron gravadas e producidas por Iago Lorenzo, que traballou con Agoraphobia ou Heredeiros da Crus, en La Casa de Goyo, en Poio. E a masterización correu a cargo de Victor García. O deseño, por outra banda, foi obra de Miguel Duarte, cuxo traballo se pode ver en portadas de grupos galegos tan variados como Absorbed, Broa, Cuarta Xusta, Dakidarría, Deleiba, Liska, Machina, Nao ou Tanxugueiras.

Battosai lanzou diversos sinxelos e videoclips promocionais como adiantos do novo álbum. Nomeadamente, “Estrellas”, “Milagro”, e, por último, “Nunca Es Suficiente”. Agora xa se pode escoitar o traballo completo nas plataformas dixitais e mercalo nas súas edicións físicas, tanto en CD como en vinilo, dispoñibles na web da discográfica. O disco xa foi presentado o pasado día 31 en acústico no Transistor de Bertamiráns, e agora comezará unha xira de presentación propiamente dita por salas e festivais de Galicia e do Estado. A primeira data desta xira será este xoves 7 de novembro, acompañando a Viva Belgrado na coruñesa Sala Garufa. O 22 de novembro estarán na Sala Sónar de Compostela, e o 23, na viguesa Fábrica de Chocolate. Ademais, xa teñen datas confirmadas en Oviedo, Madrid, Valencia ou Cádiz.