“Incomprendidos”, primeiro sinxelo de Gracias por Nada

O trío vigués de pop punk Gracias por Nada (GxN) lanzou hoxe o seu primeiro sinxelo, titulado “Incomprendidos”. Trátase dun adianto do que será o seu tamén primeiro EP, que verá a luz proximamente. Tanto o tema como o disco foron gravados por David Carballo, “Deica”, guitarrista do quinteto punk estradense Eskravos.

A canción está xa dispoñible para a súa escoita en Youtube, e axiña o estará tamén nas demais plataformas dixitais. Foi anunciada no perfil de Instagram da banda o pasado día 24 de outubro, xerando unha grande expectación entre os seus seguidores, xa que, a pesar de levar dous anos dando concertos por diferentes cidades e vilas de Galicia, Gracias por Nada aínda non tivera ocasión de lanzar publicamente ningunha gravación.

A banda está formada por Sergio Maceira Cortegoso na batería e polos irmáns Miguel Mouriño Almeida e Alberto Mouriño Almeida no baixo e na guitarra, respectivamente. Estes dous últimos túrnanse ademais nas funcións de vocalista principal e corista, como se pode comprobar neste primeiro tema, no que se reparten equitativamente os seus versos ao máis puro estilo dunha das súas principais bandas de referencia, Blink-182.

O trío ten pasado por salas como a Moon de Compostela, a xa desaparecida SalaSon de Cangas, ou a viguesa La Fábrica de Chocolate, acompañando a bandas como Eskravos, Trikornio, Filtro. Tamén participaron en dous concertos organizados pola plataforma Grupos de Vigo en Loita, sendo o primeiro deles interrompido pola Policía Local na primeira canción e antes de que puidesen entrar en escea Os Vacalouras. Neles tamén coincidiron con Lamprea Explosiva, Dientes ou Arson Tides.

Nestas actuacións xa presentaron un amplo repertorio que incluíu dende o primeiro momento as cancións do futuro EP, sendo este “Incomprendidos” o tema co que sempre comezan os seus directos. O seu último concerto foi no Contrabajo xunto á madrileña Deaf Whale, pero axiña anunciarán novas datas para presentar o traballo.