Con fotos de Anaí Zugazagoitia Pérez.
Despois dunha primeira xornada moi prometedora, tocaba volver ao recinto do Resurrection Fest para seguir desfrutando das bandas galegas do festival. No segundo día de Resu tiñamos a actuación da banda coruñesa de metal alternativo Crowded, que colleu o testemuño de Fire to the Barn tocando no bulevar de entrada. E aínda que esta foi a única banda oficialmente galega da xornada, non podemos esquecernos do caso de Aneuma, banda de death metal melódico orixinaria do concello eonaviego de Navia.
Este municipio do oeste de Asturias é parcialmente galegofalante, presentando tanto parroquias onde se fala historicamente galego con outras con falas de transición entre o galego e o asturiano. Este último é o caso da Veiga, a parroquia onde se fundou Aneuma, que conta tamén con membros procedentes da vila asturiana de Luarca. Polo tanto, ao proceder da zona fronteiriza coa Galicia estremeira, non podiamos non falar desta banda, que ademais ten unha gran conexión coa nosa terra ao ter participado noutros festivais tan destacados como o Arcanxo Festival de Ponteareas ou o Napalm Fest de Sarria.

Aneuma comezou o seu concerto ás 14:45, abrindo o escenario Chaos, especializado en xéneros como o metalcore ou o hardcore. Aínda así, coincidiron en horario coa banda de metalcore madrileña Fallen at Dawn, que subiu ao escenario Ritual. A banda naviega demostrou sobre as táboas do Chaos o seu estilo de death melódico cunha notable influencia tanto do metalcore como do heavy metal tradicional, no que teñen un gran protagonismo as melodías de guitarra de Borja Suárez e Abel Suárez.
A banda sacou en marzo deste ano o seu ségundo álbum, Venom, a continuación de Climax, do 2022. Con ambos álbumes colleitaron unha grande acollida entre a crítica e o público da escena, que lles levou non só a tocar no Resu, senón tamén no Wacken alemán a través da súa batalla de bandas de 2023. Tanto os guitarristas xa mencionados como o batería Jorge Rodríguez formaron ou forman tamén parte doutras destacadas e veteranas bandas de Asturias como Sound of Silence, Blast Open ou Legacy of Brutality. Súmanse a eles o baixista Pau, cuxo son conta cun notable protagonismo tanto en estudio como nos directos da banda, e a vocalista e frontwoman Laura Alfonso, co seu amplo rexistro de voces guturais.

Foi un concerto moi especial; e non só pola gran resposta e a participación que conseguiron do público, que bailou dende as partes máis rápidas das cancións de banda ata os riffs máis pesados, que destacaban aquí ou acolá entre os ritmos normalmente de medio tempo que caracterizan á banda. Foi precisamente no medio dun circle pit organizado dende o público pola propia vocalista ao final do último tema do concerto, “Ashes of your fears” cando Abel baixou do escenario tamén para pedirlle que casara con el, para sorpresa tanto das persoas asistentes como da propia vocalista, que aceptou inmediatamente á proposión. A pesar de ter tocado no Wacken, foi no Resu o concerto elixido para este momento, que de seguro será inesquecible para toda a banda.

Aneuma rematou ás 15:30, e dous concertos despois foi a quenda de Crowded, que comezou tocar ás 17:05 no posto do bulevar. Coincidiron coa banda de hardcore canadiense Counterparts no escenario principal e cos punks vascos de La Excavadora no Desert. Crowded é unha banda moi nova, fundada na Coruña en 2022, e integrada por membros tamén moi novos, arredor dos 20 anos de idade. A pesar disto, a banda xa ten percorrido un bo número de escenarios, tanto na súa cidade como noutros puntos de Galicia, como Vigo, Sarria, Compostela, Oleiros ou Ferrol. A súa formación está composta por Joaquín Prendes Álvarez na voz, Hugo García-Mares Fernández na guitarra, Gael Carrillo Sanz na guitarra, Santiago Vázquez Montes no baixo e Nicolás Iglesias Amor na batería.

O quinteto aproveitou a ocasión para presentar o seu primeiro e polo momento único traballo, o EP Underdogs, lanzado de xeito independente en 2023. Porén, tamén aproveitaron para presentar temas novos, estando a banda preparando xa o que será o seu seguinte disco. En todo caso, tanto os temas do EP como os outros seguen o estilo de metal alternativo da banda, caracterizado por influencias do metalcore ou do rock alternativo noventeiro e tamén de bandas clásicas de metal como Metallica ou Pantera. De feito, aproveitaron a ocasión para tocar tanto “Domination” como “Five minutes alone”, dous dos temas máis destacados desa banda texana que o ano anterior encabezou o cartel do festival, a pesar de que dende Crowded admitiron entre risas que levaban xa tempo (concretamente 6 meses) sen tocalas en directo.

De novo, o público do bulevar amosouse moi participativo, movendo as súas cabezas e bailando pogo ao son da banda. O feito de non estar nalgún dos escenarios propiamente ditos do Resu non foi un impedimento para que tivesen lugar os tradicionais circle pits e walls of death do evento. A xente animouse incluso con outro tipo de bailes, dende o limbo ata a macarena. Pero non extrañaba que houbese tanta química entre os dous lados do escenario, xa que moitas das persoas asistentes trouxeron de casa as súas camisetas da banda, idénticas á que lucía colgada da varanda que separaba aos intérpretes do público. Crowded correspondeu aes súes seguidores aproveitando ao máximo toda a mobilidade permitida polo pequeno escenario.

Foi un concerto intenso e divertido, cun público que, xa entrada a media tarde, xa estaba listo para ver os concertos dos grandes nomes da xornada, como Bruce Dickinson, Bring me the Horizon, Crypta, High on Fire, Ihsahn ou Lendakaris Muertos. E aínda quedaba moito festi e 5 bandas galegas por diante, tanto no bulevar como nos escenarios Ritual e Desert.
Podedes ler a nosa crónica da xornada anterior, con Sandford Music Factory e Fire to the Barn, aquí: https://roucoson.com/2024/09/22/as-bandas-galegas-do-resu-2024-dia-1-4/
A xornada seguinte tédela aquí: https://roucoson.com/2025/04/16/as-bandas-galegas-do-resu-2024-dia-3-4/

