A nova banda de hardcore metálico Shut Thy Guilt, procedente da Coruña, publicou o pasado día 10 de novembro o seu primeiro sinxelo, “Suffering in Perseverance”, nas principais plataformas dixitais. Esta canción, acompañada do seu correspondente videoclip, veu a luz despois dun ano de actividade da banda, no que esta deu numerosos concertos en diferentes puntos de Galicia para amosar a súa proposta. O quinteto naceu a mediados do ano 2023, e dende entón está composto por Diego Sánchez Díaz, Rubén Rey Varela, Diego López Lago, Manuel Brandariz Vázquez e Álvaro Sancosme Parada. Varios deles contan tamén con traxectorias noutras agrupacións da zona como Crystal Somnia, Voodoo, Hateout ou mesmo da mítica banda de power metal progresivo larachesa Tálesien.
Os coruñeses comezaron a dar forma ás súas ideas inspirados por bandas de hardcore e metal extremo como Sepultura, Malevolence, Kublai Khan ou Knocked Loose. Destacan que “o proceso foi moi sinxelo debido á química que houbo na banda dende o principio, tanto a nivel musical na composición como a nivel humano, pola estreita amizade entre todos os membros”. Xa en 2024 comezaron a dar concertos, acompañando a bandas galegas e internacionais como Aneuma, Liquid Flesh, Nordés ou Tear Me Apart.

Mentres realizaban estas primeiras actuacións, comezaban de xeito paralelo o traballo compositivo e de estudio que os levou agora á publicación de “Suffering in perseverance”. Para crear o tema, a banda traballou man a man con Yago C, técnico de son e produtor que xa ten traballado con numerosas bandas emerxentes da escena. Con el gravaron, mesturaron e masterizaron o sinxelo. E, por outra banda, para o videoclip contaron con JohnBestboy, que ten realizado videoclips para formacións como Strikeback, e mais con Vane G. Figueira. Xuntes encargáronse da produción, gravación, edición e montaxe do proxecto.
Segundo explican os membros de Shut Thy Guilt, tematicamente a canción é “unha crítica ao sistema psiquiátrico e á maneira en que este se constrúe, orientado á nosa produción e funcionamento dentro do sistema”. “Sen ningún enfoque no acompañamento, na atención ou na cura do que nos destrúe silenciosamente, ofrece unicamente medidas paliativas para que poidamos seguir asistindo ao noso centro de traballo ou estudos sen perder o ritmo, aínda que iso implique que a medicación nos acompañe ata a tumba”, sinalan. Os coruñeses amósanse “moi satisfeitos coa recepción deste primeiro traballo”, e prometen “un ano 2025 cheo de concertos con bandas importantes dentro da escena e do xénero”. Ademais, seguen traballando para lanzar novos temas, algo sobre o que irán informando proximamente.