A cantautora e poeta coruñesa Lucía Aldao publicará o venres 29 de novembro o seu novo sinxelo xunto á súa banda Pava, titulado “O himno da lesión”. Trátase do novo avance do que será o seu terceiro disco co grupo, co que practica unha mestura de estilos como o pop, o rock alternativo ou a psicodelia. Este EP que será titulado Pava 3, en consoancia cos seus predecesores Pava (2021) e Pava 2 (2022) verá a luz no vindeiro mes de decembro.
“O himno da lesión”, cunha portada asinada polo artista local Antón López Bazarra, é un tema, en palabras da artista, feita “en modo supervivencia”. Tal e como expón Lucía Aldao, “se as cancións puidesen ir a terapia, a psicóloga a esta diríalle que fixo un esforzo moi grande por manterse alegre e con certa coña a pesar de todas as tristezas que está enumerando”. Deste xeito, “O himno da lesión” é unha canción “que non se pode deixar caer, porque sairía un tema horroroso e terrible, así que nin tan mal, pero a procesión vai por dentro, ou sexa, por detrás da canción”, explica a cantante e guitarrista. “Podería ser un tema terrible pero a procesión vai por dentro, ou neste caso, por detrás da canción, e a ringleira de dores muta nun retrouso que é un berro”, engade.
Este sinxelo será o segundo avance do novo traballo, despois do xa lanzado “Catastro”, dunha formación que resultou gañadora do Premio Martín Códax 2024 na categoría Pop e Indie e do Premio Narf 2023. O cuarteto está conformado, ademais de pola propia Aldao, por Analís Guillín na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable da música e das letras dos temas, e o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, produtor da banda
Lucía Aldao (A Coruña, 1982) comezou en 1998 a súa traxectoria poética, que lle levou a editar diversas obras e a participar en numerosas antoloxía. En 2005 xuntouse coa ceense e tamén poeta María Lado, dando lugar a Aldaolado, un dúo que mestura a poesía, o humor e a música en diversos espectáculos cos que teñen xirado por todo o país e fóra del.
