Con fotos de Anaí Zugazagoitia Pérez.
O cuarteto coruñés Perpetual e o quinteto ferrolán Keepers foron as dúas bandas galegas que subiron aos escenarios na terceira xornada do último Resurrection Fest. A veterana banda de death metal, fundada en 2006, foi a encargada de estrear o escenario Ritual ás 14:50 do mediodía; a novísima banda especializada en versións, que xa comeza a ter temas de seu, tocou por segunda vez consecutiva no bulevar de entrada. Fíxoo 20 minutos despois de que rematase Perpetual, entre as 15:55 e as 16:55 da tarde. Falamos de dúas bandas galegas moi diferentes que se encargaron de amosar, unha vez máis, a calidade e diversidade da nosa escena, entre nomes internacionais tan destacados como os de Accept ou The Offspring.

Perpetual tivo que competir coa banda vasca de death metal melódico The Descent no escenario Desert e a tamén vasca Frakture no escenario Chaos, pero nin iso nin a choiva puideron impedir que un bo número de fans e de curiosos se congregase diante do seu escenario. Había moito barro por todas partes, pero tamén moitas ganas de ver como un dos principais expoñentes do death galego actual tachaba da súa lista o fito de tocar no Resu; de feito, non faltaron entre o público integrantes de numerosas bandas galegas, apoiando aos seus compañeiros de escena.

Estes celebraban nada menos que o seu 18 aniversario, con tres álbumes e un EP ás súas costas. A banda está actualmente integrada por Héctor na voz, Borja na guitarra, Eloy no baixo e Iván na batería; a mesma formación que gravou o seu último álbum Memento Mori, lanzado en 2022. Presentaron este traballo no festival (despois de telo estreado na Sala Capitol e paseado por numerosas cidades e vilas), polo que dominou claramente o setlist. Porén, tamén houbo oco para varios temas de Maze of Chaos, o seu segundo álbum, lanzado en 2018.

Nas diferentes cancións que interpretou a banda puidemos apreciar claramente o seu estilo característico, sendo este un death metal clásico pero tamén ecléctico: podemos apreciar no seu son riffs claramente influidos polo black, outros máis doom, outros máis melódicos… Moitos medios tempos, pero tamén partes rápidas a morrer cheas de blast beats e partes lentas e pesadas para contrastar. Practicamente desplegaron todo o arsenal do death metal da vella escola en 45 minutos de concerto, con riffs relativamente sinxelos pero agresivos e asoballantes.

A pesar do tempo e das malas condicións do terreo, as persoas asistentes non dubidaron en vivir ao máximo o concerto facendo mosh, crowdsurfing e incluso os circle pits que o propio Héctor xa se encargou de pedir dende o escenario. Os múltiples cambios de ritmo das cancións da banda facían propicios estes bailes, especialmente nos temas que empregaron para rematar, como “Maze of chaos” e “Lobotomy”, do segundo álbum da banda. Tamén destacou, cara a metade do concerto, a interpretación de “My death hope”, o sinxelo e videoclip de Memento Mori.

Unha vez rematado Perpetual, aínda recuperándonos do mosh e do death metal, tocaban os asturianos Teksuo no escenario principal e os andaluces The Electric Alley no Desert, pero nós optamos por aproveitar os 20 minutos que tiñamos libres para ir collendo sitio no posto do bulevar onde ía tocar Keepers. A banda ferrolá xa causara sensación sendo a banda máis nova da edición do ano pasado, e esta vez volvían ter esa honra, polo que había unha grande expectación. Había que coller bo sitio! Cabe mencionar que o quinteto ensaia nos locais de ensaio de Ferrol, e entre as persoas que asistiron puidemos atopar a Nerea Carballeira, responsable dos locais e integrante de Farrapos de Ghaita, a quen xa coñecimos na loita pola reapertura deste espazo despois da pandemia. Unha aperta enorme dende aquí!

A banda esta integrada por mozas e mozos de Ferrolterra: a naronesa Ari na voz e o teclado, o ferrolán Adri na guitarra, o fenés Íker na guitarra, a ferrolá Azalea no baixo e o nedense Dani na batería. O quinteto, que define o seu estilo simplemente como rock/metal, tocou unha gran variedade de versións, comezando con cancións como “Paranoid” de Black Sabbath ou “The final countdown” de Europe. Nelas, aínda que as reproducen fielmente, aplican leves variacións, como, por exemplo, solos extendidos repartidos entre os dous guitarristas, que non dudan en atreverse con partes harmonizadas de gran dificultade.

Destes temas pasaron a “Bulls on parade” de Rage Against the Machine ou a “The kids aren’t alright” de The Offspring (avanzando así un dos temas máis coñecidos dun dos cabezas de cartaz da xornada). Amosaban deste xeito a súa gran variedade de rexistros, que xa nese primeiro tramo do concerto foran dende o heavy metal ao pop punk pasando polo rap metal e o rock duro. Amosaron ademais unha gran enerxía no reducido escenario e estableceron un gran contacto co público, especialmente co liderado de Ari, demostrando a súa ampla experiencia de decenas de concertos a pesar da corta idade media do grupo.

En todo caso, non todo ían ser clásicos dos 70 aos 90. O grupo tamén interpretou os seus dous temas propios dispoñibles ata o momento en plataformas dixitais: a rápida “The game of mind”, cun sorprendente estilo speed metal que puxo a bailar ao público, e a pesada e escura “Jane Doe”, na que destacou o protagonismo do baixo de Azalea. Deste xeito, exploraron posibilidades moi diferentes en só dúas cancións cheas de melodías pegadizas e solos a todo trapo. E a xente do Resu amosou a súa clara satisfacción coas pezas. Agardemos que teñan moitas máis dispoñibles axiña!

Tamén se atreveron con temas tan complexos como “Tornado of souls” de Megadeth, sen saltarse os seus solos de guitarra, lendarios pola súa dificultade. Pola súa banda a batería brillou especialmente coa interpretación de “Rock and roll” de Led Zeppelin, un tema que xa fóra un dos máis destacados no concerto do grupo no Resu de 2023. Tamén repetiron “Welcome to the jungle” de Guns n’ Roses, ou “The trooper” de Iron Maiden, coas súas voces operáticas, as súas guitarras harmonizadas. e o seu intrincado baixo.

Na recta final do concerto o grupo seguiu con outra das súas versións máis características, “You shook me” de AC/DC, e logo con “Jump” de Van Halen, despois de amagar co riff de “La grange” de ZZ Top. Ari luciuse co solo de teclado interpretado orixinalmente por Eddie Van Halen, tocando o instrumento ao longo de toda a canción mentres cantaba. E, xa rematando, atrevéronse con outra de Rage Against the Machine, “Killing in the name”. Finalizaron o concerto asinando autógrafos e lanzando o seu merchan á audiencia, que pelexou por el como proba do moito que desfrutara o concerto. De seguro, veremos como a banda segue medrando ano tras ano en moitos máis festis como este!
Crónica da xornada anterior: https://roucoson.com/2024/11/12/as-bandas-galegas-do-resu-2024-dia-2-4/
Crónica da seguinte: https://roucoson.com/2025/04/17/as-bandas-galegas-do-resu-2024-dia-4-4/


