Con fotos de Anaí Zugazagoitia Pérez.
O sábado do Resurrection Fest 2024 comezaba cun gran dilema, pois dúas bandas galegas tocaban á vez á 13:30 do mediodía. Inicialmente non ía ser o caso, pero logo de varios cambios de horarios, Her Anxiety e Balmog subirían ao escenario á mesma hora. Falamos ademais de dúas bandas da comarca de Vigo, para máis inri; o quinteto vigués de metalcore tocaría no escenario Desert, mentras que o cuarteto soutomaiorense de black metal o faría no Ritual. Ante esta dicotomía, tomamos a decisión de ver medio concerto de cada unha das bandas.

Comezamos pola banda máis veterana das dúas, Balmog. A pesar do mal tempo, xa había bastante xente pola zona cando chegamos, aínda que parte dela estaba facendo cola para a firma dos alemáns Electric Callboy e outra agardaba no escenario principal polo concerto da banda española Bolu2 Death. En todo caso, un bo número de fans do metal extremo e de Balmog en particular congregouse diante do escenario, preparado para o concerto dunha das bandas máis internacionais e míticas da escena black galega.

Os de Soutomaior comezaron o concerto de costas ao público antes de revelar o seu corpsepaint e a súa presencia asoballante no escenario, que complementa á perfección ás súas cancións escuras, longas, disonantes e cunha notable influencia do death metal nelas. A pesar das horas, estando nós máis acostumados a velos na negrura da noite, conseguiron conxurar a mesma atmósfera que caracteriza a todos os seus concertos, apoiados por un público fiel e claramente seguidor do xénero (como se podía apreciar nas camisetas que se vían por todas partes entre as persoas asistentes).

A desgarradora voz de Balc, tamén guitarrista da banda, acompañaba tanto os ritmos pesados como os blast beats de Virus, así como ás pulsacións do baixo de Morg; os tres son membros fundadores do grupo, procedendo os dous primeiros de Inmacula Morten e o terceiro de Mydgard e Unhallowed. Ademais, Balc é tamén membro de agrupacións como Marthyrium entre outras, e o foi de Scent of Death ou Witchfyre. Aínda que historicamente foron un trío, dende hai uns anos son 4 os membros da formación, contando agora con belga Dorl Mathos (Heinous, Perkolator), na segunda guitarra.

Confórmase así unha banda cunha dilatada discografía, cuxa última adición fora o EP de 2023 Covenants of Salt. Este traballo composto por unha única canción de 18 minutos foi a continuación de Pillars of Salt (2020), estruturado do mesmo xeito. Entre as dúas cancións, o grupo lanzou tamén o seu cuarto álbum de estudio completo, Eve (2021). Xa vos temos falado destes traballos varias veces nas páxinas desta revista, así como dos seus anteriores álbumes, Vacvvm (2018), Svmma Fide (2015) e Testimony of the Abominable (2012).

O cuarteto conseguiu crear un muro de riffs densos acompañados ocasionalmente de liñas de guitarra solista igualmente escuras. Percorreron así todo o arsenal do black metal, deixando francamente atónitas á meirande parte das persoas que agardaban polas súas sinaturas de Electric Callboy. Balmog foi, ademais, unha das poucas agrupacións que empregou o galego no festival, expresándose integramente na nosa lingua entre cancións. Na súa discografía podemos atopar tamén diferentes temas e fragmentos de temas escritos en galego (que era ademais a lingua das letras da súa banda precursora Inmacula Mortem xa polo ano 2001).

Un chisquiño antes das 13:50, que marcaban exactamente a metade dos dous concertos, emprendimos o traxecto cara o Desert Stage para ver a Her Anxiety, a gañadora do concurso de bandas do festival. O quinteto desenvolvera unha boa campaña propagandística para que a xente acudise ao seu bolo; e a iso hai que sumar que a súa vocalista, Aida Anxiety, é un rostro coñecido nos últimos anos no festival polas súas chamativas indumentarias tanto como asistente como, agora, enriba do escenario.

No seu concerto tamén había un numeroso público, con tanto fans da escena galega e viguesa como xente que descubrira a banda no propio festi. Estaba claro que era unha ocasión moi especial para os membros da banda, e non en van estrearon novos uniformes a xogo para complementar os xa característicos conxuntos de Aida. Tamén o era para es súes seguidores, totalmente entregados ao directo do grupo e facendo pogo, movendo as súas cabezas e correndo nos circle pits. Tamén cantando as súas cancións, potentes pero tamén moi pegadizas tanto nos retrousos limpos como nas voces berradas.

Her Anxiety estaba presentando o seu álbum de 2022 No Land in Sight, o primeiro baixo o seu actual nome logo de varios anos operando como a banda predecesora His Anxiety, formada en 2012. Entre os integrantes da banda atopamos a Jorge (tamén membro de Mileth) e a Rodri, que foron tamén os guitarras dos grupos vigueses de death metal melódico Dysnomia e Dark Eternity, explicando así en boa parte o notable ingrediente melodeath da música de Her. Rodri, ademais de ser compositor principal dos temas, aporta as voces limpas a varios deles, contrastando deste xeito cos guturais de Aida, tamén fundadora ao igual que o baixista Juan. O recén chegado é Gerard, que colleu o testemuño de Josué na batería pouco despois do lanzamento do álbum.

“Dear lion”, o primeiro sinxelo de adianto e videoclip de No Land in Sight, marcaba que o concerto se atopaba xa na súa recta final. Pero, como xa se encargou o público de reclamar, o grupo non podía marchar sen tocar “Adrift”, un dos temas máis rápidos e á vez pesados do disco. Fixemos un bo wall of death nas partes rápidas, seguido dun circle pit, e o concerto rematou cos brutais breakdowns finais do tema, que progresan en brutalidade para converterse no broche de ouro perfecto.

Ás 14:10 remataría o concerto, polo que teríamos que agardar dúas horas para ver á seguinte e xa derradeira banda galega desta edición, a lucense Beach Avenue. Este trío tiña para tocar de 16:10 a 17:15 no posto do bulevar da entrada, antes do concerto de Baby Metal no escenario principal. Os de Lugo practican un rock alternativo que lembra poderosamente á escena grunge estadounidense e a Nirvana en particular, algo acentuado incluso polo aspecto físico e a presencia no escenario dos seus integrantes.

Como foi habitual nos concertos do bulevar, a banda contou con pequenos amplis e un set up caseiro que non por iso non cumpriu a nivel de son, chamando dende o principio a atención das persoas que pasaban dun lado a outro no festival. A súa actitude marcadamente punk non foi impedimento para que houbese tamén bastante guitarra solista e incluso solos de baixo e de batería. Notouse en todo momento a emoción do grupo por tocar, nas súas propias palabras, rodeados de bandas ás que idolatran.

A banda está composta por Iago á guitarra, Iñaki á batería e Vasco ao baixo, entrando este último seis meses antes na formación. De feito, esta empezou a súa traxectoria apenas ano e medio antes da súa aparición no festival, sendo o terceiro concerto de Vasco, pero múltiples fans xa coreaban dende debaixo do escenario os temas do traballo que xa tiñan editado. Tamén se animaron a facer mosh e circle pits, especialmente cos temas máis rápidos que aparecían aquí e acolá.

As voces de Iago, inspiradas perceptiblemente nas de Kurt Cobain, oscilaban entre os berros máis intensos e os susurros apáticos dependendo do que pedise a canción, contando como apoio con coros do baixista e do batería. Tamén houbo un par de cambios de guitarra segundo a ocasión. Os riffs do guitarrista son orgullosamente sucios e ruidosos, pero tamén melódicos, e foron ben acompañados polos ritmos pesados de Iñaki e os baixos de Vasco. Non deixaron de insistir en todo o concerto no afortunados que se sentían de estar tocando no bulevar do festival de Viveiro.

Despois dun bis moi reclamado, un público entusiasta pelexou polas baquetas e as púas dos membros da banda. Quedamos todes con ganas de máis (como sempre ocorre nos bos concertos), posto que o grupo rematou antes de tempo a súa actuación, poñendo doadas as cousas para ir ver a Babymetal no escenario principal. Cos concertos de Electric Callboy, Megadeth ou Finntroll concluiría unha nova edición do Resu ata o ano seguinte. Vémonos axiña de novo en Celeiro!
Crónica da anterior xornada: https://roucoson.com/2025/04/16/as-bandas-galegas-do-resu-2024-dia-3-4/
Crónica da primeira: https://roucoson.com/2024/09/22/as-bandas-galegas-do-resu-2024-dia-1-4/


