Catro bandas galegas no cartel do Resu 2025

Este verán volveremos ver no archicoñecido festival de Viveiro a varios grupos galegos de diferentes estilos. Este ano figuran no cartel catro dos nomes máis destacados das escenas rock e metal de Galicia: os de Moura, Aphonnic, Heredeiros da Crus e Archivo Adxunto. Súmanse así a unha programación que inclúe tamén a grandes bandas internacionais como Judas Priest, Korn ou Slipknot, co que o festival quere celebrar 20 anos de traxectoria.

Xa vos temos falado das catro bandas galegas varias veces nas páxinas desta revista. A coruñesa Moura levará ao festival o seu rock progresivo e psicodélico influenciado pola música tradicional galega, mentres que a viguesa Aphonnic volverá ao Resu pola porta grande, actuando esta vez no escenario principal. Este é un honor que moi poucas veces tivo unha banda galega en toda a historia do evento.

A muradá Archivo Adxunto tamén repite nos escenarios de Celeiro, mentres que para a mítica banda ribeirense Heredeiros da Crus si que será a primeira vez. A pesar de que falamos dun dos nomes máis veteranos do rock galego e dunha constante nos festivais de todo o país, será este ano cando tacharán por fin da lista o Resu. Será, sen dúbida, unha edición para a lembranza!