O trío vigués de pop punk GxN (Gracias por Nada) lanza o seu primeiro traballo de estudio, un EP homónimo que reúne 5 das súas cancións. O pasado día 7 de novembro a banda sacou o primeiro sinxelo de adianto do mesmo, “Incomprendidos”, e dende entón saíu tamén “Canción de amor adolescente” o 20 de decembro e “Entiéndeme”, en colaboración co dúo Kinss x Deica, o 24 de xaneiro. Agora están dispoñibles para a súa escoita en plataforma dixital tamén “Atardecer” e “Mañana se acaba el mundo”, o seu tema máis longo ata o momento con case 8 minutos de duración.
O grupo está formada por Sergio Maceira Cortegoso na batería, Miguel Mouriño Almeida no baixo e a voz e Alberto Mouriño Almeida na guitarra e a voz. Levan xa varios anos tocando por diversas salas das zonas de Vigo e Compostela, compartindo escenario con formacións como Eskravos, Trikornio, Filtro, Lamprea Explosiva, Dientes, Arson Tides ou Deaf Whale. Agora presentan por fin o seu primeiro disco. Este foi gravado, mesturado e masterizado por Deica, membro tamén de Eskravos, ao longo do ano 2024.
O estilo de pop punk rápido e noventeiro da banda fica claro dende o tema que abre o EP, “Incomprendidos”, co que tamén adoitan comezar os seus concertos e no que os dous vocalistas principais rótanse os versos entre eles. Este vén seguido por “Atardecer”, con Alberto na voz principal, e “Canción de amor adolescente”, na que Miguel desenvolve ese rol, igual que en “Mañana se acaba el mundo”. Esta última canción comeza como unha balada para engadir pouco a pouco de novo os elementos punk que caracterizan ao trío, e cara ao final contén os ritmos máis rápidos e intensos do disco.
En “Entiéndeme”, incluída como tema extra, Miguel e Alberto altérnanse os versos con Deica e mais con Kinss, tamén membro de Eskravos. Esta canción humorística ao máis puro estilo Blink-182, que inclúe tamén arranxos electrónicos, foi composta nuns minutos no estudio a modo de broma, pero rematou acadando miles de escoitas nas plataformas dixitais ao ser lanzada como sinxelo. Agardamos que axiña poidan presentar o traballo e estes temas ao vivo!
