O sexteto de power metal progresivo Tálesien lanza o seu novo sinxelo, “Volver”, con motivo do Día das Letras Galegas. Trátase da primeira canción en galego da banda fundada na Laracha, e está adicada “a todos eses galegos que viven fóra”. Xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais, e vén acompañada dun vídeo realizado por Luís Mosquera e publicado xa en Youtube. E como xa é habitual na banda, Iago Pico, recoñecido especialmente polo seu traballo con Tanxugueiras pero cunha extensa traxectoria ás súas costas, foi o encargado de producir, gravar, mesturar e masterizar o tema.
“Volver” é o primeiro lanzamento da nova formación da banda, que conta cunha ampla historia dende a súa fundación baixo o nome Kraken en 1999. O guitarrista Juan Carlos Cotelo e o vocalista Javier García, aínda en activo, foron dous dos membros de Kraken que refundaron o grupo como Tálesien no 2002. O teclista Ismael Vidal leva xa uns anos na formación, mentres que máis recentemente se incorporaron o batería Iván Couto, o baixista Jorge Sobrino e o guitarrista Manu Brandariz. Estes dous últimos son ambos membros da agrupación coruñesa de death metal melódico e progresivo Crystal Somnia. Iván é tamén integrante da banda de versións Máxica e, xunto a Juan Carlos, de 12Labirinto, mentres que Manu milita así mesmo en Shut Thy Guilt.

Para Tálesien, a nova canción supón un novo comezo cun novo estilo de metal moderno, definíndoa como “unha aposta valente e innovadora dentro do panorama musical galego” que “rompe moldes, tanto pola súa proposta sonora como pola mensaxe”. Con ela, buscan render homenaxe “á emigración galega pasada e presente e ao desexo universal de volver á terra”. Deste xeito, explican, “o tema combina unha produción actual da man de Iago Pico, prestixioso productor galego, cunha letra cargada de emoción, dando voz a todas aquelas persoas que, nalgún momento, tiveron que deixar Galicia”. Dende logo, trátase dun tema moi técnico e cheo de contrastes nos seus algo máis de catro minutos de duración. Mesturando os característicos retrousos pegadizos do grupo con seccións ambientais e riffs pesados e complexos, nunha estrutura pouco convencional (algo que, por outro lado, non é infrecuente na música dos da Laracha).
“Queríamos facer unha canción que emocionase a quen está lonxe, pero tamén a quen sente ese amor pola terra mesmo estando aquí”, declara Tálesien, que aspira a que esta se transforme “nun himno contemporáneo para os galegos e galegas da diáspora”. Sobre o vídeo que acompaña a peza, sinalan que “reforza a mensaxe do tema con imaxes simbólicas sobre a emigración, tendo como referencia principal a anduriña”. Resaltan ademais o traballo de dirección de imaxe e deseño realizado por Luís Mosquera, “unha nova promesa dentro do mundo do deseño gráfico en Galicia”.
O novo sinxelo colle o testemuño de “Último aliento”, canción lanzada o pasado ano 2024 pero gravada en 2021. Nese último ano gravaron e lanzaron tamén outra canción, “Obsesión”, acompañada no seu momento dun videoclip. Deste xeito van facendo camiño, pouco a pouco, cara a un novo disco, moi agardado dende a saída do seu último álbum, titulado Tálesien, hai xa 9 anos. Para a banda larachesa, “Volver” marca un punto de inflexión na súa carreira, ao presentar unha formación renovada e apostar “por unha fusión innovadora que pon o foco na identidade cultural dende unha mirada moderna”. Un novo paso para un grupo xa mítico en Galicia que nunca parou de reinventarse.
Máis de 25 anos de historia
Antes de cambiar o seu nome para que non coincidise co da histórica banda colombiana, Tálesien foi Kraken. Baixo este nome lanzaron a súa primeira demo Tierras de Sangre, da que por desgraza non hai apenas rastro en internet, no mesmo ano da súa fundación, 1999. Foi gravada por José “Bonham” Martínez nos estudios Voces Meigas da Coruña. Ao longo daquel ano deron decenas de concertos, compartindo escenario entre outras bandas cos tamén power metaleiros galegos Trashnos ou cos madrileños Easy Rider, conseguindo vender centos de copias da maqueta. Daquelas, a formación estaba composta por Juan Carlos Cotelo e José Caamaño “Josetxo” nas guitarras, Alberto López na batería, José Barros nos teclados e Sergio Pérez no baixo e na voz.

Este impulso serviulles para lanzar a súa segunda demo, Eyes of Destruction, no ano 2000. Esta foi a primeira gravación con Javier García na voz, pasando Sergio Pérez a centrarse máis no seu labor como baixista. O cantante, procedente doutra banda bergantiñá, Trevider, aportou a súa formación clásica a unha banda que daquelas practicaba un power metal máis convencional e épico, en contraste co estilo melódico e progresivo que tocaría Tálesien máis adiante. Este traballo de 6 temas e máis de media hora de duración mestura letras en español e en inglés, presaxiando o paso a este último idioma que caracterizaría os seguintes lanzamentos dos laracheses.
Eyes of Destruction foi gravada novamente por José Bonham, agora xa nos seus propios Estudios Bonham, creados ese mesmo año (por eles pasarían bandas tan míticas como Ekkaia, Nashhgul, Black Panda ou Samesugas). O seu recibimento abriu, mellorando as vendas do anterior traballo, a porta a que a banda telonease a principios de 2001 á coñecida banda vasca Platero y Tú en Carballo. Naquel momento asinaron coa promotora viguesa Producciones Boxer.

Conseguiron tamén tocar no pavillón vigués das Travesas teloneando a Los Suaves no verán dese ano 2001, cando os ourensáns presentaban o seu álbum Víspera de Todos los Santos. De feito, volverían telonealos en Vigo apenas dous anos despois, xa como Tálesien, no mítico auditorio de Castrelos en 2003, época na que tamén comezaron saír de Galicia para tocar ao vivo pola península adiante. En 2002 compartirían cartaz con Obús, Barón Rojo, Koma, Lujuria ou Barbarian Prophecies na primeira edición do Muralla Rock de Lugo.
O primeiro lanzamento da banda co novo nome foi o EP No Limits in Time, gravado esta vez por Nicolás de Poulpiquet nos estudios AreaMaster de Vigo, polos que tamén pasaron artistas como Carlos Núñez, Heredeiros da Crus, Skarnio, Skornabois ou In.Verno (hoxe Planta Sónica 2). Nel contaron cun novo batería, Fernando D. Sanromán, procedente do grupo vigués Fallen Sentinel. O disco, con letras xa integramente en inglés, foi editado pola tamén desaparecida discográfica galega Falcatruada, que tiña en carteira a bandas galegas de numerosos estilos e que no eido do metal editou a Kathaarsys, Orfos, Avante, Mízar, Cryfemal, The Mirage, Nao, Fuzquenlla ou aos tamén laracheses Crystal Pain.
Co novo EP baixo o brazo dan outro dos seus concertos máis destacados desta época, en Granada, no festival Piorno Rock de 2003. Alí comparten cartel con Anthrax, Avalanch, Cradle of Filth, In Extremo, Lost Horizon, Saratoga, Estigia e Trail of Tears. E en 2004 volven telonear a unha gran banda no pavillón das Travesas; esta vez, a Dio, no que foi un dos últimos concertos do lendario Ronnie James Dio no Estado antes do seu falecemento en 2010. Tiveron ata aparicións televisivas, no Noites de Xolda da Televisión de Galicia.

No 2005 chegaría por fin o seu primeiro álbum The Blind Carpenter, editado de novo por Falcatruada e distribuído por Avispa. Para este disco volveron gravar aos estudios Bonham, mentres que a masterización correu a cargo de Alberto Rionda e Gerardo Gil nos estudios Bunker de Asturias. Contaron tamén con varias colaboracións: Pedro Valero (membro de Luar na Lubre, Xudek Klas ou Maquiavelo ademais de ser profesor de guitarra de Juan Carlos) aportou a súa guitarra á introdución e ao epílogo do traballo, contando este último tamén con batería de Jose Bonham; Liliana Franco puxo a súa voz aos coros de dúas das cancións, e Fernando Calvo de Los Suaves fixo un solo de guitarra convidado en “Mörbid mind”.
The Blind Carpenter incluíu un dos temas máis característicos do grupo é un dos máis duradeiros no repertorio dos seus directos, “Dream master”. Este foi o escollido tamén para o videoclip promocional do álbum. E, como extra, figura no CD unha versión de “No me hables de amor” dos Kraken colombianos, que sería incluída na recompilación Tributo Internacional a Kraken. Outras versións realizadas polo grupo neste época inclúen cancións de bandas como Kamelot, Evergrey ou Iron Maiden; posteriormente tamén homenaxearían a Dio co seu “Dream Evil”. Podemos destacar nesta época concertos xunto a Su Ta Gar (2006), Riot ou no Muralla Rock 2007 con Stravaganzza ou Beethoven R.
O grupo tomaría un papel protagonista na creación da mítica Gallaecian Metal Compilation, lanzada por Falcatruada en 2007, que reuníu a 26 bandas galegas do momento. Juan Carlos foi un dos principales impulsores da idea, que se xestou no foto da web Basandere Metal, sendo o encargado de aportar os agradecementos do libreto do CD dobre, que contou tamén cunha introdución de Donato Rouco de MaxMetal. Tálesien incluíu, como non podía ser doutro xeito, “Dream master”, xunto a temas de bandas como Unreal Overflows, Codename, Sister Moon, Ardegan, Skydancer, Esenia ou To Nowhere, ademais de outras moitas xa mencionadas nesta reportaxe.
Chegou saír unha segunda parte desta recompilación en 2009, esta vez da man de Silent Tree Productions, xestionada por membros de Kathaarsys. Esta era tamén a promotora que levaba a Tálesien ata que romperon relacións nesa época. Apereceu tamén un medio homónimo, Gallaecian Metal Compilation Magazine, anunciada como a primeira revista de rock en galego, no que se chegou anunciar a convocatoria para participar nunha terceira recompilación que nunca vería a luz.
O seguinte álbum de Tálesien, Melancolía, foi gravado de novo nos Bonham e masterizado polo finlandés Mika Jussila en Finnvox. Editado en 2008 por Falcatruada, supuxo o regreso definitivo da banda ás letras en español. Veu acompañado en 2010 do EP Metamorfosis, que incluíu versións acústicas de temas anteriores da banda e unha demo homónima. Nesta época, o grupo incluíu a Óscar Ínsua “Jumpin” (Fame Neghra, Absorbed) na guitarra e a Julio Valladares (Trashnos, Barbarian Prophecies) na batería.
O terceiro álbum El Silencio chegaría en 2012 da man, de novo, de Falcatruada. Foi gravado nos estudios Sandman de Madrid por Carlos Santos e masterizado tamén por Mika Jussila, contando coa colaboración nos teclados do aresán Manuel Ramil (Adventus, Mago de Oz, Sauze, Warcry), encargado tamén de gravar as voces de Javier García no seu estudio Terceira Planta Sons. Para a xira do disco uníronse á banda o teclista Íñigo Uribe (Shroud of Tears), o guitarrista Nano Vikendi (entón procedente de Icewind e Primitive e logo membro de Astarot ou Northslave) e o batería Anxo Silveira (entón en 12Labirinto e logo en Zelion e EvilHunter). Este último contaba con apenas 17 anos no momento de unirse á banda, comezando un proceso de renovación xeracional da banda que se culminou en 2024 coa incorporación de Iván, Jorge e Manu.

Para o seu xa mencionado álbum homónimo de 2016, o último ata o momento, entrou tamén un novo baixista, Maca (Raze, Eco, Zelion), despois de que o membro fundador Sergio tivese que marchar a Canadá por motivos de traballo. Foi o primeiro gravado por Iago Pico, que fora compañeiro de Nano Vikendi en Icewind. Lanzado polo selo vigués Suspiria Records (Atreides, Xhamain, Bloodhunter, Mutant Squad, Dysnomia), contou tamén cunha edición especial estadounidense da man de El Chopito Records. Despois do lanzamento deste disco compartiron o escenario Ritual do Resurrection Fest con Testament ou Crisix, ou o do Parga Rock con Strikeback ou Zënzar.
En 2018 faise cargo dos teclados Isma Vidal, procedente do grupo de power metal soutomaiorense Druídas. Chegamos así á formación que grava “Obsesión” e “Último aliento” en 2021, que planearía entón un novo EP que non chegaría ver a luz, e que logo daría paso á actual xa nos últimos meses, para a gravación de “Volver”. Agardamos poder escoitar axiña un novo traballo completo de Tálesien, co que comprobar por enteiro o seu novo rumbo despois de tantos anos na primeira liña do metal galego.