O dúo vigués de metal en galego Dioivo vén de lanzar un novo videoclip, correspondente ao seu tema “Falsos heroes”. Nel capturaron o seu concerto na madrileña sala La Trinchera, en Vallecas, no pasado mes de outubro, como parte da xira de presentación do seu álbum Cara os Ceios Incrementes. Este traballo, ao que pertence a canción “Falsos heroes”, foi editado en 2023 polo selo grego especializado en música metal Sleaszy Rider Records. A banda atópase preparando o seu novo álbum, que xa se atopa nun estado moi avanzado e sobre o que agardan dar máis detalles axiña.
Este novo vídeo musical conta con imaxes gravadas por NVVZ Films e Zhautx, editadas posteriormente pola propia banda. Estas reflicten o directo do grupo na festa Stay Loko organizada pola marca de roupa alternativa Fettem Clothing. Nela, os vigueses compartiron escenario con dúas formacións madrileñas, a banda de post metal Deriva e a de hardcore pesado Lust. Dende Dioivo manifestan o seu “inmenso agradecemento á xente de Fettem por organizar o concerto e a Deriva e Lust por compartir o escenario” co dúo.
Foi a segunda vez que Dioivo tocou en Madrid, en ambos casos no marco dos concertos de presentación de Cara os Ceios Incrementes, despois de ter tocado no pub Entre Darts de Carabanchel en novembro de 2023. Dende a saída do disco, puideron presentalo por toda Galicia, pasando por concellos como os de Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Negueira de Muñiz, Sarria, Cerdedo-Cotobade, Pontevedra, Redondela, Nigrán, Salceda de Caselas, Tomiño ou Vigo. Tamén pasaron as fronteiras galegas para tocar, ademais de en Madrid, en Gasteiz, Sant Adrià de Besòs, Palma, Covilhã, Braga ou Porto.
“Zhautx e NVVZ Films gravaron uns vídeos xeniais no concerto, así que non queríamos desaproveitar a oportunidade de convertelos nun videoclip editándoos nós mesmos”; sinalan dende Dioivo. Neles, a banda aparece non só coa súa característica guitarra de dous mástiles, se non tamén con outra guitarra prestada por Deriva cando os vigueses experimentaron unhas dificultades técnicas ao comezo do concerto que finalmente puideron solucionar sen problema. O tema elixido foi unha versión acurtada a dous minutos e medio do tema “Falsos heroes”, que na súa versión de estudio dura 6:49.
“Falsos heroes” é nada menos que o oitavo vídeo musical realizado pola banda para promover as cancións de Cara os Ceios Incrementes. Antes do lanzamento do disco viron a luz os vídeos de “Retorno a Tagen Ata”, “Hai Sede na Nova Galicia” e “Cabeiros”; posteriormente apareceron tamén os de “Que importa que nos craven as cadeas”, “Ata o final”, “Paranoia” e “O rei”. Este último veu a luz o pasado mes de setembro, e foi gravado no concerto da banda na mallorquina sala Es Gremi. Ademais disto, o dúo sacou tamén un videoclip do seu sinxelo “Por 100 anos máis”, adicado ao Celta de Vigo con motivo do centenario do club.
Cara os Ceios Incrementes foi gravado, mesturado e masterizado por Dany Soengas no seu estudio DS Audio de Vigo. É o segundo álbum completo de estudio da banda, collendo o testemuño de Dioivo II (2019), e o seu cuarto traballo contando tamén os EPs Dioivo (2016) e Dioivo III (2021). Ademais, a banda ten tamén varios sinxelos e maquetas, e de feito lanzará axiña co selo galego Nigra Mors un disco compartido co veterano dúo ourensán Xerión que incluirá a súa maqueta Sesión Demosónico. Dende Dioivo sinalan que axiña comunicarán a través das súas redes sociais máis novidades sobre o seu futuro novo traballo.
A seguinte oportunidade para ver a Dioivo en directo será na sala Masterclub de Vigo o vindeiro día 7 de xuño, sábado. Será nun evento benéfico, o Manieterno Fest, no que todo o recadado será destinado á asociación en beneficio da cativada que sofre o cancro Bicos de Papel. Neste evento con varios anos de traxectoria, organizado polo colectivo Raposos Crew, compartirán o escenario con outra banda viguesa, Zoa, e mais cunha extremeña, Fix.
Dioivo naceu en 2016 en Vigo das cinzas da banda de thrash metal Rust in Peace, creada no ano 2011. Dende esa refundación está formada por Daniel Valladares Otero na batería e Jacobo Mouriño Almeida na guitarra e na voz. Precisamente o pasado día 30 de abril tivo lugar no pub Transylvania vigués a reunión de Rust in Peace, xuntando ao dúo coa baixista Darcy Maestu Ham e o guitarrista Pablo López Figueroa, anteriormente membros desta banda. A participación de Dioivo no concurso Musicando a Rosalía organizado polo Concello de Vigo en 2016 foi o punto de inflexión a partir do cal o dúo comezou a facer a totalidade das súas letras en lingua galega, musicalizando tamén poemas de autores como Florencio Delgado Gurriarán, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Darío Xohán Cabana.