Durante a celebración do Resurrection Fest 2025 en Viveiro, BDS concentrarase cada día ás portas do recinto para reclamarlle ao festival que cumpra cos mínimos éticos esixibles fronte ao xenocidio en Palestina. O movemento iniciou o pasado 8 de maio unha campaña para visibilizar que o evento foi, xunto a outras decenas de festivais estatais e europeos, adquirido polo fondo de investimento proisraelí KKR. Este participa activamente de diversos xeitos na operación de limpeza étnica que está a levar a cabo o Estado sionista, tal e como publicaron as compañeiras e compañeiros do medio El Salto.
BDS é a organización internacional liderada dende Palestina que se encarga de promover boicots, desinvestimentos e sancións (estas son precisamente as siglas que lle dan nome) contra Israel. Entre as súas funcións está elixir os obxectivos de boicot prioritarios ante a inmensa cantidade de empresas que apoian dalgún xeito as accións do sionismo, así como as entidades que deban ser, polo momento, so obxecto de presión. Esta selección de obxectivos concretos para organizar accións colectivas permite aumentar a súa efectividade e lograr resultados notables en numerosas ocasións.
Dende a organización intentaron contactar reiteradamente sen éxito con Bring The Noise, a empresa propiedade de KKR que organiza o Resurrection e os tamén festivais galegos Caudal Fest, Morriña Fest e O Son do Camiño. Durante este tempo, limitáronse a pedir en redes que os eventos realizasen posicionamentos e accións que cumprisen cos mínimos do movemento palestino internacional, expresados por BDS e a PACBI (siglas en inglés de Campaña Palestina para o Boicot Académico e Cultural a Israel). Isto ocasionou, ademais, a cancelación da súa participación no festival por parte de grupos como o galego Moura, o valenciano Gigatrón ou o madrileño Crossed.
O comunicado de Moura, formación coruñesa que practica unha mestura de rock psicodélico e progresivo con folk e música tradicional, foi publicado o pasado día 23 de maio nas súas redes sociais. Nel sinálase que os seus membros decidiron cancelar a súa participación no Resurrection, no que estaban confirmados dende que saíu o primeiro cartel como parte do escenario Desert, ao coñecer a súa vinculación con KKR. Este fondo, subliñan, está asociado a intereses contrarios aos seus principios. Rematan o texto amosando a súa solidariedade e apoio ao pobo palestino, recibindo miles de interaccións positivas en redes.

As bandas como Moura amosaron deste xeito o seu compromiso coa causa palestina, sumándose ás decenas de artistas que se desvincularan previamente do Sónar ou do Viña Rock, tamén propiedade de KKR. O seu xesto foi especialmente aplaudido polo movemento de solidariedade con Palestina e por miles de fans e outrora asistentes aos festivais. Outras limitáronse a anunciar que seguirían tocando como estaba previsto, pero amosando o seu apoio a Palestina e a súa vontade de realizar doazóns no seu favor.
En todo caso, o impacto mediático da campaña foi dende un primeiro momento moi extenso, formando parte dos temas habituais de todo tipo de medios de comunicación estatais, alén dunha enorme difusión en redes e nos movementos sociais. Tamén ocasionou un elevado número de revendas de entradas do Resu, habendo nestes momentos miles á venda en plataformas como Ticketswap e devaluando deste xeito moi notablemente o seu prezo.
A resposta de Bring the Noise
Porén, Bring The Noise limitouse a publicar un comunicado do Resurrection Fest que foi amplamente considerado poas persoas solidarias con Palestina como insuficiente ou ata ofensivo. Na liña doutros textos realizados polo Sónar e o Viña, negaban as acusacións á vez que as admitían tacitamente, atacando ademais aos medios e organizacións que desvelaran ante o publico as súas conexións co xenocidio. Ademais, a pesar das reclamacións, non habilitaron unha opción para devolver o prezo das entradas como si fixo o Sónar, se ben neste festival fíxose con moi pouco marxe e sen a suficiente publicidade. Ante esta situación, dende BDS comezaron a realizar algunhas accións no Son do Camiño, anunciando que se intensificarían de cara a festivais posteriores como o Resurrection Fest.
O movemento palestino convocou unha rolda de prensa ás 12:00 do mércores 25, día de inicio do festival, para presentar a nova campaña de visibilización e accións. Terá lugar na rúa Espiñeiros da parroquia viveirense de Celeiro, na entrada ao recinto, e nese mesmo lugar haberá unha concentración diaria ás 20:00. Estas servirán para informar da complicidade de KKR no exterminio que Israel está a perpetrar en Palestina. Aínda que o macroevento, con intereses económicos millonarios detrás, seguirá o seu curso, a súa reputación queda claramente tocada. Polo menos, ata que este cumpra cos mínimos éticos de compromiso cun pobo que está a sofrer un xenocidio.
Non axudou a torpe resposta comunicativa da empresa á revelación das conexións de Superstruct, que mercou en 2022 o festival, e a súa propietaria KKR coa limpeza étnica en Palestina. Comezaron borrando os comentarios nas súas redes sobre o tema ata que foron demasiado numerosos, momento en que se viron obrigados a lanzar o comunicado. Nel, acusaron de “desinformación” a BDS e ás entidades propalestinas que informaron sobre os feitos. Referíronse ademais ao xenocidio unicamente como “masacre”, “crisis humanitaria” e incluso “guerra”, evitando empregar os termos axeitados (aínda que afirmando en comentarios que consideraban que masacre e xenocidio son sinónimos).
O comunicado continúa cunha vitimización do macrofestival, dicindo que “no financia ninguna guerra”, como se KKR fose unha entidade sen ánimo de lucro que non se beneficia de poseer Superstruct. Califican ao fondo proisraelí de “socio externo” necesario para “asegurar su futuro en una industria cada vez máis dificil”. Afirman tamén que o festival “no está vinculado a ninguna acción de los posibles inversores”, a pesar de ser nada menos que os seus propietarios, e jactáronse de ter “más de 1.000 trabajadores directos”.
Os 4 mínimos éticos
Entre os mínimos de BDS e PACBI incumpridos polo Resurrrection está a realización dunha declaración pública que condene a KKR e os investimentos en empresas cómplices de Israel e lle exixa a Superstruct que actúe do mesmo xeito. Tamén unha política ética de programación e alianzas e un compromiso público coas directrices e posicionamentos do BDS e da PACBI, que inclúa o boicote cultural a Israel ou a aplicación das ordes do Tribunal Penal Internacional contra os criminais de guerra. Finalmente, tamén a colaboración con organizacións solidarias co pobo palestino, establecendo canles de diálogo co BDS Galiza e outros colectivos e dando espazo a artistas palestines ou solidaries coa súa loita.
Ademais da rolda de prensa e as concentracións, non se descartan máis accións contra o festival e os demais eventos propiedade de KKR por parte de BDS, Boicot KKR e outras entidades solidarias con Palestina. Pódese asinar a carta de BDS Galiza aos festivais galegos de KKR pedindo que cumpran os seus mínimos, dirixida tanto a grupos e entidades como a persoas individuais, na seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdwYr4ZnOQMVWBZceXqMNFizf_O46TUI_622zI2s1RTiIqJDQ/viewform
