A mítica banda cercedense Zënzar afronta a recta final de agosto con dous concertos en festis preto da casa. Este venres, día 29, estarán na polideportiva de Castelo como parte do Castelo Conta; e o sábado 30 estarán no campiño do Piñeiro, en Ordes, como prato forte do festival Akordes organizado pola revista cultural A Keikes e a Comisión de Festas do Piñeiro. Con estas actuacións continúan a celebrar os seus xa máis de 35 anos facendo rock en galego, unha ampla carreira na que tocaron dende punk a heavy metal e compartiron andaina con todo tipo de nomes da música do país.
Cabe destacar que a agrupación non está só celebrando a súa traxectoria con concertos (que foron dende o aniversario oficial na Sala Capitol en decembro de 2023 ata o festival Son do Campiño en Cerceda hai un par de meses). Tamén estivo inmersa na xira de presentación do libro A Culpa Foi de Zënzar, na que a súa baixista Laura Romero repasa a historia da formación e como chegou ser a banda decana do rock en galego. En 346 páxinas e cunha coidadísima edición, repásase en profundidade a vida de Zënzar en boca de membros tanto da propia banda como de infinidade doutras agrupacións galegas. Aparecen tanto integrantes de míticas como Os Resentidos, Ruxe Ruxe, Os Diplomáticos de Monte-Alto, Túzaros, Ith, Kastomä, Astarot, Deseqilibrio Mental, Machina, Heredeiros da Crus ou Xenreira como de formacións máis recentes como Jade4, Nuada, Mr. Kamándula, Urko, Deleiba, Lóstregho, Keepers ou Ulex.

A Culpa Foi de Zënzar foi presentado por diversos puntos de norte a sur do país, como Ferrol, A Coruña, Carballo, Carral, Ordes, Outes, Boimorto, Melide, Compostela, Pontevedra ou Vigo. Estas presentacións contaron coa presenza de integrantes de bandas que participaron no libro e mesmo doutras destacadas formacións galegas. Agardemos que despois do parón veraniego poidan levar o libro ao resto de Galicia! Polo pronto, o 14 de setembro será a quenda da Laracha, unha data da que ofrecerán máis información proximamente. Nesta páxina web pódese encargar un exemplar, así como consultar os diferentes puntos de venda: https://zenzar.info/a-culpa-foi-de-zenzar/
O bolo no Castelo Conta, na parroquia homónima de Culleredo, será ás 00:00 do venres, despois de que toquen Somos Criminais e Punto Final. A festa comezou xa o venres 22, e se prolongará ata o domingo 31 con actividades de todo tipo, incluíndo concertos de Carlos Núñez, Ortiga, Tanxugueiras, Sés, Lisdexia, Pava ou The Rapants. Por outra banda, a III Edición do festival Akordes está enmarcada na I Semana Cultural da Keikes, e nela compartirán táboas con Jade4, Avenida Aeroporto, DJ Jesusinho e Migui Bouzó e Eva Novio. O evento, con acceso de balde, comezará ás 20:00, e será a primeira vez en 10 anos na que Zënzar tocará no seu municipio veciño de Ordes.
