O dúo vigués de metal en galego Dioivo volverá tocar mañá, venres 12 de decembro, no Pub Transylvania de Vigo, sala emblemática da escena metaleira local que xa foi visitada polo grupo outras 15 veces ao longo da súa traxectoria. Esta vez, os vigueses estarán acompañados polo quinteto compostelán de metal en galego Sicixia e o cuarteto de punk rock portugués Os Barbosas, cos que xa teñen compartido previamente táboas noutras localidades.
Dioivo fará ao comezar o vindeiro ano 2026 nada menos que 10 anos de traxectoria, e con este motivo tocarán mañá un repertorio diferente ao dos seus últimos concertos. Interpretarán exclusivamente cancións dos seus dous primeiros traballos, Dioivo (lanzado en 2016) e Dioivo II (lanzado en 2019), nos que a banda practicaba o estilo de black metal melódico que a caracterizaba naqueles anos.
“Queríamos lembrar os comezos da banda para facer algo diferente e compartilo coa xente de Vigo que nos leva apoiando todo este tempo”, sinalan dende a agrupación. “Ademais, para nós dar un concerto na época de nadal no Transy é toda unha tradición, facémolo todos os anos e polo tanto era a mellor ocasión para un concerto así”, engaden. A banda atópase a piques de lanzar o que será o seu novo traballo de estudio, un álbum no que tamén lembrarán outra etapa da banda; aquela na que aínda non eran Dioivo, se non a banda precursora Rust in Peace, fundada en 2011 e que fará polo tanto 15 anos en 2026. Axiña anunciarán datas de saída, presentacións e máis detalles nas súas redes sociais.
Sicixia, por outra banda, lanzou en xaneiro deste ano o seu primeiro traballo, o EP titulado Cascallos, que presentaron ao vivo xunto a Dioivo no CS O Pichel da capital galega. Finalmente, os portugueses de Os Barbosas, contan con diversos discos lanzados nos últimos 6 anos, levando a vigo o seu punk rock en portugués satírico e desenfadado. O concerto comezará ás 21:00 na sala situada na rúa Rogelio Abalde, e o prezo da entrada será de 7 € anticipada e de 10 € no despacho de entradas.
