Por unha vez, imos facer a tempo unha lista dos nosos discos destacados do ano, aínda que sexa máis breve! Xa vos falamos de moitos deles nas nosas recensións para Nós Diario, pero aínda queríamos engadir algúns máis. Aí vai, como sempre, por orde cronolóxica:

Apenas comezado o ano, o 5 de xaneiro, o quinteto compostelán Sicixia sacou dixitalmente o seu primeiro traballo, un EP titulado Cascallos. O novo grupo amosa influencias de estilos como o metal alternativo, o power metal e o metal progresivo, sendo esta última aínda máis palpable nos novos temas que teñen aínda por gravar e que polo momento só puidemos gozar en directo. Entre as súas principais influencias podemos atopar a Tool, Porcupine Tree, Dream Theater, Megadeth ou Iron Maiden. Forman a banda Carlos Faye á voz principal e á guitarra, Iria Iglesias ao teclado, Manuel Carballada á batería, Marcos Amarelo á guitarra e Manuel Duro ao baixo. Os tres últimos comparten en directo o labor de facer os intrincados coros que presentan varias das cancións. No EP, o baixo está a cargo do anterior baixista da banda, Iago Alvite. As cancións son moi variadas, alternando entre seccións limpas e riffs distorsionados e pesados, sen esquecer os retrousos melódicos e pegadizos nin os solos rápidos e técnicos de guitarras e teclados. Un EP que deixa con moitas ganas de escoitar máis da banda en estudio. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/cae-cidade-cascallos/20260102131144243465.html

O 24 de xaneiro, o cuarteto de stoner metal ferrolán Ghørxa lanzou o seu primeiro disco, o álbum Monstro, que apareceu dixitalmente e do que posteriormente extraeron dous temas para a súa edición como EP en vinilo. Neste álbum, a psicodelia, o grunge e o garaxe son o punto de partida de temas contundentes e improvisacionais acompañados de letras en galego, inglés e español. Mentres que Cruzeiro e Luciférnaga presentan unha música máis fundamentada no lento e pesado doom metal, o stoner de Ghørxa está máis baseado na parte máis alternativa e rockeira do xénero, sen descoidar a súa débeda co retro. Black Sabbath, Kyuss ou Melvins son influencias clave, aínda que tamén o son, como indica a propia agrupación, Fugazi, Sonic Youth ou The Velvet Underground. A banda gravou ao vivo no estudio con Ángel Rodríguez (do grupo de jazz Demo Rumudo) e coa produción de Pablo Sáenz (Nüca e tamén Omadroma)., captando de xeito máis directo a súa esencia. Falamos máis a fondo, nesta ocasión da versión EP, en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/monstro-stoner-ferrolan/20251128133706240820.html

Como xa vos temos contado nestas páxinas, Sacrosanta Decadencia Occidental é unha banda única por varias razóns. Unha das que chama máis inmediatamente a atención é o feito de que se trata dun grupo con cancións integramente en galego fundado en Salamanca e que conta con membros de diferentes puntos do Estado, o que fai que se autodefina como unha banda de crust punk procedente de ningures. Outra cousa que atrae rapidamente as miradas é a coidada identidade visual da formación, cuxo broche de ouro é precisamente a portada do álbum que nos ocupa, Danzas no Solpor do Mundo, lanzado de xeito independente o 28 de xaneiro. Esta reflicte con todo detalle a identidade e a mensaxe de Sacrosanta, que traslada tamén coas súas evocadoras letras unha fonda crítica ao capitalismo cargada de carraxe pero tamén de vontade para mudalo todo. Tedes a nosa recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/crust-punk-ningures/20250207155349216114.html

O 31 de xaneiro, como cada 6 ou 7 anos aproximadamente, volveu a banda de referencia do death metal progresivo en Galicia, Unreal Overflows. A banda naceu en 2001 e conta con agora catro álbumes, sendo este o segundo coa súa formación de dúo e tamén o segundo lanzado polo selo francés Great Dane Records. Zoilo Santiago Loira e Diego Bea Besada, responsables respectivamente dos Unreal Studios de Marín e os Beabesada Estudios de Gondomar, comparten tanto os labores de gravación, mestura e masterización como os das guitarras. Zoilo é á súa vez o encargado das voces, os baixos e as programacións. Xuntos crean un death metal técnico e melódico que por suposto lembra inmediatamente a Death post-Human, a Martyr, ou aos primeiros Atheist, pero no que non faltan tampouco os blast beats ou os elementos do melodeath, sendo tamén clara a influencia de Carcass tanto en Necroticism como en Heartwork. De novo, asinan un álbum breve (37 minutos e 9 pistas), de son limpo e orgánico e temática distópica, á altura dos seus outros discazos. Non o perdades!

O cuarteto de groove metal Inussual sacou o 15 de marzo de xeito independente o seu primeiro álbum e traballo en xeral, IX, formado por nove temas instrumentais. Todas as cancións, que oscilan entre os 3 e os 7 minutos de duración, están tituladas en números romanos en relación á súa posición no disco, que foi á súa vez a orde na que foron compostas. Isto permite apreciar a evolución da banda a medida que as escoitamos. Os riffs técnicos e pesados e os solos de guitarra veñen alternados con seccións limpas en estruturas que lle confiren ao disco un carácter case progresivo. Tamén atopamos elementos do metal alternativo ou do metalcore, dándolle a variedade precisa a un disco instrumental que depende das súas melodías e ritmos para captar a atención do público, sen necesidade de voces pegadizas ou estruturas tradicionais. Créase así unha música diferente ao que é habitual na escena e que paga a pena escoitar. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/cuarteto-metal-inusual/20251010152410236375.html

O 26 de marzo chegou o segundo álbum do cuarteto coruñés de stoner doom Cruzeiro. O ano anterior déronnos un pequeño petisco da man do seu compartido coa banda italiana Stryx, que incluíu un tema que xa puideramos albiscar na súa maqueta de 2019 e titulado “Naufraxio” (con letra baseada nun poema de Aleixandre Lago Barcala). Agora podemos desfrutar xa dun traballo completo que mantén intacta a esencia do grupo, pero introducindo tamén importantes novidades, como temas máis directos e concisos onde tampouco faltan a psicodelia e a lentitude. Deste xeito, aínda que as cancións deste novo álbum seguen sendo razoablemente longas coa súa duración maioritariamente entre os 5 e os 7 minutos, xa non son as pezas de entre 8 e 12 do anterior. A formación, en todo caso, foi a mesma que hai 4 anos, con Bea na voz principal, Gon na guitarra, Raposa no baixo e Rust na batería, aínda que agora só os dous primeiros fican na banda. Recensión completa, en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/cruzeiro-dragons/20250404152820219792.html

O trío de pop punk GxN (Gracias por Nada) lanzou o 18 de abril o seu primeiro traballo, un EP homónimo de 5 pistas gravado por Deica (KinssxDeica, ex-Eskravos). Nel, os vigueses practican un skate punk rápido e melódico cargado de retrousos pegadizos, harmonías vocais, solos de guitarra metaleiros e nostalxia noventeira. Despois de amosar o seu estilo en “Incomprendidos”, “Atardecer” e “Canción de amor adolescente”, inclúen a longa “Mañana se acaba el mundo”, que alterna tanto as súas pasaxes máis suaves como os seus ritmos máis rápidos. O disco pecha coa colaboración con Kinss e Deica “Entiéndeme”, unha canción satírica ao máis puro estilo Blink 182 na que os catro vocalistas se intercambian os versos da letra. Falámosvos máis sobre este lanzamento, aquí: https://roucoson.com/2025/04/19/gxn-lanza-o-seu-primeiro-ep/

O 24 de abril chegou a quenda do primeiro traballo de Musgo 981, o álbum Exilio. Esta banda, que practica un hardcore melódico accesible pero tamén pesado e cheo de riffs, está afincada en Compostela, pero conta con membros de diferentes puntos de Galicia. O disco foi mesturado e masterizado por Noel Rodríguez en Irie Sound, e a portada foi creada por Rashel Ilustración. Conta no tema “Negra sombra” coa colaboración de Héctor Ojea, membro do quinteto amesán Biribirlocke e do trío compostelán Battosai. Podemos destacar cancións como “Fóra do normal”, “Non sei se son eu” ou a que dá título ao traballo “Exilio”, nas que se aprecian ademais as letras de temática persoal e introspectiva que caracterizan á banda. O álbum deixa clara a enorme proxección que ten Musgo 981, enmarcada ademais nunha escena hardcore galega que non para de medrar nos últimos anos, con novas formacións como Fractura, Derradeiro Nível ou Krime. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/exilio-musgo-981/20250502150506221682.html

Ao día seguinte chegou, por fin, o esperadísimo segundo álbum do cuarteto vigués Mano de Piedra, 6 anos despois de Today’s Ashes. Con este novo álbum viñeron varios cambios para esta agrupación, nome habitual dos festivais de metal de toda Galicia; por unha banda, teñen un membro novo, pois despois da saída do seu anterior guitarrista Mano García (ex-Supa Scoopa e que segue compartindo banda co baixista Fran Álvarez en Luciférnaga) chegou para sustituílo Adrián Blunier (que foi membro de bandas tan variadas como o dúo de rock alternativo Rheia Gorecki ou o cuarteto de black metal The Last Twilight). Ademais, neste traballo a banda adoptou unha dirección marcadamente máis post-metal que no álbum anterior, aínda que por suposto seguen aí os elementos sludge e stoner que o caracterizaron. Con 7 cancións de duracións variables e 38 minutos en total conseguen saciar por fin a sede de novo material des súes seguidores. De seguro veremos moito sobre os escenarios aos vigueses neste ano que agora comeza!

O pasado día 5 de maio saíu o novo do dúo punk Lamprea Explosiva, Anarquía de Montaña. A cinta comeza forte co tema “Unha forza de combate/Guía breve dos mustélidos de Galiza”, que afonda na cuestión da defensa de terra e no que podemos apreciar o estilo marcadamente rápido do grupo, sen que falten tampouco ocasionais pasaxes a medio tempo. “No corazón de bosque” continúa coa temática da loita pola natureza co seu tempo acelerado, e ademais amosa algo que xa se atisbaba no tema anterior; un son máis atonal, no que a influencia do hardcore punk primixenio faise máis clara. Isto converterase nun elemento recorrente e característico desta casete, que, aínda que non sexa inaudito na discografía do grupo, o diferencia doutros dos seus traballos, máis melódicos. Máis lenta pero igualmente agresiva e atonal é “Cara onde van as tormentas”, e a característica ultrabrevidade das cancións vese interrumpida por “Arderán 1000 máquinas”. “Espiña” e “Montaña” volven a un terreo máis similar ao das cancións anteriores para pechar un traballo memorable, moi intenso e concentrado tanto no musical e no lírico. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/lamprea-forza-combate/20250606170923224626.html

Tamén moi agardado foi o quinto álbum de Balmog, Laio, lanzado o 23 de maio por War Anthem Records despois dos adiantos de “Mud to gold” e “Mashalam”. Aínda que chega 4 anos despois do seu anterior álbum Eve (2021), non hai que esquecer que polo medio a banda lanzou “Covenants of Salt” (2023), o tema de 18 minutos que é secuela do igualmente longo “Pillars of Salt” (2020). Estes últimos lanzamentos conformaron unha etapa máis experimental do grupo, caracterizada por influencias que van dende o black progresivo de Ved Buens Ende ata Parálisis Permanente ou Pink Floyd. Esta etapa ten continuidade neste Laio, que tamén recolle a intensidade do puro black/death de álbumes anteriores para conformar o que en palabras da propia banda é o seu disco máis maduro ata agora. Rápido, disonante, agresivo e atmosférico a partes iguais, este álbum é a proba de que Balmog, sendo unha das bandas máis veteranas do black galego, non para de reinventarse ao tempo que mantén intactas a súa esencia e as súas raíces.

O mesmo día que o de Balmog chegou tamén o novo doutra das máis grandes bandas de black de Galicia, o dúo ourensán Xerión. A Mística Arte da Diferença é nada menos que o seu sétimo álbum, pero é que a súa discografía non fica aí; falamos dunha das bandas galegas de calquera xénero máis prolíficas, con decenas de discos compartidos, EPs e outros lanzamentos. Por esta razón, aínda que levabamos 5 anos agardando pola continuación do sexto álbum, o crú e decididamente lo-fi O Nada no Caos Infinito (2020), non podemos dicir que o grupo nos tivese abandonades; deixáronnos numerosos lanzamentos entre un e outro. E aínda así, os traballos de Xerión non perden calidade, nin tampouco frescura, pois cada álbum ten un estilo máis ou menos sutilmente diferenciado do anterior. Sempre enmarcados, claro, na etiqueta de metal galaico extremo acuñada polo grupo para designar a súa mestura de black e folk. E é que a tradición galega é un elemento fundamental na música do dúo dende os seus comezos. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/mistica-arte-xerion/20250802132223230073.html

O noso país parece estar vivindo un rexurdir do doom e o stoner nos últimos anos, e se antes falabamos de Ghørxa, Cruzeiro e Mano de Piedra, agora hai que falar da viguesa Luciférnaga. Este é o seu primeiro traballo, o álbum Mala Bësta, lanzado de xeito independente o 5 de xuño. Foi gravado e mesturado por Marco Lima en Hertz Control, Portugal (país onde xa tiveron ocasión de tocar ó vivo), e masterizado por Álvaro Gallego. A portada é de Echo Echo Illustrations. Iso si, para escoitalo enteiro é necesario mercar edición física, pois só 8 dos 10 temas están dispoñibles dixitalmente. Cabe destacar que o cuarteto contou como convidado con Marco nos teclados, instrumentos que de feito cobran un gran protagonismo nas cancións tanto coas súas melodías como coa ambientación escura e psicodélica que aportan (razón pola cal incorporaron agora como membro oficial á teclista Jana). En todo caso, ese elemento stoner presente na música de Luciférnaga non é tan protagonista como na música de bandas como Cruzeiro. Danlle moito máis peso ó doom tradicional, desolador e desesperanzado, que fai do cuarteto un caso especial na escena galega. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/mala-besta-do-doom-metal/20250704153448227127.html

O 20 de xuño, xusto antes do solsticio de verán, chegou Na Noite Máis Curta, o novo álbum do grupo ferrolán de pop rock psicodélico Todo el Largo Verano. O disco, que combina letras en galego e en español, comeza coa sección Na Sesta, integrada polas primeiras catro pistas. Segue con No Serán, Na Noite e No Mencer, e remata coa canción independente “Unha tarde no campo”, que foi precisamente a que inspirou o conxunto do traballo. Esta peza instrumental é unha regravación do sinxelo de 2019 da banda “Una tarde en el campo”, que daquela fora lanzada con ocasión do equinoccio de primavera. Outras inspiracións para a gravación foron o texto “On vagancy” de Isabell Eberhardt ou o documental deportivo sobre surf The Endless Summer. Créase así un disco diverso pero unificado, co fío conductor das letras persoais e íntimas das cancións e os poemas de Fernando Marta que as acompañan. Unha proba de que facendo música “de sempre”, con mimo e adaptándoo ao aquí e agora, pódense conseguir moitas cousas novas e interesantes. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/sunshine-pop-veran-ferrol/20250822154537231852.html

O trío de emocrust pontevedrés Herba editou o 23 de xullo esta recompilación do material previo á publicación do seu primeiro álbum Ideación Suicida, que veu a luz en marzo. Ambos discos captan á perfección o estilo do grupo, cuxas influencias van dende o screamo e o powerviolence ata o black metal. En todo caso, esta Recompilación permite aprezar a evolución do trío dende o seu xurdimento das cinzas de Insire Nome ata a saída do álbum, con diversos cambios de formación mediante. E aínda así consegue sentirse sorprendentemente cohesionada e traballada, case como se fose un álbum gravado dunha soa vez. Inclúe o primeiro EP do grupo, Anacos dun Mundo que se Esvaece, o EP Flores Secas/Flores Afogadas, o primeiro sinxelo do grupo “Herba”, os temas do compartido con Tear Me Apart, o sinxelo en inglés “You said” e o novo tema “Demasiado tarde”. Exceptuando este último tema, o demais foi lanzado ao longo de 2024, dando unha idea do prolífica que é esta nova banda, da que de seguro escoitaremos moito máis. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/screamo-mundo-que-esvaece/20250808133510230532.html

O 14 de agosto saíu oficialmente o novo EP do cuarteto lucense Barbarian Prophecies, December, aínda que algúns xa puideramos facernos coa nosa copia en concertos como o que deron no festival Kanekas de Cangas de Morrazo en xullo. O disco inclúe o sinxelo homónimo lanzado a finais de 2023, un temazo que condensa o estilo de death metal melódico con influencias progresivas e black que caracteriza ao cuarteto de Lugo. Tamén tres versións de temas doutros grupos levadas ao seu estilo: “Detroit Rock City” de Kiss, aparecida na compilación Hotter than Hell Colder than Death, a Death Metal Tribute to KISS; “Message in a bottle” de The Police, coa colaboración de Miguel Bello de Conducto Coloquio na voz; e “Déjalo” de Épsilon, coa colaboración do guitarrista desta banda lucense Aki Jacob e versionado en galego para a compilación Ferro e Pedra: Homenaxe aos Precursores. Finalmente, aparece no CD a totalidade do seu aclamado e xa esgotado último álbum, Horizon (2021). A pesar de non incluír material novo, paga moito a pena facerse con este traballo pola calidade dos lanzamentos que o compoñen, especialmente se non puideches mercar Horizon a tempo.

Xa en setembro saíu Por Sempre Rexeitados, o primeiro traballo do cuarteto compostelán Krime. Contando con membros procedentes de bandas como Upcoming Devastation ou Impacto de Varsovia, a banda lanzou primeiro dous sinxelos acompañados de cadanseu vídeo musical, “Samesugas” e o homónimo “Por sempre rexeitados”. A continuación comezaron a presentalos ao vivo, cun primeiro concerto en Compostela organizado polo café vegano Black Cat e o histórico selo Lixo Urbano. Tamén tocaron en Vigo, na Coruña ou en Narón. Coa saída dos dous temas restantes en plataformas dixitais, “Non hai perdón” e “Violencia”, ficou dispoñible por completo o EP, que se pode descargar en Bandcamp a un prezo de 5€. Son un total de catro temas de entre 2 e 3 minutos de duración, algo máis de 11 en total, onde atopamos dende os ritmos máis rápidos propios do hardcore punk ata os máis pesados de clara influencia metaleira. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/sempre-rexeitados/20250912114430233667.html

O novo álbum do cuarteto eumés Bule, pola súa banda, chegou o día 7 de outubro da man de Ferror Records, Radix Records, Snap Records e Death or Glory Colective. Non vale parar! comeza coa súa canción homónima, pegadiza, rápida e bailable para marcar o ton do resto do disco. Liñas de baixo melódicas, solos de guitarra sinxelos, redobres efectivos, retrousos cantables e coros berrados son algúns dos elementos característicos que apreciamos ao longo de temas como “Movemento” ou “Non mintas”. “Ven por min” empeza ben rápido para dar paso a un tema rockanroleiro e melódico que é un dos máis memorables do traballo, xunto co que foi o sinxelo de adianto, “Arríscate”. Rematamos con “Rapaces da rúa”, que a xeito de himno xeracional pecha o álbum con esa nota nostálxica e romantizada que caracteriza a música dos de Pontedeume. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/volta-1977-bule/20251031100636238390.html

Despois de varios sinxelos e EPs, como Love ou The Sound of a Glass of Wine Falling on a Persian Carpet (dos que xa vos falamos na nosa lista de discos destacados do 2023), o cuarteto coruñés Candy’s Freckles lanza por fin o seu primeiro álbum completo. A banda formada polo guitarrista e vocalista Rodrigo Yagüe no confinamento vén de experimentar varios cambios, o último deles a entrada na banda de Cecilia Burillo (Planète Sauvage, Kreze) logo da saída da anterior teclista Arina Coretchi, aínda presente neste novo álbum. Tamén é perceptible o seu cambio de estilo, xa que aínda que se mantén a pegada indie folk psicodélica dos seus anteriores traballos, neste novo gañan dominancia as influencias do post-rock xaponés e o shibuya-kei. Isto vémolo xa no propio nome e na portada do disco, estando esta última a cargo de novo da artista visual de referencia do grupo, PePiña, pero seguindo unha liña diferentes aos deseños anteriores. A banda, completada por Javier Fernández no baixo e Pedro Silva na batería, lanza así un álbum de rock alternativo orixinal, variado e propio, que supón unha excelente evolución para unha banda nova pero cunha calidade espectacular en cada lanzamento.

Xusto ao rematar o ano, saíu por fin o compartido entre as bandas galegas Mugre e Enghendrix e as peninsulares Kädaverico e Distrofia. Por unha banda, Mugre mestura o death metal e o grindcore e combina as súas voces guturais e guitarras distorsionadas con baterías programadas e gravacións sampleadas de películas, series e outras orixes diversas. En temas con letras en galego e español como “Sistema envenenado”, o adianto “Policía corrupta trafica con drogas” ou “Ley mordaza, fascismo encuberto” aborda temas como o poder estatal e policial dende unha perspectiva antiautoritaria e anticapitalista, que complementa á súa ética Faino Ti Mesmo. “Ruinas”, por outra banda, adapta ao galego a coñecida cita de Durruti sobre que “non nos dan medo as ruinas porque levamos un mundo novo nos nosos corazóns”. Por outra banda, Enghendrix mestura elementos doutros xéneros extremos como o crust, o black e o thrash metal. Os vigueses abren a segunda cara do vinilo, e as súas letras mesturan de novo o galego e o español. O seu estilo sucio, lofi e punki aparece nos temas “Aqueles” e o tamén adiantado “Podrido”, que ao igual que no caso de Mugre amosan o enfoque de crítica social da banda. O terceiro e derradeiro tema da súa parte do compartido, “Marrullero”, está gravado ao vivo no mítico Tronko Bar, un dos templos da escena subterránea do sur galego, ubicado no concello de Pontevedra. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/alianza-grind-death-crust/20251226144512243096.html
Non esquezades revisitar a nosa lista do 2024 en https://roucoson.com/2025/02/10/os-60-discos-galegos-de-2024-parte-1/