Dioivo recupera as cancións da súa predecesora Rust in Peace no novo álbum Que Soe o Trono

O dúo vigués Dioivo lanza o que xa é o seu terceiro álbum de estudio completo, titulado Que Soe o Trono. Este disco sae en CD da man dos selos especializados Romantic Songs Records, Loita Underground e Speedhammer Records, e chega tres anos despois do anterior traballo do grupo Cara os Ceios Incrementes. Con este novo álbum, a banda celebra non só 10 anos como Dioivo, senón tamén 15 anos dende a fundación da súa formación predecesora, Rust in Peace.

A data de saída do disco non foi casual, pois foi onte, 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro. Foi con motivo de tal efemérida en 2016 que o grupo se reconverteu en Dioivo para participar nun concurso de musicalizacións da obra da poeta co seu primeiro tema, “Sempre pola morte esperas”. Por esta razón, era o día idóneo para celebrar o aniversario do dúo e lembrar á vez o seu pasado como Rust in Peace.

De feito, Que Soe o Trono recupera os temas desta banda anterior, renovados e con novas letras en galego como é norma na discografía de Dioivo. Deste xeito, fronte a outras influencias do son dos vigueses como o black metal melódico, gaña peso o thrash metal que lles caracterizaba nestes comezos, aínda que adaptados tamén ao estilo habitual da banda. Cabe destacar que o álbum conta coa presencia de exmembros de Rust in Peace que abandonaron posteriormente o proxecto como xeito de recoller toda a súa historia.

Primeiramente, todas as cancións contan coa colaboración da baixista Darcy Maestu Ham, compositora dos temas e que ademais se encarga do deseño gráfico do álbum. A presenza do baixo engade un toque particularmente distintivo a este traballo con respecto aos anteriores editados baixo o nome de Dioivo, dominados principalmente pola batería de Daniel Valladares Otero e as guitarras e voces de Jacobo Mouriño Almeida, os membros oficiais que permanecen na banda.

Portada de Que Soe o Trono, realizada por Darcy Maestu Ham

Ademais, o guitarrista fundador de Rust in Peace, Pablo López Figueroa, colabora en dúas das pistas do CD, “Aniquilación” e a homónima “Que soe o trono”. A continuación dos 10 temas do álbum propiamente dito, inclúese tamén, como pistas extra, a maqueta publicada por Rust in Peace en 2013. Deste xeito reedítanse estes temas, que contan coa presenza do vocalista orixinal Fernando Rodríguez Silva, 12 anos despois do seu lanzamento inicial.

O álbum foi gravado, mesturado e masterizado, como é habitual nos discos dos vigueses, por Dany Soengas no seu estudio DS Audio en Vigo. “Estamos moi contentos de terlle podido dar unha nova vida a estas cancións, coas que nos iniciamos na música pero que nunca chegaramos gravar dun xeito máis profesional”, sinalan dende Dioivo. “Por esta e por moitas razóns este é un álbum moi especial e con moito significado para nós”, engaden.

Rust in Peace foi fundado en 2011 por Darcy, Dani, Pablo e Fer. En 2014, Pablo deixou o cuarteto e entrou para substituírlle Jacobo. Coa marcha de Darcy en 2015 e de Fer en 2016, o grupo reconverteuse en Dioivo xa como dúo, formación coa que continúa aínda a día de hoxe. De todos xeitos, os vellos membros da banda colaboraron regularmente con Dani e Jacobo dende entón, realizando incluso dous concertos de reunión en 2018 e outro en 2025.

Dioivo ten anunciadas xa dúas datas de presentación deste novo disco. A primeira será o vindeiro día 7 de marzo, sábado, no CS o Pichel de Santiago de Compostela. Nesta cita os vigueses estarán acompañados doutras tres bandas de black metal e metal extremo en lingua galega. Por unha banda, o dúo ourensán Xerión, pioneiro do xénero con 25 anos de traxectoria. Por outra, o grupo vigués Corteza Inhumana e o ourensán Fata Inferna. O concerto será ás 20:00, con entrada a 12€.

O segundo concerto confirmado será o día 13 de xuño no Pub Transylvania da cidade natal da banda, Vigo. Neste local, un dos principais da escena metaleira da zona e no que Dioivo ten tocado en numerosas ocasións, acompañarán ao dúo os barceloneses de Dios e os vigueses de From Ashes To Dust. As entradas anticipadas están a 7€ e poden ser reservadas a través das redes sociais de Dioivo, mentres que na porta estarán a 10€. A apertura de portas será ás 20:30.

Que Soe ou Trono é a última adición a unha discografía de Dioivo xa de por si dilatada. En 2016, o dúo vigués autoeditou o seu primeiro EP, titulado simplemente Dioivo, seguido en 2019 polo primeiro álbum, Dioivo II. Este último foi lanzado, igual que o EP de 2021 Dioivo III, polo selo especializado estatal Darkwoods. En 2023 chegou o cuarto traballo e segundo álbum completo, Cara vos Ceios Incrementes, da man da discográfica grega Sleaszy Rider Records.