A revista

Rouco Son é unha revista de música especialmente centrada no rock de base e emerxente de Galicia. A nosa predilección é o subterráneo, as bandas que crean movemento día a día nas nosas cidades e vilas e que empregan para iso, ben exclusivamente ou entre outras, a lingua galega. A nosa terra ten unha fonda tradición deste tipo de artistas que leva décadas desenvolvéndose e que nunca deixa de xerar novas propostas. Por iso, considerabamos que había espazo para un medio que contase as historias destes e destas artistas, que se centrase nelas, e que o fixese na nosa lingua propia. É por iso tamén que, para nós, os grupos que empregan o galego nas súas letras e na súa actividade artística teñen un peso moi especial, que intentamos reflectir nas nosas páxinas.

A nosa vontade é, pois, apoiar e colaborar con calquera artista que se poida ver representado nalgunha das características antes mencionadas, para así facer medrar o conxunto da nosa escena rock, punk e metal. Non dubidedes en contactar connosco nas nosas redes sociais ou no correo electrónico roucoson@gmail.com. Podedes mandarnos información sobre o voso grupo, colectivo, espazo ou proxecto, así coma calquera suxerencia, comentario ou crítica que consideredes! E, ademais, se tedes interese en colaborar escribindo para a nosa revista, non dubidedes tampouco en contactar connosco. Reportaxes, entrevistas, crónicas, recensións, noticias… Todo isto e máis ten cabida en Rouco Son, sempre que estea escrito en galego e garde relación coa nosa escena, xa sexa coas nosas bandas, cos nosos festivais, coas nosas salas, coas nosas produtoras e promotoras, etc.

O pasado ano 2024 comezamos a colaborar regularmente co suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario. Comezamos cunha reportaxe sobre o metal, o punk e o rock duro en galego polo Día da Matria Galega e continuamos cunha recensión mensual de novidades discográficas da música galega. Podedes atopalas nas nosas redes e en https://www.nosdiario.gal/

Tamén colaboramos en moitas ocasións co programa de radio Galiza Metálica, que podedes escoitar nesta ligazón: https://www.ivoox.com/podcast-galiza-metalica_sq_f11393584_1.html

Podedes saber máis sobre a nosa revista nesta reportaxe propia coa que repasamos a nosa traxectoria: https://roucoson.com/2023/01/02/rouco-son-falamos-de-rock-en-galego/

Ademais desta web, tamén editamos entre 2021 e 2023 unha edición impresa totalmente de balde, editada por Libre Expresión de Medios de Galicia, LIEXGA media. Foi distribuída en diferentes puntos de toda Galicia, coma tendas de discos, tendas de instrumentos musicais, estudios de tatuaxes, salas de música, bares, escolas de música ou centros sociais. Aquí tedes algúns dos primeiros números da revista en pdf, por se queredes descargalos (e mesmo imprimilos):

Setembro de 2021

Outubro de 2021

Novembro de 2021

Decembro de 2021

Moitísimas grazas por todo o apoio que nos tedes dado tanto en redes sociais como en persoa, de parte de todo o equipo de Rouco Son. Esta publicación sostense principalmente polo esforzo e a vontade de facer un medio en galego e sobre o rock de Galicia, así que calquera forma de apoio é sempre moi benvida. Apertas!