Deixámosvos por aquí as ligazóns ás nosas recensións e artigos publicados no semanario Sermos Galiza de Nós Diario ao longo do ano 2025. Ademais das versións na web, só dispoñibles para persoas suscritas ao xornal, tamén saíron nas edicións en papel dos sábados.

A nosa primeira recensión mensual no Sermos foi a de Blasfemia e Mortuario, do dúo ourensán de black metal Fata Inferna. Foi publicada en xaneiro, a pesar de que o traballo xa fora lanzado o 11 de decembro, de maneira independente como as anteriores demos da banda. O disco comeza coas disonancias e os blast beats de “1993”, e ao longo dos apenas 27 minutos de duración de Blasfemia e Mortuario, a banda rara vez alixeira o seu asalto aos nosos oídos. En todo caso, tamén ten tempo para pasaxes máis calmados aínda que igualmente escuros, como as seccións de órgano de igrexa de “Noxo relixioso”, a introdución ambiental de “Longa noite no infinito” ou o interludio “Descenso aos dominios do altísimo”. Crease así un disco que é atmosférico pero tamén dinámico, con cancións breves cheas de riffs, de cambios de ritmos, e de voces do máis alá; que recolle o mellor dunha tradición moi rica, aínda que moitas veces invisibilizada, da música do país. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/black-metal-galego-estado-puro/20250110153629214370.html

Danzas no Solpor do Mundo é a continuación do primeiro traballo de Sacrosanta Decadencia Occidental, o EP Cacería Salvaxe. E aínda que este primeiro disco de 2023 xa amosaba á perfección o seu crust de claras influencias metálicas, é neste álbum no que desatan definitivamente o amplo abano de sons que son capaces de conxurar. En apenas 35 dan forma a 16 cancións directas e furiosas nas que se aprecian con claridade influencias do grindcore, do thrash metal, do hardcore punk ou do crust máis ambiental e emotivo. Incluso hai tempo para interludios acústicos, sintetizadores e mesmo para a colaboración de Pablo C. Ursusson de Sangre de Muérdago á zanfona en “Tebras”, o tema que pecha o disco. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/crust-punk-ningures/20250207155349216114.html

Para o número do Sermos Galiza que saíu o 8 de marzo non podíamos non escribir sobre Suevia, o cuarteto vigués de rock duro e metal composto por mulleres procendetes de Kuna de Odio, Martillo, Motherseed ou Diecinueve70. No seu primeiro EP Libres mesturan riffs
e ritmos pesados con melodías vocais accesibles e pegadizas. As cancións son directas e van ao gran, pero tampouco faltan nelas os solos de guitarra e as seccións instrumentais. E destaca tamén a súa alternancia entre partes suaves e fortes que lle dá aínda máis contundencia a estas últimas. Por outra banda, as letras do grupo, que toma o seu nome do reino suevo medieval, tratan principalmente temas persoais pero cun toque reivindicativo e feminista. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/suevia-libres-como-lume/20250307155134217955.html

O cuarteto coruñés de stoner doom metal Cruzeiro agasallounos por fin co seu segundo álbum, un lanzamento polo que levabamos agardando dende a saída do seu álbum homónimo en 2021. A primeira diferencia que se pode apreciar a simple vista entre Hic Sunt Dracones e Cruzeiro é que o novo está composto por 8 pistas e o anterior tiña só 4 (cunha duración total similar). Isto fai que as cancións sexan máis directas, comezando con intensidade (case) dende o minuto 1. Porén, tampouco faltan no disco os solos de inspiración improvisacional ou as pasaxes máis ambientais. A excepción á dinámica de cancións máis “curtas” vén coa peza final, “Figa”, precedida por e unida directamente á introdución que dá nome ao disco, “Hic Sunt Dracones”. Xuntas dan lugar a case 10 minutos de puro stoner doom en galego sobre a tradicional protección fronte ó mal de ollo que, cos seus riffs pesados e as súas melodías etéreas, pechan á perfección o que é un novo discazo do grupo coruñés. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/cruzeiro-dragons/20250404152820219792.html

O cuarteto de hardcore melódico Musgo 981, integrado por membros de diferentes puntos do país pero afincado en Compostela, lanzou en abril o que é o seu primeiro traballo de estudio. No álbum, dividido en dúas partes coas súas correspondentes introducións como se dun vinilo se tratase, atopamos unha mestura de partes propias do hardcore pesado de orixe noventeira con outras máis suaves e accesibles, que acentúan a intensidade das anteriores. Destacan os variados riffs de Xián na guitarra e Mateo no baixo, nos que se aprecia a influencia metaleira do seu estilo fronte a outras variantes do hardcore máis nidiamente ancoradas na súa orixe punk. Mateo (exmembro de bandas como Teima ou Insire Nome) encárgase ademais dos coros para complementar a voz principal de Martín, que opta principalmente polo estilo rasgado clásico do xénero pero emprega tamén outros rexistros para darlle variedade aquí e alá. Pola súa banda, Orión opta na batería xeralmente por ritmos lentos e a medio tempo que complementan á perfección a dureza dos riffs. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/exilio-musgo-981/20250502150506221682.html

O pasado maio saíu a nova casete do dúo punk galego Lamprea Explosiva, baixo o título de Anarquía de Montaña. Este traballo de 6 temas que suman algo menos de 10 minutos de duración recolle á perfección o espírito punk, lo-fi e faino-ti-mesmo do grupo, pero tamén amosa novas facetas do mesmo logo de máis de dez anos de traxectoria. Foi lanzado polo selo autoxestionado Caracol Negro. Lamprea, formada dende os seus comezos por Adán e Alén, é unha banda fondamente comprometida que expresa sempre nas súas cancións unha mensaxe clara en defensa da terra, do anarquismo, do antifascismo e contra toda opresión en definitiva. As cancións deste traballo, escritas como sempre en galego, non son en ningún caso unha excepción, e como indica o propio dúo, están especialmente inspiradas en diferentes loitas que van dende a guerrilla antifascista en Galicia aos movementos actuais contra Altri, Ence ou a mina en Covas do Barroso, pasando pola resistencia palestina ou kurda. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/lamprea-forza-combate/20250606170923224626.html

O grupo vigués de doom metal Luciférnaga presentouse apenas o ano pasado, pero como pasa moitas veces na escena, está formada por músicos de grupos moi destacados de diferente procedencia. Forman o cuarteto Suso (membro de Perro Futuro e exmembro de The Mirage, Nocheni ou Supernatural) á batería, Fran (de Mano de Piedra e Unathousand e ex-In.Verno) ó baixo, Mano (ex de Mano de Piedra e Supa Scoopa) á guitarra e Quini (ex-Supa Scoopa) á guitarra e á voz principal. No disco atopamos unha gran predominancia dos riffs potentes e pegañentos que todo fan do doom busca, acompañados de voces melódicas pero desgarradoras (sempre en galego) e de variados solos de guitarra. Isto vén alternado con seccións atmosféricas que rematan de construír temas asoballantes pero diversos, entre 3 e 7 minutos de duración. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/mala-besta-do-doom-metal/20250704153448227127.html

O dúo ourensán Xerión leva case 25 anos sendo a gran referencia do black metal en galego, mesturándoo dende os seus comezos con diversos elementos da tradición musical galega. Este novo álbum de estudio non é a excepción; pouco despois do inicio puramente blackeiro da homónima “A mística arte da diferença” comezamos apreciar os elementos épicos e folclóricos que enchen a música da banda ourensá. A enérxica “O doce cantar da xácia” comeza coa súa faceta máis sinfónica, afianzada polas pasaxes de órgano e piano que fortalecen a aura escura e misteriosa deste disco, e vén seguida de “O deter das horas”, inzada tanto de ritmos pesados e blast beats como de melodías folk. Un dos cumios do álbum é “De mouras e meigalhos”, con melodías épicas das que non saen da cabeza, en especial coa súa devastadora sección final. O black máis frío volve con “A derradeira melodía dos durmintes”, e o álbum pecha con “Kyría éleos”, un atmosférico e disonante, pero tamén fermoso, canto á morte. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/mistica-arte-xerion/20250802132223230073.html

Herba é un trío pontevedrés de nova creación, con pouco máis dun ano de traxectoria, pero moi prolífico. O pasado marzo lanzaron o seu primeiro álbum Ideación Suicida, acompañado por un EP de temas extra; pero antes diso xa lanzaran dous sinxelos, dous EPs e un compartido. Esta discografía previa é a que se atopa integramente incluída nesta Recompilación que acaban de sacar tanto en CD como dixitalmente, que contén ademais un tema inédito. O compilado abrangue un total de 10 pistas, con 39 minutos de duración total, que percorren as diferentes facetas do estilo do grupo. Con base no screamo, Herba incorpora influencias de neocrust punk, powerviolence, post-hardcore ou black metal. Toma forma deste xeito un son extremo e agresivo pero tamén emotivo e melancólico, no que arpexios e melodías vocais se mesturan con berros e blast beats para poñer música a letras introspectivas e descarnadas (maioritariamente escritas en galego). Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/screamo-mundo-que-esvaece/20250808133510230532.html

A finais dos anos 80 e principios dos 90 en Galicia, xéneros musicais como o hardcore punk ou o metal estaban aínda nas súas fases iniciais. Non moitas bandas chegaban a editar gravacións publicamente, e menos de forma profesional; ademais, era habitual que as súas cancións estivesen en español, tanto polo status minorizado do galego como pola vontade máis ou menos consciente de imitar aos grupos estatais recoñecidos da época. Porén, si que houbo bandas destes estilos que comezaron incluír letras en galego nos seus traballos discográficos. Algúns exemplos son ben coñecidos para quen seguiu a escena, pero outros non son mencionados tan habitualmente a pesar do seu caracter pioneiro e de que algúns dos seus membros siguen sendo ben coñecidos na música galega décadas despois; é o caso da formación que nos ocupa, a tamén viguesa Juerga General. O seu principal traballo editado foi a casete No Abismo, gravada entre maio e xuño de 1992 e lanzado ese ano da man do selo vasco DDT e da distri viguesa Berro de Rabia. Con 12 cancións e en torno a 20 minutos de duración, presenta un estilo de hardcore pesado e agresivo, onde a fronteira co metal é tan difusa como o adoitaba ser naqueles tempos. Artigo completo: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/juerga-general-32-anos-abismo/20250815095756231100.html

O grupo ferrolán Todo el Largo Verano ten xa 20 anos de historia. Na Noite Máis Curta é o seu último álbum de estudio, que amosa o seu característico estilo de pop rock sesenteiro dun xeito conceptual. A súa música trae inmediatamente á mente a dos Beach Boys do Pet Sounds, ao folk rock de Bob Dylan ou á da escena californiana bautizada retrospectivamente como sunshine pop; e os 13 temas do traballo estan divididos en catro seccións correspondentes ás diferentes partes do día, como fixeron os Moody Blues en Days of Future Passed. Neste caso, o día que dá título ao álbum é o solsticio de verán (ou, máis tradicionalmente, a noite de San Xoán), de xeito acorde coa atmósfera entre veraniega, bucólica e nostálxica que caracteriza á música do grupo. Ao longo das cancións atopamos dende breves pistas instrumentais ata cancións pop rock máis tradicionals; dende coidadas armonías vocais ata unha gran variedade de instrumentos de percusión, clásicos, eléctricos ou folclóricos. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/sunshine-pop-veran-ferrol/20250822154537231852.html

O cuarteto compostelán de hardcore pesado Krime, presentado publicamente en abril deste ano 2025, lanza agora o que é o seu primeiro traballo, un EP titulado Por Sempre Rexeitados. O disco empeza rápido e potente con “Samesugas”, unha canción adicada aos caseiros e rendistas, sinalándoos como culpables e responsables do actual problema da vivenda. Chea de voces rasgadas e coros pandilleiros que cantan retrousos perfectos para berrar con forza nos concertos. Unha fórmula similar segue a homónima “Por sempre rexeitados”. Estes dous temas son os máis cantables e pegadizos, e como presaxia o breakdown final desta segunda pista, dan paso aos máis duros e pesados, “Non hai perdón” e “Violencia. Neles, a influencia do hardcore beatdown é aínda máis notable, con breakdowns cada vez máis frecuentes, lentos e agresivos para rematar o EP con forza. As súas letras en galego están ao nivel da súa música, tratando temas sociais dunha forma moi directa, reivindicativa, crúa e violenta. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/sempre-rexeitados/20250912114430233667.html

Inussual está a presentar o seu primeiro álbum, titulado IX en referencia ás nove cancións instrumentais que o compoñen. Este enigmático traballo é a carta de presentación do que é un novo cuarteto formado por membros veteranos da escena viguesa, procedentes de bandas tales como Absorbed, Orfos, Noishock, Replyca ou New Resize. Foi gravado a principios de ano nos estudios Home Demo de Vigo. Aínda que o estilo da banda podería ser definido como unha forma instrumental de groove metal, ao longo dos algo máis de 40 minutos de duración do disco amosa influencias dunha gran variedade de subxéneros do metal, como diversa é a procedencia dos membros da agrupación. Despois de estrearse en directo a finais de 2023, en decembro do ano seguinte Inussual lanzou o seu primeiro sinxelo “III”, seguido en febreiro deste ano de “VI”. Agora, por fin, os de Vigo presentan o que é o seu primeiro traballo completo, con datas tanto no Pub Transylvania de Vigo como no The Trooper de Cangas do Morrazo. Recensión Completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/cuarteto-metal-inusual/20251010152410236375.html

O cuarteto punk Bule, formado en Pontedeume no ano 2016, está influenciado principalmente pola new wave e o punk rock de finais dos anos 70, á súa vez endebedado coa subcultura mod ou o power pop de épocas anteriores. Isto da lugar a un punk pop (que non pop punk) de aire retro pero tamén ecléctico e feito en galego, que se aprecia á perfección no seu novo EP lanzado neste mes de outubro Non vale parar!. O novo traballo, composto por 6 temas breves que suman en total uns 14 minutos de duración, foi coeditado polos selos galegos Ferror Records e Radix Records, a marca de roupa tamén galega Death or Glory Colective e o selo madrileño Snap Records. O grupo esta formado por Pablo ao baixo, Jetu á guitarra, Óscar tamén á guitarra e Adrián á batería, sendo o primeiro o encargado da voz principal e o resto os encargados dos coros. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/volta-1977-bule/20251031100636238390.html

Ghørxa é un cuarteto de stoner metal fundado en Ferrol en 2022. En xaneiro deste ano lanzaron o seu primeiro álbum Monstro, do que agora extraen dous temas para o seu lanzamento como EP en formato vinilo da man do seu selo Ferror Records, baixo o ilustrativo título de Monstro EP. O primeiro dos temas seleccionados para o EP en vinilo, o homónimo “Monstro”, comeza cun riff nostálxico e hardrockeiro que dá paso despois aos máis puramente stoner, para que empece a voz xa entrados os dous minutos de canción. A partir de aí, o que parece ser repertorio habitual; unha aparente estrofa, un aparente retrouso que non se repetirá, e uns solos blueseiros que levan xa ata os riffs finais do tema a través de varios cambios de ritmo e intensidade. O segundo e derradeiro tema, “We don’t care”, arrinca cunha intro psicodélica de baixo e guitarras limpas na que entra a propia voz. Sube despois con tiras e afrouxas a intensidade ao longo de toda a canción, para rematar cun regreso á sección inicial. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/monstro-stoner-ferrolan/20251128133706240820.html

Aínda que non é tan común en estilos máis convencionais, na música extrema é habitual atopar discos compartidos entre diferentes bandas, como é o caso do que nos ocupa: o do vinilo que as bandas galegas Mugre e Enghendrix comparten coa estatal Kädaverico e a portuguesa Distrofia. Este traballo mestura a música destas catro agrupacións de death metal, grindcore e crust, cada unha co seu xeito particular de achegarse ao metal e ao hardcore máis extremos e subterráneos. Edita o selo Romantic Songs Records, que xa ten publicado outros traballos dalgunhas destas bandas. Mugre, o proxecto musical que abre o compartido, é unha banda unipersoal formada en 2015 por Txomy, ben coñecido na escena viguesa por formar parte de bandas como Corteza Inhumana, Strangled with Guts, Esquizofrenia Paranoide ou os propios Enghendrix, un quinteto quinteto membros de outras formacións como Meigallo ou, de novo, Corteza e Esquizofrenia. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/alianza-grind-death-crust/20251226144512243096.html
