No Sermos Galiza 2026

Comezamos un novo ano de colaboracións co Sermos Galiza, o suplemento das fins de semana de Nós Diario. Grazas por contar connosco un ano máis!

Sicixia – Cascallos

Sicixia é un novo quinteto de metal de Compostela que se atopa presentando ao vivo o seu primeiro traballo, o EP Cascallos, lanzado dixitalmente de xeito independente a principios de 2025. Despois de datas de presentación no CS O Pichel e a Sala Moon de Compostela, a Fundaçom Artábria de Ferrol, a Sala Filomatic da Coruña e o Pub Transylvania de Vigo, o quinteto compostelán ten aínda dous concertos programados máis por diante. Serán o 30 de xaneiro na Casa das Crechas, de novo na súa cidade, e o 21 de febreiro na ACDE Buril de Sarria. Nestas datas teremos ocasión de seguir desfrutando ao vivo dos catro temas que conforman Cascallos, así como das novas cancións que a banda ten xa preparadas, e incluso de algunha versión, como a que fan da mítica “Kill the king” de Rainbow. O EP foi producido por Pla Vinseiro (Crisix, Mutant, Monoulious DOP, Laura Lamontagne), gravado na Casa do Rock compostelá e mesturado e masterizado nos Xalo Estudios de Ourense. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/cae-cidade-cascallos/20260102131144243465.html

Boogies – Sentimentos

Boogies é un tamén novo grupo punk da Guarda, presentado en sociedade en verán do xa pasado ano 2025 cun par de concertos na súa vila. Despois do adianto de “Camiño” o 19 de decembro, o 20 de xaneiro saíu finalmente o seu primeiro traballo, Sentimentos. Trátase dunha maqueta de 5 temas que vén acompañada do videoclip do tema “Fedorento”, gravado na Guarda por Saúl Martínez. O trío está formado por Brais Verde na batería, Hugo Aldea no baixo e Germán Mauri na guitarra, compartindo estes dous últimos os labores vocais. Xuntos practican un punk rock influído polo surf rock e mais o rock de garaxe, cun son polo tanto retro pero á vez moderno e alternativo. As súas letras, integramente en galego, tratan principalmente temas persoais e intimistas, aínda que tamén hai sitio para amosar o seu orgullo local e eloxiar a guardesa praia Fedorento no tema homónimo. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/only-locals-fedorento/20260206111218246546.html

Baleas – Bokeh

Baleas é un novo quinteto de post-rock e post-metal de Vigo que se atopa presentando ao vivo o seu último EP, Bokeh, lanzado a finais do pasado ano 2025. A súa formación está integrada por María Velasco ao baixo, Sara Cabaleiro á batería, Adrián Campo ó teclado e mais Diego García e Daniel Balseiro (tamén encargado de gravar o disco) ás guitarras. Dende a presentación pública do proxecto no verán de hai dous anos, este caracterízase por unha música instrumental que autodefinen como “brutal pop”: sons enigmáticos e evocadores mestúranse con melodías atmosféricas e etéreas sobre ritmos que pasan do máis ambiental ao potente e viceversa . O EP comeza co tema “Gaijin”, segue con “Ammil” e remata coa máis longa “HSAM”, aínda que o estilo da banda préstase a escoitar o traballo de principio ao fin de xeito en que os temas flúen entre si con pausas que non son máis que unha parte natural e fundamental da música. Variado, redondo e cautivador, deixa con ganas de máis, especialmente de ver do que serán capaces de facer cun álbum enteiro. Recensión completa: https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/post-rock-canto-das-baleas/20260306172114249562.html

Urko – Capítulo II A Semente do Caos

Urko é un trío compostelán de groove metal en galego con influencias que van do hardcore pesado ao metal alternativo ou o thrash. Naceu en 2020 e comezou a visibilizarse públicamente máis a partir do verán de 2022, pero afunde as súas raíces ata case as orixes do metal en galego: O seu vocalista e guitarrista Mario César Vila foi membro de Túzaros, InVivo, e Deseqilibrio Mental, mentres que o batería Fulas procede de Tungsteno ou Flúe, e o baixista Pat, de Medomedá, Biribirlocke e tamén Flúe. Este primeiro álbum da banda, Capítulo II A Semente do Caos, foi gravado por Diego López nos estudios Gastrar de Boqueixón en 2025, e conta con varias colaboracións. Mini Rivas (A Quenlla, Fuxan os Ventos) aporta a recitación da intro homónima, José Ledo un solo de guitarra na sexta pista “Flor de Lirio” e David Nández o piano na outro “Conta atrás”. O disco dura uns 40 minutos e, quitando intro e outro, inclúe 8 cancións. A portada é de Nando Vázquez. Recensión completa en https://www.nosdiario.gal/articulo/musica/a-semente-do-caos/20260402120453252285.html