Ollo, Lóstrego! é un trío galego que mestura o post rock co rock alternativo ou o progresivo, formado por Simón, Noel e Marcos a comezos do ano 2019 en Vigo. É un proxecto no que, nas súas propias palabras, os artistas tratan de «conxugar unha gran variedade de influencias musicais, non necesariamente centradas no rock, evitando encaixar nalgún estilo ou tendencia concreto para poder expresarse musicalmente da forma máis libre posible». Nas súas letras tratan temas como poden ser a natureza ou a relación humana co seu entorno.

O trío acaba de publicar Hábitat, un EP de 5 temas, autoproducido e mesturado pola banda, gravado en Galería Tétrica e masterizado por Álvaro Gallego de Agmastering. Os temas oscilan entre os 3 e os 6 minutos, alternando partes instrumentais propias do post rock con partes vocais, nos que non faltan momentos cañeiros achegados mesmo ao metal. A duración total do traballo é de case 25 minutos, rozando a duración dun álbum como tal.
Este novo traballo súmase ao EP homónimo de presentación que publicaron en decembro de 2019, tamén autoproducido, con 3 temas e uns 12 minutos de duración. A súa discografia pódese escoitar integramente no seu Bandcamp.