Primeiro adianto do cartaz do Resurrection Fest, con máis de 80 bandas

O Resurrection Fest 2023, unha das citas máis sinaladas do ano para fans do hardcore, o punk e o metal en Galicia, ten xa o primeiro adianto do seu cartaz. E non é un pequeno adianto para facer boca, senón que son máis de 80 as bandas xa anunciadas para subirse ao escenario do mítico festival de Viveiro. Os abonos para esta decimooitava edición sairán á venda o xoves 1 de decembro a un prezo aínda por determinar, aínda que xa se ten anunciado que se poderá facer uso do Bono Cultural Xove para mercalos.

Desta vez serán catro as bandas galegas que tocarán no festival, facendo de anfitrioas. A falta dunha confirmación oficial do reparto das bandas por días e escenarios, a disposición do cartaz xa parece apuntar que bandas estarán en cada un dos catro escenarios do Resu, é dicir, o Main Stage, o Ritual Stage, o Desert Stage e o Chaos Stage.

Dark Embrace

Por unha banda, no escenario Ritual, dominado principalmente polo metal extremo, estarán os coruñeses Dark Embrace. Esta banda fundada hai xa 22 anos comezou a súa andaina practicando un doom metal gótico, lanzando en 2006 o álbum dixital The Rebirth of Darkness – Children Whispered Screams from Beyond.

En 2009 o grupo tivo un parón do que rexurdiu en 2015, desta vez cun estilo máis próximo ao death metal melódico pero mantendo a influencia escura dos primeiros anos, autodefiníndose como «dark heavy metal». En 2017 lanzaron o álbum The Call of the Wolves, que foi regravado e relanzado en 2022 polo coñecido selo Massacre Records, e en 2023 chegará Dark Heavy Metal. Na banda militan membros doutros coñecidos grupos galegos, como Thrashnos ou Fallen Sentinel.

Youcanthide

Por outra banda, ao escenario Chaos, especializado en punk e hardcore, subiranse os vigueses Youcanthide. Esta banda foi fundada en 2019 polos membros da banda de punk de garaxe Kings of the Beach e por Kaixo, artista de música urbana e pioneiro do trap no Estado como membro do colectivo Banana Bahia. Despois de editar un álbum homónimo en 2020, sumaríaselles un quinto membro, Brais Quevedo, procedente de bandas como Karma Animal ou Liska, ademais de formar parte da alineación actual de Killer Barbies xunto ao seu compañeiro de grupo Adri.

O quinteto amosará o seu potente rock alternativo no Ritual, confirmando a frase que xa Kaixo cantou en 2017 xunto a Recycled J no tema «I don’t care»: mi gente haciendo pogo, Kaixo Resurrection Fest. Xa o ano pasado actuou no festival a banda de rap Moscow Death Brigade e os ferroláns Turbo Kraks subiron o escenario co «Resurexxxion Fest» de Sad Damn Hosse Lean, así que os vínculos entre o festival e a escena urbana parecen cada vez maiores.

Sangre de Muérdago

Finalmente, no escenario Desert tocarán outras dúas bandas galegas, Sangre de Muérdago e Deleiba. Fundada e liderada por Pablo C. Ursusson, exmembro da lenda do crust coruñés Ekkaia, Sangre de Muérdago é dende o seu nacemento en 2005 unha banda clave do estilo neofolk. A banda é galega e amosa esta procedencia reiteradamente na súa música, aínda que está afincada na cidade alemana de Leipzig. A pesar de non practicar nada similar ao punk ou ao metal, a súa aparición no Desert, especializado en sons máis ambientais e psicodélicos, está máis que xustificada pola súa sólida traxectoria, con numerosos álbumes editados. O máis recente, Xuntas, saliu en 2021.

Pola súa banda, Deleiba, dende Muros, naceu en 2017 e fai rock alternativo. O seu primeiro traballo foi o álbum El Último Eslabón en 2019, seguido do EP MMXX e de varios sinxelos. Despois de ter actuado en festivais de renome como o Castelo Rock ou o Tsunami Xixón, en 2022, o Resu era o seguinte paso natural para a banda.

Deleiba

A pesar de que aínda quedan bandas por anunciar, todo parece apuntar a que serán estas catro bandas as que formarán a representación galega do festival (máis alá, por suposto, de membros galegos doutras bandas, como Diva Satánica, vocalista das brasileiras Nervosa), xa que o propio Resurrection ten explicado que as bandas restantes por desvelar serán todas de fóra do Estado. Á espera, claro está do concurso de bandas. Para esta edición, que durará 4 días completos, a organización puxo unha particular énfase nas bandas internacionais, destacando que a de 2023 será a edición con máis destas bandas da historia do Resu.

Os cabezas de cartaz serán Ghost, Slipknot e Pantera, esta última inmersa na súa esperadísima xira de reunión. Son moitos e moi variados os nomes internacionais que inundan o cartaz, dende a banda de rock psicodélico dos anos 60 Coven ata o metalcore de Architects ou Motionless in White, pasando polo hardcore punk clásico de Black Flag, o power metal de Powerwolf, o black metal de Carpatian Forest, a mestura de black e death de Behemoth ou Belphegor, ou o hardcore pesado de Madball e Hatebreed.