The Skarnivals saca novo álbum e un videoclip con García MC

Sete anos despois do lanzamento do seu último traballo, o pasado martes 25 de xaneiro volveu por fin The Skarnivals, unha das principais bandas de ska punk do país. Latexos, é o título deste novo traballo, editado xunto á súa promotora Galunk Producións, que o describe como «un disco cargado de forza e enerxías renovadas co que o grupo comeza unha nova etapa».

Xunto co disco, publican tamén o último sinxelo de presentación, do mesmo, axeitadamente titulado «Latexo», que conta coa colaboración do rapeiro García MC, coñecido pola súa carreira en solitario ademais de por ter pertencido no pasado a Dios Ke Te Crew. Latexos está dispoñible en todas as plataformas dixitais, como Spotify, iTunes, Amazon Music ou Youtube, onde tamén se pode ver o videoclip.

Este novo vídeo, que chega despois do de «Cuervos» o pasado mes, está dirixido e editado por Alberto Lora de Galunk Producións, da man do auxiliar de produción Carles Montalt. Conta tamén coas actrices Lucía Canitrot, Carla González, Candela Lora e Adrián Rodríguez. No referente á música, foi gravada, xunto ao resto do disco, nos Estudios Estereoarte de Vigo por Javier Abreu.

Outra das especiais colaboracións que ten o disco é a de Juankar, vocalista e baixista de Boikot. «Volveríame a erguer» é a canción na que The Skarnivals realizou esta colaboración, e na que atopamos «uns riff de guitarra moi dinámicos e ‘boikoteros’ e un Juankar á voz xunto a Kome, vocalista da banda».

A banda xa ten preparada a xira de presentación do novo traballo en salas, que terá lugar na primavera de 2023. Estas son as primeiras datas confirmadas, para as que as entradas xa estan dispoñibles na web de Entradium: Bueu, na Sala Aturuxo o 4 de febreiro; A Coruña, na Sala Fillomatic o 11 de febreiro; Ourense, no Auriense o 25 de marzo 2023; e Compostela, na Sala Moon o 20 de Maio.