Ruínas – Resurrekzión (2022)

O 13 de maio de 2022 saíu este Resurrekzión, o segundo traballo de Ruínas: dúo de death/grind formado por Ángel na batería e Roberto Bustabad na guitarra, baixo, voz e sintetizadores. Rober é ben coñecido por ter feito parte de bandas galegas tan destacadas do xénero como Ovakner, Banished from Inferno e, por suposto, os lendarios Machetazo. Polo tanto, ao igual que ocorre con estas outras bandas, non vas atopar en Ruínas metal extremo xenérico; a experiencia dos seus membros apréciase inmediatamente nos orixinais arranxos e detalles que enchen as cancións, aparecendo aquí e acolá e captando a atención do oínte.

Foto promocional do dúo

O primeiro que cabe comentar é que este EP de 6 cancións e media hora de duración pode dividirse en dúas partes: unha, formada polos catro primeiros temas, dun desolador e desgarrado death/grind, que polas súas estruturas variadas e elementos ata melódicos poderíamos considerar tamén como fortemente influído polo crust punk; e outra, formada polas dúas últimas pistas, dominadas polos sintentizadores ambientais e con elementos metaleiros apreciables pero secundarios. Esta mestura dista moito de ser unha mera xustaposición de elementos inconexos, pois é algo que ten moito percorrido na mellor tradición do metal extremo internacional: lógrase expresar, con estilos de música aparentemente moi distantes, emocións similares de ansiedade, claustrofobia ou nihilismo.

A primeira parte das que mencionamos, a pesar de abarcar a meirande parte das cancións, comprende aproximadamente os primeiros 11 minutos do disco. Ista relativa brevidade, dende logo, non é pouco frecuente no death/grind, caracterizado pola velocidade e a potencia incesantes e por concentrar riffs e riffs en escasos minutos. Xa dende que escoitamos o propio primeiro tema, “Eterno Retorno”, decatámonos de que non estamos ante o típico death/grind, xa que os seus riffs son atonais e discordantes ata para o que é habitual no estilo, é á vez son tamén sorprendentemente pegadizos e memorables. Este tema xa é de por si rápido, catacterizado polo clásico dbeat e por chamativos fills de batería; porén, semella ata lento cando, co segundo tema, “Tormenta de miseria y muerte”, comenza o torrente de blast beats, aderezados por uns tresillos que lle dan o toque característico á peza.

O dúo non da tregua, e volve abofetearnos con blast beats implacables nos seguintes temas, “Último vector” e a homónima “Resurrekzión”, alternados sempre cos infaltables dbeats. Nesta última canción tamén cobran un importante protagonismo os teclados, e de igual maneira os riffs máis lentos e atmosféricos, a modo de preludio do que atoparemos a continuación.

Para estar á altura da angustia existencial expresada pola música, as letras reflicten temas filosóficos, e transmiten igualmente unha desesperación asoballante, que impregna todo o traballo. A voz de Roberto está tamén á altura, empregando un rexistro gutural tan desgarrador como variado e propio. Non atopamos aquí o explícito goregrind de Machetazo, pero si vén á mente Ovakner; nesta banda, ademais de Roberto, tamén participou Ángel, dando varios concertos con eles en substitución de Alberto, de Lóstregos. Ambos compartiron formación nela nada menos que con Balc, de Balmog.

Chega entón a “segunda parte” do disco, introducida polos 2 minutos de “Ex Putrefaktio”: un tema puramente atmosférico que marca o cambio de instrumentación e que nos leva directos ao último tema do disco. Este é “Lázaro”, que cos seus máís de 17 minutos eleva a duración total da parte electrónica nada menos que a prácticamente o dobre da anterior. Aínda que hai unha clara continuidade temática entre ambas seccións do disco, os riffs fican substituidos por diferentes pasaxes que van evoluíndo e desembocando na seguinte, acadando polo tanto unha experiencia moito máis inmersiva e, por suposto, pausada.

“Lázaro” é un tema que, dentro do seu estilo synthwave e darkwave, incorpora todo tipo de seccións diferentes e toca múltiples influencias. Isto inclúe seccións cunha influencia moi clara, incluíndo na instrumentación, dos mundos do metal e o hardcore nos que se inscribe normalmente o grupo, expecialmente cara ao final. Isto da lugar a que as dúas “caras” do traballo fiquen claramente conectadas, nunha sorte de “Eterno retorno” que nos leva a esa primeira canción do EP. Como complemento perfecto para escoitar esta última canción, a banda lanzou hai uns poucos meses, en novembro, un videoclip no que os visuais mimetízanse totalmente cos sons. Falámosvos deste mesmo videoclip na nova publicada daquelas na nosa web, onde tamén podedes visionalo: https://roucoson.com/2022/11/29/ruinas-estrea-o-video-de-lazaro-pertencente-ao-ep-resurrekzion/