Malabesta é unha nova banda, pero está composta por músicos galegos ben coñecidos na escena: Ismael Cabaleiro ó violín, David Regueiro á guitarra, Diego de Lera ó contrabaixo, Xosé Manuel Piedra á percusión, e Vituco Neira, célebre pola súa labor en Ruxe Ruxe, á voz. O quinteto vén de estrearse cun dobre sinxelo acompañado de cadanseu videoclip.
“Admiracións mútuas e amor polas músicas vellas” foron as faíscas que prenderon para dar lugar á fundación de Malabesta, que nace co propósito de mesturar estilos como o blues, o rock and roll, o bluegrass ou o folk. En definitiva, para apostar, nas súas palabras, polos “sons máis orgánicos”. “Para emocionarte pero tamén para poñerte a bailar”, indican dende a banda. Cinco vellos coñecidos da escena musical galega de ben diversos estilos e cunha química artística “tan incendiaria como evocadora”.
A súa promotora Galunk Producións defíneos como “un becho bravo sen domesticar”, un “dragón incandescente de longas farpas e cinco cabezas, e quen sabe se algunha máis”. “Son soños piratas navegando por mares de whisky e ron e recontando compases de blues cos dedos, entoando algunha vella canción de Tom Waits e rasgando as cordas dalgún perdido e estraño bluegrass”, indican en referencia ao estilo da nova agrupación
Malabesta é “un becho con chupa de coiro, moi mala hostia e ningunhas ganas de ir durmir”, o que da idea do que atoparemos na música da banda. “Así din as lendas, e as malas línguas, que é a súa música: un encontro nocturno nalgunha taberna da Zona Vella de Compostela, unha conversa sobre músicas, unha promesa de xuntarse a facer algo xuntos”, engaden.