Por Patty Castro.
The Voice Aeternal, antes chamada Voices of Galadh, é unha banda viguesa que comezou a súa traxectoria en 2019 co LP Wondering, lanzado co seu anterior nome. A agrupación defíne o seu estilo como “rock progresivo alternativo con tintes de metal”. Tras a pandemia houbo algúns cambios na súa formación, circunstancia que aproveitaron para dar tamén un lixeiro cambio á súa imaxe, incluíndo nisto o novo nome.
Actualmente é un cuarteto de voz, guitarra, baíxo e batería, que ofrece un potente directo co engadido dunhas melodías coidadas ao máximo, algo que os caracteriza dentro do xénero. Como banda de rock progresivo, as súas cancións van evolucionando tal e como sucede a cotío neste xénero, bebendo, en ocasións, doutro tipo de influencias como son as do post rock atmosférico ou as do folk rock. Son Jordi Ribas ao baíxo, Jorge Guerra á batería, Xan Muñiz á guitarra e Pilar Dafonte na voz.
A banda vén de sacar o tema homónimo “The voice æternal”, no que contan coa colaboración nada menos que de Danny Cavanagh, guitarrista, vocalista e fundador dunha banda internacional tan referencial como é Anathema. Como non podía ter sido doutro xeito, o tema conxunto e o seu correspondente vídeo están a recibir un feedback moi positivo, tamén entre os fans da extinta Anathema, que están a sinalar como a canción recolle parte do espírito da célebre banda.
Tiven o pracer de falar con Pilar Dafonte, a vocalista de The Voice Aeternal entre outras bandas das que xa vos temos falado nesta revista, como Prima Nocte, para que nos conte todo sobre a banda e a súa discografía.

Moi boas, Pilar! Fálanos un pouco de por que foi este cambio de nome na banda.
Ola, Patty! Pois mira, o certo é que se deron un par de de situacións que nos empurraron a darlle este xiro á banda. A primeira delas foi que, tras a pandemia, houbo un cambio de formación, como xa sabes. O noso guitarrista Fran Rubio tivo que abandonar a banda, e tamén Pablo Nimo, o teclista. E entón, pois tivemos que buscar outro membro máis polo menos, un guitarrista, para para completar a formación de novo. E así, cando entrou Xan Muñiz, que fora guitarrista de InVerno, foi cando decidimos o cambio de nome. Estabámonos dando conta de que o nome Voices of Galadh creaba certa confusión, non era un nome que entrase fácil á primeira á xente ,e xa lle levabamos dando voltas un tempo a que igual había que cambialo. E dixemos , pois mira, xa que agora cambiamos a formación e aínda o proxecto está nos seus inicios, pois é o momento ideal para para aproveitar e cambiar tamén o nome, porque logo, máis adiante, pode ser máis complicado. E entón fixémolo todo á vez e tentamos buscar un nome que fose un pouco máis directo.
Pódese decir que empezastes de novo con moita forza. E sacastes adiante unha canción da que estou totalmente namorada. Cóntanos un pouco como foi a creación desta canción e deste vídeo que lanzastes.
A verdade é que isto é como un soño cumprido, porque eu sigo a Anathema desde hai case 20 anos. Descubrinos no 2005, no Festival Vilar de Mouros, en Portugal. Eu lembro que ía ver a Nightwish, e estaban alí Anathema. Foi escoitalos e puxéronseme os pelos de punta. E a partir dese momento pois foi un dos meus grupos top e das miñas maíores influencias . E como seguidora da banda que son, hai cousa dun ano, máis ou menos, vin a oportunidade a través das súas redes sociais, de poñerme en contacto con eles e decidín enviarlles un tema. Este é un tema curioso porque levo con el moitísimos anos e dinlle moitas voltas. Non conseguía completalo, digamos, nin atoparlle un arranxo adecuado nin nada. Vírao con Fran, o ex guitarrista de Voices of Galadh. Tamén o vira con Jordi e non o terminabamos de completar. E dixen, pois nada, este pode ser o meu momento para ver se me poden axudar co tema, e animeime a facelo. Non sabía se ían responder ou se non, e pasou un tempo ata que recibín a súa mensaxe de volta. E, así, pois comezamos falar sobre o tema a través de videoconferencias. Empezámoslle a dar forma e claro, eu xa estaba a vivir un soño porque me parecía imposible que eu estivese en contacto con el, con Daniel Cavanagh, o membro fundador da banda. E ao final acabouse involucrando tanto que puxo mesmo a súa voz e un solo de guitarra, que non era o que se pensaba nun principio, pero gustoulle tanto que quixo facelo, e tamén compartilo nas redes sociais de Anathema. E, claro, eu que lle vou dicir? Son destas cousas que cres que nunca che van acabar pasando.

O lyric-video é fermoso, por certo. Quen foron os encargados de facelo?
Pois mira, eu estiven a buscar, e hai unha plataforma que se chama Fiverr de xente que ofrece este tipo de servizos de vídeos e máis cousas, mais non investiguei tampouco demasiado. Pero estiven a buscar o apartado de lyric-videos e atopei a Lodge Productions, un colectivo británico. Vin os exemplos que tiñan e dixen: “isto é o ideal”. Púxenme en contacto e dinlles un pouco unhas indicacións xerais do significado da canción e demais. E, ao final, pois acabaron facendo unha animación fermosa cunhas ideas que a min me impactaron, a verdade. Estamos moi contentos, tanto que, seguramente, acabemos facendo máis cousas con esta empresa.
Sen dúbida, o vídeo é unha boa representación do tema.
Eu quería facer con esta canción unha homenaxe un pouco aos devanceiros de cada un, porque, á fin e ao cabo, nós, o que somos, somos grazas á todo o que herdamos. Por iso é polo que hai unha árbore, por iso é polo que se ven esas follas representando situacións familiares, e as situación persoaiss da vida. Ou sexa, que as voces eternas son tamén as voces do noso pasado e as voces dos nosos antergos.
Fálame un pouco agora da gravación, que correu a cargo de Jordi Ribas, polo que teño entendido.
A gravación do tema fíxoa Jordi Ribas nos seus estudios aquí en Gondomar. E logo o que son a mestura e a masterización estiveron a cargo de Daniel Cardoso en Portugal. Para quen non saiba, Cardoso foi membro de Anathema como batería, teclista e baixista, e, que dicir, fixo un traballo espectacular. De feito creo que tamén se encargou nos últimos discos de gravar e mesturar á propia Anathema.
Sobre o voso estilo musical, cambiou tamén ao cambiar de nome ou seguides a estela de Voices of Galadh?
O disco anterior, evidentemente, pois conservámolo. Non imos desperdicialo porque é un disco do que estamos moi orgullosos e si que queremos seguir tendo esa esencia, pero é probable que tiremos un pouquiño tamén por un estilo máis como o desta última canción, un pouquiño máis atmosférico. Estamos vendo a posibilidade de seguir un pouquiño máis tamén para ese lado, sen perder o que xa tiñamos, porque á fin e ao cabo é a nosa esencia e non podemos deixala de lado, pero si facer mestura das dúas cousas.
Moi ben. Algún concerto á vista do que queiras facer promoción?
Pois mira, agora mesmo pódoche dar unha noticia , porque hai un concerto previsto para xuño que será en Vigo con dúas bandas internacionais. E, polo de agora, é o que aí, pero bueno, agardamos que poidan xurdir máis cousiñas. Tamén por fóra, que nos apetece moitísimo saír. Ademais, despois de todo o parón que tivemos coa pandemia, pois non puidemos máis que dar un concerto de presentación e pouco máis, asi que temos moitas ganas.
Pois moitas grazas por esta entrevista para Rouco Son e moita sorte co novo nome e este novo rumbo de The Voice Aeternal.
Xenial. Moitísimas grazas, Patty. Saúdos ás lectoras de Rouco Son.