Ardora e Demencia Sonora, sumando forzas no Pawnees MC de Vigo

O local do clube de motoristas Pawnees MC de Vigo acolleu un concerto das bandas Ardora e Demencia Sonora, organizado pola asociación local Vigo Metalheads. A pesar de terse celebrado nunha data na que coincidiu con varios concertos similares na área, supoñendo unha dura competencia para o evento, un nutrido grupo de asistentes acudiu ao local para desfrutar dunha gran noite de heavy metal e punk rock.

Vigo Metalheads é unha asociación fundada no pasado ano 2022. Defínense como “un grupo de amigos que apoiamos ás bandas da nosa terra”, e xa teñen organizado varios concertos con ese obxectivo pola área de Vigo. Estes incluíron actuacións de bandas como Amenaza de Muerte e Salavelatoria, das que xa vos falamos nas nosas páxinas, ou de Tálesien, organizada en colaboración con outras asociacións viguesas do ámbito. Ademais, teñen moitos máis concertos preparados, destacando o seu propio festival Vigo Metalheads.

Este último evento celebrarase a principios do vindeiro setembro, o venres día 1 e o sábado día 2 dese mes. Contará cos pontevedreses Brutal e os vigueses Arson Tides e novamente Ardora o venres, e cos vigueses Lethal Vice e Kuna de Odio e os coruñeses Arsian o sábado. As entradas xa están dispoñibles para a súa venta anticipada no propio Pub Transylvania, no bar Revolver, ou contactando coa asociación nas súas redes sociais. Teñen un prezo de 12 euros as dun día e 20 euros as dos dous días.

Volvendo ao concerto que nos ocupa, toca comezar falando dos grupos en cuestión. Ardora, por unha banda, é unha agrupación formada recentemente en Vigo, e aínda non teñen gravacións editadas, pero xa teñen dado numerosos concertos pola área. Este cuarteto xa está preparando a súa futurible entrada no estudio para plasmar nel os seus temas, que se moven entre o heavy metal e o power metal máis propio da primeira onda do estilo e estando sempre escritos na lingua galega. A un nivel lírico, tratan principalmente temas relacionados con Galicia, como poden ser cuestións sociais ou tamén temas collidos da mitoloxía galega.

Por outra banda, Demencia Sonora é unha formación de punk rock da parroquia viguesa de Freixo, e contan con máis de 15 anos de traxectoria. Aínda que tampouco teñen lanzamentos discográficos, si contan cunha longa traxectoria de concertos dados ao longo dos seus anos de existencia. Particularmente, no mítico festival Freixo Rock, que se celebra hoxe en día nesta parroquia de xeito bianual e do que o cuarteto é a banda anfitroa por excelencia, tendo participado na grande maioría das súas edicións.

O céntrico local da sección viguesa do club internacional Pawnees MC foi unha localización perfecta para un concerto destas características. A súa ambientación moteira e rockeira clásica encaixaba perfectamente coa música que as dúas bandas desatarían ao longo do evento. Non é excesivamente habitual ver concertos así nun local deste tipo en Vigo, polo que iniciativas como esta son moi benvidas para diversificar o abano de opcións das que dispoñen os afeccionados e as bandas de rock, punk e metal para dar concertos en Vigo con diferentes niveis de aforo.

Ardora foron os encargados de abrir a noite, co seu heavy/power metal clásico, no que predominaron as cancións a medio tempo típicas do estilo pero sen faltar outros ritmos aquí e acolá. As súas cancións combinan o protagonismo dos riffs heavys e os solos coa aguda e case operática voz do vocalista Soto, na liña do mellor heavy metal oitenteiro. Ademais, o frontman encargouse de manter unha constante interacción co publico durante todo o espectáculo, animándoo e integrándoo na música do grupo tanto dende enriba do escenario como baixando del.

As cancións en galego interpretadas esa noite pola banda trataron temas diversos, que foron dende o da inmigración en Galicia, tan perenne coma actual, ata a praga da vespa velutina. Tamén houbo versións, como foi a súa interpretación da mítica “Maldito sea tu nombre” de Ángeles del Infierno, un tema vocalmente demandante para o que o que a voz do vocalista axustouse á perfección. Os seus imposibles berros agudos foron, dende logo, do máis destacado da actuación. E, co público xa ben quente, non faltaron pogos, saltos e headbanging entre os asistentes.

Fixeron así excepción na cuestión do idioma para render tributo a esta banda estatal, cun tema que xa versionaran varios dos membros da formación na exitosa Master Metal Jam celebrada pouco atrás. O grupo aproveitou para lembrar este evento, organizado polas viguesas Fati de Suevia e Fabio de Infrahumano, que xuntou a 250 persoas na viguesa sala Master 2 para ver a uns 50 músicos da escena da cidade versionar múltiples clásicos do rock e o metal internacionais. O evento reuniu a membros de todo tipo de bandas da zona, e foi un éxito rotundo esgotando as entradas e logrando un gran ambiente de confratenización entre rockeiros e metaleiros de todo tipo. Varios menbros de Ardora participaran nela versionando múltiples cancións de distinta índole, dende o “Pull the plug” de Death ata o “Du hast” de Rammstein, pasando por este “Maldito sea tu nombre”.

Demencia Sonora tomaría o relevo de Ardora no escenario do Pawnees. O cuarteto de Freixo practica un punk melódico e rápido que en ocasións chega rozar mesmo o hardcore punk máis clásico. Intercalaron ao longo de toda a noite os seus temas propios, pegadizos, sinxelos e cantables a máis non poder, con toda unha serie de grandes clásicos do punk estatal que fixeron tolear ao público xa definitivamente, bailando e cantando sen cesar co grupo.

Na música punk da banda non faltaron tampouco as liñas de guitarra solista, os coros, e mesmo o dobre pedal na batería, sendo isto último unha característica máis propia de estilos do metal e do hardcore máis pesado que do punk rock. Este feito imprimía ás cancións máis potentes do grupo un extra de contundencia moi destacable.

Os de Freixo deron un espctáculo incansable e ininterrumpido, como é habitual neles, dando un sorprendente número de bises e non abandoando o escenario ata que o público estivo plenamente saciado, xa ben superada a hora de finalización do concerto inicialmente previsible. Entre os clasicazos interpretados polo grupo, especialmente cara ao final do concerto, atopáronse temas como o “No hay tregua” de Barricada ou o “Nos quieren detener” de Boikot, no que contaron, como é habitual nos seus concertos, coa colaboración de Quintas na voz. “Burgués, tu nunca entenderás los problemas de la calle”… Puros himnos.

Despois de perder a conta cos inesgotables e apoteósicos bises de Demencia Sonora, acabou chegando finalmente o remate do concerto. Toda unha gran noite de rock con estilos diferentes para demostrar o músculo e a variedade da escena da zona. Non esquezades agora apuntar a data para o festival Vigo Metalhads, onde isto, de seguro, repetirase por triplicado.