Inquisiciones, o novo de Conducto Coloquio cun feixe de colaboracións da escena luguesa

O grupo de blues rock lucense Conduto Coloquio lanzou o seu novo álbum, Inquisiciones, o pasado día 5 de xuño. O disco atópase xa nas principais plataformas dixitais, así como no perfil de Bandcamp do grupo. O seu lanzamento foi posible en boa parte grazas á exitosa campaña de micromecenazgo realizada pola banda a principios deste ano. Cabe mencionar que neste traballo se inclúe “Agradecida”, o primeiro tema en galego dos de Lugo e que foi adiantado nas súas redes sociais con motivo do pasado Día das Letras Galegas 2023.

Con este novo traballo, Conducto Coloquio celebra o fito cumprido de levar 10 anos en activo como banda neste 2023. Trátase dun disco máis ecléctico que os dous anteriores, o álbum Germinal, de 2015, e o EP Distopía de 2018. Mantendo a esencia blues rock do grupo, o son do novo traballo “foi cara diversos lugares, dende o ska punk ata o rock psicodélico ou a música latina, e por momentos achegouse ao rap, o soul ou o rock alternativo”, indican dende a propia banda. Unha das razóns que contribuíu a que este abano de estilos se plasmara axeitadamente en Inquisiciones foi a participación na súa gravación dun feixe de coñecidos músicos e cantantes da escena luguesa, algúns dos cales xa tiña colaborado co grupo no pasado.

Portada de Inquisiciones

As colaboradoras e colaboradores foron as seguintes: Mar López nos coros, Cristina Nogueira (Lucus Ensemble) no cello, Silvia Viñas (Jotinho’s, Lonely Tracks, Ship of Fools, Chigliak&Orol, Wireless, Mr. Hathaway, The Corporation, Mixtape, Fast Food) na voz, Luis Montero (Patuk Band, Venezia) no saxofón, Roberto López Valdés (Max 2000, Ciudad de Lugo, Salsabanda, Madeira, Emperadores, El Combo Dominicano, Almirantes, Costa Dorada, La Florida Band) na trompeta, Sara Nebra (M82, Janie’s Gun, Orfeón Lucense, Nebra) na voz, Beelattor (SUD-AK’s) na voz, Fran Zélop (Una brizna de paja, Filophóbicas, Condensadores de Fluzo) na voz, Javier Chousa (No Nation, Arizona, Salsarena) na guitarra, Nacho Cuesta (Principio de Parsimonia, Tierra de Cinco Minutos, Sigilu) na voz, e Iván Ferro (Dissapoiment, Ictvs, Desert Icon, El Ego, Khmer, Negarte) na guitarra.

A gravación e mestura foi tarefa do propio Iván Ferro nos seus Kollapse Studio de Lugo, e a masterización, de Steve Corrao en Sage Audio. As artes gráficas foron finalmente, “tras un circunstancial cambio de plans” como sinala a banda, obra de Lea Escudero e Vanessa Somoza. A formación de Conducto Coloquio que gravou este disco é a que xa leva consolidada dende hai varios anos: no baixo, Lea Escudero (Resbalón); na voz e na guitarra, Miguel Bello (Resbalón, La Penúltima, Wicked World, Queen pro Quo, Condensadores de Fluzo, Fast Food, Arizona, Ringdown); na batería, Víctor (Skullkrusher, Kalte Sonne, Märela, Hänselus); na guitarra: Luis “Bedu” Pérez (Psicolepsia, Tierra de Cinco Minutos, Mustélidos, Condensadores de Fluzo, Lagarto Zulú); e nos teclados, Andrés Haensel (Los Mangosaurios, Ganjah Roots, Los Zorros, Hänselus, Los Revelators).

Para difundir este traballo, Conducto Coloquio realizará un concerto de presentación en Lugo xunto a algúns dos colaboradores do disco. A data do mesmo aínda non foi anunciada, pero dende a formación sinalan que este terá lugar a finais de verán ou principios de outono e que revelarán o día exacto “chegado o momento”. Esta actuación servirá para o lanzamento de Inquisiciones en formato físico. A banda presentou así mesmo un videoclip para o tema “Deshaucio (la casa del caracol)”, que conta cunha introdución coa voz de Paco Nieto e coa participación nos coros de Mar López, unha colaboradora habitual do grupo en varios traballos.