Gallego Común presenta o videoclip “1/2 rural” como adianto do seu primeiro EP

A banda morracense Gallego Común vén de lanzar o videoclip “1/2 Rural” como adianto do seu EP de debut, Podía ser peor, que verá a luz proximamente. A peza audiovisual, dirixida, gravada e editada por Sergio Prado de Eido Cinema, é definida polo propio grupo como “un retrato deformado de xente que dubida, modos de vida en colisión e vítimas e verdugos, conceptos que se adoitan confundir na etapa final do capitalismo”. Ten unha clara vontade caricaturesca, porque Gallego Común cre que “o sentido do humor, ademais de revolucionario, é terapéutico; axuda a non tomarse demasiado en serio”.

O tema, xunto ao resto deste futuro primeiro traballo discográfico, foi gravado, mesturado e masterizado polo moañés David Bleis, de Creoenmi Producciones. O disco incluirá cinco cortes, e será presentado o próximo venres 16 de xuño na SalaSon de Cangas. Ese día estará dispoñible tanto en formato físico como en todas as plataformas dixitais.

Gallego Común, como eles mesmos explican, emerxeu hai agora un ano “das profundidades da comarca do Morrazo, para iniciar unha aventura musical por debaixo do underground coa idea de levantar acta desta época confusa a golpe de rock post bravú rudimentario”. Defínense a si mesmos como “catro tipos que fan o que poden, non o que lles gustaría: música precaria contra a imaxe distorsionada dos tópicos, para rirse dos chistes de gallegos que non fan nin puta gracia”.

Decláranse tamén “amantes das folgas” e renegan “das verbenas coloniais e da empanada de cebola”. Din que, se tivesen o que hai que ter. “emigrarían, porque seica se está ben aquí, pero hai que ir marchando”. E “dubidan da capacidade transformadora da música, polo que non chaman á rebelión nin ao baile”. Iso si, “como bos galegos, sempre están dispostos a vender a súa forza de traballo a quen queira contratalos”.

Para o venres 16 teñen preparado un concerto moi especial, no que participarán tamén outros músicos da comarca, como Tono, o cantante de The Lelli Kelly´s, ou o cantautor Viva. Será a segunda ocasión na que Gallego Común actúe na SalaSon, e agardan unha resposta similar do público, que o ano pasado por esta datas encheu a mítica sala canguesa nun concerto que supuxo a estrea da banda.