Ten que ser a música infantil unha música simple, con escaso contido e profundidade? Rotundamente non. Isto é o que demostra Pakolas, pseudónimo de Paco Cerdeira, tamén guitarrista de Zënzar, co seu “rock and roll en galego para as nenas e nenos, e toda a familia ao completo”. O músico ten logrado unha gran acollida con este proxecto de música infantil, creado para ser desfrutado por todos e todas, con “letras axeitadas aos máis cativos e cativas, dende o respeto á infancia na creación de cultura”. Así o confirman as decenas e decenas de concertos que ten programados proximamente e que se poden consultar na súa páxina web https://pakolas.com/
O músico vén de estrear o seu terceiro traballo en solitario A Ramona Pequena Vai á Lúa, en formato libro-QR e editado por Galaxia. O libro conta con ilustracións de Laura Romero, compañeira súa como baixista de Zënzar e responsable do proxecto Músicas Galegas Ilustradas. As cancións que acompañan o libro están dispoñibles nas diferentes plataformas dixitais, e tamén se pode ver en Youtube o vídeo promocional do tema “Coas mans”, gravado o pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas, no Miúdo Fest do Centro Social, Cultural e Deportivo As Pedriñas de Tameiga, Mos. O vídeo amosa o estilo metaleiro e hard rockeiro de Pakolas, nun evento que foi ademais o concerto número 666 do músico en solitario.
A súa proposta, Pakolas. Rock infantil e familiar en galego, resultou recentemente gañadora dos XIV Premios Rosalía de Castro da Lingua 2023, que convoca a Deputación da Coruña. O xurado escolleu a Pakolas por considerar que “utiliza unha linguaxe universal, a música, para involucrar calquera xeración no uso normalizado da nosa lingua”. O informe do xurado tamén indica que “non só utiliza a súa enerxía e entusiasmo sobre o escenario, senón que fai uso doutras vías para divulgar e promocionar a cultura”. Agora, o músico, xa sexa en solitario ou acompañado por Laura Romero, continuará a levar o seu espectáculo por festivais, bibliotecas, centros de lectura, feiras do libro, teatros, auditorios e centros sociais, como ten feito de xeito incansable ata o momento.
Paco Cerdeira leva adicándose ao público infantil dende xa fai mais de 16 anos, comezando os seus pasos como membro do grupo de música didáctica infantil en galego Mamá Cabra, no que estivo durante máis de 10 anos. No ano 2014 decide formar a súa propia banda de música infantil, dada a súa longa traxectoria neste eido profesional, e nace así A Gramola Gominola, editando o seu primeiro traballo homónimo en libro-CD en marzo de 2015, tamén por parte da Editorial Galaxia. As cancións deste proxecto musical foron algo totalmente diferente ao visto ata ese momento, tendo como eixe central o rock and roll, explorando e mostrando moitos estilos da música contemporánea ligados ao rock, e sendo á vez unha proposta didáctica para os máis cativos da casa. Este traballo fai un repaso polas orixes e evolución da música, que serve de fío condutor para falar de valores como a amizade, a familia, etc.
No 2017 edítase o segundo traballo da banda, Cancións para Desafinar, tamén con Galaxia, e no ano 2019, o terceiro, Bravas. O rexurdir da Luz. A banda sería recoñecida en 2018 co Premio Martín Códax da Música na categoría de música infantil, despois de ter sido finalista nos dous anos anteriores. No ano 2015, Paco Cerdeira xa comezara traballar no seu proxecto persoal en solitario, Pakolas, e nace así unha nova proposta como espectáculo individual. Segue traballando así con letras e composicións propias e adentrándose no mundo dos contos. O seu primeiro libro-cd con este proxecto, chamado tamén Pakolas, é editado por Galaxia en novembro de 2017, co respaldo do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia.
En agosto de 2020 sae editado o seu segundo traballo en solitario, Ramona Órbita, A Dona do Tempo. Axiña esgota a súa primeira edición, tan só cinco meses despois da súa estrea. En xaneiro de 2021 sae do prelo a segunda edición, e así ata a cuarta edición en setembro de 2022, con mais de 2.000 exemplares vendidos. Neste libro conta a historia de Ramona Órbita, “unha muller labrega da Serra do Courel que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas , e ademais ten unha máquina do tempo, coa que viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas”. Agora, con este terceiro libro en solitario que acaba de sacar, continúa narrando a historia de Ramona, inspirada na súa propia bisavoa do mesmo nome.