Mundo Prestigio ponnos bailar con «Personas»

A banda viguesa Mundo Prestigio debuta no selo Ernie Records con «Personas», un tema co que buscan contaxiar a súa boa onda e que é o primeiro adianto do seu LP debut. A canción certifica ademais o bo momento que atravesa a formación, integrada por Ju, Brais, Fiz e Fer. Xuntos publicaron varios traballos curtos e sinxellos, entre os que podemos atopar colaboracións con Grande Amore, Mariagrep, Ortiga e Cibrán de Boyanka Kostova. Ademais, serán a banda que acompañará a Carlangas de Novedades Carminha nos directos de presentación do seu novo disco.

«Personas», o primeiro sinxelo do próximo traballo da banda, é un tema, en palabras do selo Ernie Records, «festivo e bailable» que é «capaz de arrastrar, dende a primeira escoita, a un movemento corporal involuntario que vai in crescendo conforme avanza a canción; o tema atrápate ata descubrirte meneando as cadeiras, imposible non deixarse levar». Personas é «unha enerxía que logra contaxiar bo rollo, poñerche de bo humor», cunha «melodía alegre, divertida, elixida como primeiro adianto a modo de celebración, pois nela pode palparse o bo momento que atravesa a formación», engaden.

Mundo Prestigio procede da formación anterior Jay, que practicaba noise rock, pero co novo nome chegaron as influencias de xéneros como o R&B e o hip hop máis bailable. Neste tema funk atopamos pianos, sintetizadores, potentes liñas de baixo e moitos samplers ao longo de 4 minutos, sendo unha boa mostra do novo son do grupo. A canción abre cunha locución de Carl Sagan, na súa versión dobrada ao español, da serie documental “Cosmos”; dende Ernie Records explícan que «o solemne discurso unicamente é a previa, no xiro está o goce: un tema no que volver de novo á nosa intranscendente pero divertida condición de seres humanos, personas que viven e se divírten, quen necesita máis». Pode escoitarse nas principais plataformas dixitais.