Achégase a edición 2023 dun dos máis asentados festivais galegos, o Revenidas, celebrado cada ano en Vilaxoán, na parroquia arousá de Sobrán. O evento contará con concertos de moitos destacados artistas a nivel estatal e mesmo de latinoamérica, e tamén cunha considerable representación do rock galego. Nun cartaz encabezado por Ska-P, Los Chikos del Maíz, Ana Tijoux, Sara Hebe ou a nova banda de Evaristo Páramos, Tropa do Carallo, podemos atopar nomes como os de The Skarnivals, Arrhythmia, Heredeiros da Crus, Dakidarría, Lamatumbá, Familia Caamagno e The Rapants. E, ademais destas bandas de rock, podemos atopar a outras artistas galegas de diversos estilos, como Hydn, Fillas de Cassandra, Mondra, Sheila Patricia, Rebeliom do Inframundo, O Rabelo, Xosé Lois Romero e Aliboria ou A Duendeneta.
The Skarnivals e Arrhythmia serán as bandas de rock galegas encargadas de tocar no primeiro día do festival, o xoves 7 de setembro. Os primeiros, procendentes de Bueu, están a presentar o seu novo álbum Latexos, no que demostran unha vez máis o seu característico estilo ska punk. Os segundos, habituais dos festivais veraniegos, presentaron o ano pasado o seu álbum I. Compartirán o escenario coas artistas latinoamericanas Ana Tijoux e Panteón Rococó, cos asturianos Desakato na súa xira de despedida, coa rapeira arxentina Sara Hebe e co grupo madrileño de música latina Tremenda Jauría, entre outras.
A segunda xornada do festival, a do venres 8, contará con Zoo, Fillas de Cassandra, Los Chikos del Maíz, Zetak, Sheila Patricia, La Regadera ou Rebeliom do Inframundo. Tamén con Tropa do Carallo, a nova banda do que fora vocalista de La Polla Records ou Gatillazo, Evaristo Páramos. O cantante, aínda que célebre pola súa traxectoria en Euskal Herria, naceu en Tui, e fai clara referencia ás súas orixes galegas no nome deste novo grupo punk. Virá acompañado por Abel Murua ao baixo, Tripi á batería e Alberto Salgado á guitarra, e os catro presentarán no Revenidas o seu primeiro álbum, Que hostias andáis!.
A xornada do sábado 9 de setembro será a que conte con máis bandas de rock galegas, 5 en total; Dakidarría, Lamatumbá, Heredeiros da Crus, The Rapants e Familia Caamagno. Por unha banda, Dakidarría, co seu ska punk, aproveitarán o festival de Vilaxoán para celebrar o seu 20 aniversario xunto a un feixe de convidadas e convidados. O espectáculo será gravado para se converter no primeiro disco en directo da banda do Val Miñor. Por outra banda, tamén será moi especial o concerto de Lamatumbá, coa súa mestura de rock, reagge ou música latina, que se atopa en pleno regreso aos escenarios. E tamén estarán ese día os míticos Heredeiros da Crus, nun dos seus primeiros concertos tralo parón provocado por motivos de saúde do seu vocalista Javi Maneiro.
The Rapants, pola súa banda, son definidos polo grupo festival como “xunto con Fillas de Cassandra, a gran sensación da música galega deste 2023”. Cando hai uns anos asomaron pola escena musical galega presentábanse como “unha banda de indie e garage” que pretendía “achegar frescura por medio de temas animados, directos e cargados de enerxía”, co obxectivo de “levar o noso bo rollo alá onde imos”. Os de Muros propoñen ademais un achegamento á música disco e á electrónica co seu novo disco, O corazón como un after.
Outros que veñen de darlle unha volta ao seu son son Familia Caamagno. O quinteto compostelán estreou a finais de 2022 O mundo está derrotado, un disco co que actualizan a súa característica sonoridade retro, achegándose á contemporaneidade “dunha forma perralleira”, como afirman sempre dende o seu particular sentido do humor. Todos eles compartirán cartaz con Ska-P (que ofrecerán en Vilaxoán o seu único concerto en Galicia deste ano), Rodrigo Cuevas, La Élite, Nativa, Kiza, O Rabelo, Mondra, Kris K Dj, Me Fritos and the Gimme Cheetos e A Duendeneta (que pinchará tamén nos dous días anteriores).
A xornada do domingo 10, na que se celebrará a tradicional sardiñada popular e a Gala de Circo Solidaria, contará no musical coas actuacións de Uxía Lambona e a Banda Molona, La Yaya Dj e Xosé Lois Romero e Aliboria, que serán os encargados de pechar o Revenidas 2023. Aínda quedan entradas para os días 7 e 8 dispoñibles na web do festi, así que, aproveitade!
