As bandas galegas no Resu 2023, parte 2: Dark Embrace, Dismal, Keepers

Con fotos de Emilia Vidal-Hallett.

Das nove bandas galegas que pasaron en 2023 polo Resurrection Fest de Viveiro, tres delas tocaron na súa terceira xornada, a do venres 30 de xuño: Dark Embrace e Dismal no escenario Ritual, e Keepers no Resurrection Fest Boulevard. Despois dos concertos de Youcanthide e Display of Power o mércores e do de Leftlovers o xoves, esta vez tocaba facer máis malabares para poder apoiar ás tres bandas galegas, xa que as tres tocaron nun lapso de apenas dúas horas e dez minutos e con Dismal e Keepers solapándose por completo. Porén, dende Rouco Son fixemos todo o posible para velas o máximo posible ás tres e contarvos como foron os seus concertos no festival. Despois de dous días menos cargados de bandas galegas, ata se agradeceu o trote!

A banda compostelá de death metal melódico Dark Embrace foi a primeira en subir ao escenario, concretamente, como dixemos, ao Ritual. Este escenario, o máis especializado en metal dos catro principais do festival, acolleu tanto o seu concerto como os de Dismal e Display of Power, mentres que o resto das bandas galegas tocaron no Desert Stage ou no bulevar. Era, ademais, a banda encargada de estrear o escenario este día. Foi ás 16:05 da tarde, xusto despois dos concertos de apertura da xornada, e Dark Embrace contou coa importante vantaxe de que non había ningunha outra actuación á mesma hora. Como contraparte, so tiveron 40 minutos de tempo, pero estes foron máis que suficientes para demostrar a calidade da súa proposta sobre as táboas.

Óscar, vocalista de Dark Embrace, e Julio, batería. Foto de Emilia Vidal-Hallett

Unha das cousas que primeiro chamaron a atención do espectáculo foi o emprego de lume e pirotecnia, algo pouco frecuente nas primeiras bandas en actuar nun festi a pleno sol, pero que se dúbida engadiu un encanto extra ao concerto a nivel visual. Iso si, entre a calor do propio día e a das máquinas de lume, a resistencia dos músicos tivo que ser encomiable. Calquera que estivese nas primeiras filas dos concertos do escenario principal pola noite, onde o emprego destes recursos e moito máis común, pode dar fe de que suben a temperatura moi considerablemente a pesar de ser utilizados en periodos de tempo relativamente breves. Así que, mérito engadido para os membros da banda pola súa entrega á escenografía.

A formación actual de Dark Embrace nos directos esta composta por Óscar Rilo na voz, Alejandro Melchor «Mou» e Markos Villar nas guitarras, e Julio Valladares na batería. Óscar é, deles, o único membro fundacional do grupo, no que tamén cumpriu en determinadas épocas as funcións de guitarrista, baixista e teclista, levando nel dende os tempos en que era unha banda de doom metal a principios dos anos 2000. Ademais de pola súa traxectoria en Dark Embrace e noutras bandas, tamén é coñecido por levar, xunto a Jesús Bernal, a axencia Hueso Producciones, coa que ten organizado concertos e xiras de moitos destacados artistas de metal a nivel internacional. Por exemplo, organizan este setembro a xira estatal da lenda do power metal alemán Rage, na que Dark Embrace terá a honra de facer de teloneiros xunto a COP UK.

O guitarrista solista da banda, Mou. Foto de Emilia Vidal-Hallett

Mou, Markos e Julio, pola súa banda, teñen coincidido en numerosos proxectos anteriores. Principalmente, como membros da veterana banda de power metal galega Trashnos, da que Markos foi tamén o vocalista, antes do parón no que esta leva inmersa nos últimos anos. Mou foi o primeiro en entrar en Dark Embrace en 2016, ao que lle seguiu Markos como baixista antes de asumir anos despois o rol de segundo guitarrista. Julio, por outra banda, entrou en 2018 como batería para os directos, mentres que este rol o desempeña no estudio, como músico de sesión, Snowy Shaw, coñecido por ter tocado con King Diamond, Mercyful Fate, Memento Mori ou Dream Evil.

A formación, pois, tamén era chamativa, sendo un cuarteto con dous guitarristas e co baixo e os teclados secuenciados. A experiencia previa co power metal de Trashnos notábase especialmente nos coros de Markos e Mou, que lle daban unha gran forza ás seccións melódicas da voz de Óscar no directo. O vocalista alterna ditas seccións limpas cuns guturais particularmente desgarrados, emulando o estilo de míticos vocalistas de death metal como Martin Van Drunen de Pestilence ou John Tardy de Obituary. Porén, a pesar da dificultade de executar correctamente un estilo vocal tan arriscado, o de Dark Embrace cumpriu con creces ao longo de todo o concerto.

Markos, o outro guitarrista da agrupación, xunto a Julio e Óscar. Foto de Emilia Vidal-Hallett

No referente ao estilo, Dark Embrace demostrou sobre o Ritual Stage a súa mestura de death metal melódico con elementos sinfónicos e góticos, ás veces incluso máis propios do black metal, dependendo da canción. No concerto predominaron claramente os temas do último álbum da banda, Dark Heavy Metal, que é o nome que empregan tamén para referirse ao seu estilo de música. Tamén houbo sitio para algo de The Call of the Wolves, o álbum lanzado en 2017 despois de dez anos de parón da banda e con Óscal Rilo como único membro oficial. O disco sería posteriormente regravado e relanzado en 2022 como The Call of the Wolves (Re-howled). Porén, non soou no concerto nada da época doom metal do grupo, na que chegaron a lanzar en 2007 o álbum dixital The Rebirth of Darkness.

De feito, en contraposición ao estilo máis lento que practicaba o grupo nos seus inicios, os temas que demostraron no directo foron principalmente rápidos e enérxicos. Destacaron tamén os espectaculares solos de guitarra de Mou, profesor na Casa do Rock de Compostela e exmembro tamén de bandas como Fallen Sentinel ou Lightmaster. As cancións de Dark Embrace teñen numerosos elementos melódicos e sinxelos que as fan pegadizas, e, ademais, chamaba atención o número de persoas entre o público que coñecían e cantaban os temas. A banda leva xa un tempo tocando de xeito incansable e visitando numerosos festivais, polo que non sorprende que a asistencia ao concerto fose moi boa aínda tendo en conta o horario no que tocaron. Os asistentes non se animaron co pogo, pero si co headbangin’ ao ritmo da música.

Julio e Mou. Foto de Emilia Vidal-Hallett

A sincronía entre os membros do grupo, con décadas de traxectoria ás súas costas, foi tamén moi notable, movendo a cabeza ao unísono e percorrendo o escenario dun lado ao outro. Entre os temas máis destacados que soaron no concerto estiveron sinxelos como «Let the blind to see», «Personal hell» ou «Never seen the sun», e tamén outros como a rápida «Metalhead till I die», a declaración de amor á música metal coa que o grupo dixo despedirse do escenario. Porén, aínda quedaba por tocar o verdadeiro tema final, «Dark heavy metal», tras o cal o público pelexou avidamente polas púas que lanzaron os músicos dende o escenario. O concerto rematou 5 minutos antes do previsto, confirmando a máxima de que o bo, se breve, é dúas veces bo. Foi, en conclusión, un concerto sorprendente e moi entretido, no que a única nota negativa puido ser os problemas de son que afectaron a varias bandas no festival, cun bombo e uns graves esaxeradamente altos por momentos.

45 minutos despois do concerto de Dark Embrace, comezaba tocar, no mesmo escenario, Dismal, a que con diferencia foi a banda galega máis veterana en tocar neste Resu. A banda naceu nada menos que en 1992, como parte da mítica escena death metal galega da década dos 90, aínda que a finais desta mudaron o seu estilo polo metal alternativo. E, a finais da década dos 2000, o grupo cesou a súa actividade, polo que ata a súa recente reunión non tiveran ocasión de tocar nun festival como o Resurrection Fest, que tivo as súas humildes orixes en 2006. Polo tanto ás 17:15 daquel venres pagábase unha débeda histórica cunha das bandas máis lonxevas do metal galego, que por fin subían ás táboas do festival de metal máis coñecido do país. Unha banda que, de feito, practica un estilo que non podería ser máis axeitado para o Resu.

José Barros é o baixista, cantante, e un dos membros fundadores de Dismal. Foto de Emilia Vidal-Hallett

A agrupación radicada na parroquia de Viascón, en Cerdedo-Cotobade, leva dende a súa reunión tocando en directo os temas da sáu etapa de metal alternativo e hardcore, época na que, de feito, renomeáranse temporalmente como The Dismal. Dous dos seus álbumes desta época, Make your mind up (2001) e El tristeza (2002). son os únicos que podemos escoitar de xeito oficial nas plataformas dixitais. Porén, tamén se puido percibir o seu pasado extremo ao longo do concerto en detalles aquí e acolá. Dende o ano pasado, Dismal son habituais dos festivais galegos con oco para a música máis cañeira, tendo pasado por algúns dos máis desatacados alén do Resu: o Surfing the Lérez de Pontevedra, o Kanekas de Cangas, o Alén Metal Fest de Vilagarcía de Arousa… Polo tanto, os asistentes xa estaban preparados para o que ían atopar sobre as táboas por parte do grupo cotobadés.

A pesar de estar as letras das súas cancións en inglés e en español, foron unha das poucas bandas do festival que se dirixiu ao público en galego, un público entre os que se atopaban numerosos fans da banda tanto vellos como novos. Algúns deles, incluso, portando bandeiras galegas. Todos eles, entregados ao directo do grupo, cantando os temas da banda, e mesmo facendo pogo, como debe ser. Pódese dicir, pois, que tocaron na casa, sendo beneficiados por un horario máis favorable que o que tivo Dark Embrace. Predominaron no setlist as cancións pesadas para facer saltar aos asistentes, pero tamén houbo sitio para cancións máis rápidas nas que se orixinou algún que outro circle pit.

Dismal sobre o escenario. Foto de Emilia Vidal-Hallett

Un dos elementos que máis destacaron no concerto foron os samples e scratchings que caracterizan o son da banda. Especialmente, polo feito de que estes se interpretasen en directo, por parte do membro da banda Tino Álvarez. Nunha época na que é cada vez máis habitual que este tipo de cousas se secuencien e «disparen» nos concertos, o cal non é algo necesariamente negativo, Dismal foi unha das poucas bandas en todo o festival que o fixo deste xeito. A banda desfrutou, ademais, dun son máis equilibrado que o doutros concertos do festival, sen que as frecuencias máis graves dominasen tan claramente a música. Incluso, nas primeiras filas, que adoitan ser as máis afectadas por este tipo de excesos.

O de Dismal foi, en definitiva, un concerto moi intenso e cargado de significado, no que se puido percibir unha gran cercanía entre o público e a banda, formada tamén por membros de outras formacións con moita presencia no underground galego como son Salavelatoria ou Enki. Oxalá poidamos ver tamén algunha vez, máis cedo que tarde, a Dismal interpretando non só estas cancións, senón tamén os temas da súa etapa máis death metal. Non podemos esquecer que foi nesa época, máis temperá para a banda, na que firmaron discos totalmente clave da historia do metal galego como Avowals, o seu compartido cos composteláns/cangueses Absorbed e cos ourensáns Unnatural. Sería toda unha pasada… E se é nun festi como o Resu, aínda mellor.

José Barros e Ghon Sánchez, batería da banda. Foto de Emilia Vidal-Hallett

Mentres que Dark Embrace tivera a sorte de ser a unha das poucas bandas do festi que tocou sen ningún concerto paralelo noutro escenario, Dismal tivo que sufrir a situación contraria. O seu concerto coinciu non só co dos alicantinos Rosy Finch no desert stage, senón co concerto da banda ferrolá Keepers no Resurrection Fest Boulevard, que acolleu uns concertos adicionais ao cartaz principal que foron anunciados de sorpresa ao comezar o festival. E a pesar de que o escenario do bulevar non dispuña dos mesmos medios técnicos que os outros, o concerto era máis que digno de ver, xa que estamos a falar nada máis e nada menos que da nova xeración de músicas e músicos do rock e o metal galegos: os membros da banda non superan a vintena en idade, e a maioría deles ronda os 14 anos.

Antes de continuar, teño que facer un inciso para contar que a primeira vez que souben sobre esta banda foi un ano atrás, no Resu de 2022. Eu estaba agardando nunha considerablemente longa cola para mercar un bocata dentro do recinto, e, nun momento dado, comecei falar cunha nena e os seus pais, que estaban ao meu lado. A nena era precisamente unha das integrantes de Keepers, que me falou da súa banda e do gran soño que sería para eles tocar no Resu algunha vez. Cando lle din os meus ánimos como músico e a miña promesa de falar sobre a banda nesta revista, nunca pensei que a ocasión chegaría tan cedo! Pero é que efectivamente, a traxectoria desta rapazada está sendo máis que envexable, pois xa teñen tocado tamén en festivais como o Fene Rock ou o Rock Narón. E, de seguro, de seguir con este ritmo, van chegar moito máis lonxe.

Os membros de Keepers, sobre o escenario do bulevar. Foto de Emilia Vidal-Hallett

A banda esta especializada en tocar versións de diversos temas clásicos de rock e metal, cos que fixeron vibrar ao numeroso público que se congregou para velos tocar a pesar de facelo nun escenario tan relativamente pequeno. As rapazas e rapaces da banda derrocharon actitude e complicidade no escenario, dando unha boa lección a moitas bandas con membros moito máis experimentados. A interpretación dos temas tamén foi excelente, a pesar da súa curta idade e da dificultade engadida que supón tocar cancións ben coñecidas e queridas por todos os asistentes, que sempre implican poñer o listón alto a un nivel interpretativo.

Keepers son a baixista ferrolá Azalea Calvo, a cantante naronesa Ari Martínez, o batería nedense Dani Piñón, o guitarrista eumés Iker Fernández e o guitarrista ferrolán Adrián Quintana. Dúas rapazas e tres rapaces de Ferrolterra que comparten a súa paixón pola música rock, e que xa son parte dun relevo xeracional moi necesario na escena. Cabe destacar ademais que, das bandas galegas que tocaron no Resu este ano, Keepers foron a única con rapazas nas súas filas. E tamén foron, en xeral, a banda máis nova de todo o festival. O quinteto ensaia nos locais de ensaio de Ferrol, que lograron a súa reapertura logo de meses de loita por parte da plataforma Reapertura Xa Locais de Ensaio Ferrol, e, de feito, tocaron no festival organizado polas propias salas o pasado martes 22 de agosto na cidade.

Keepers, sincronizados durante a súa actuación. Foto de Emilia Vidal-Hallett

Os cinco comparten, ademais da paixón pola música, a paixón concretamente polo Resu. Tanto é así que o membro máis novo da banda, Adri, gañou entradas gratuitas para toda a vida no festival cun concurso en 2018, cando só contaba con 8 anos, no que versionou «Rock and roll all night the kiss» en galego como «Eu quero ir ao Resurrection». Esta predilección polo festival notouse na súa entregada actuación, na que fixeron tolear ao público coas súas versións clásicas ata tal punto que as aclamacións dos asistentes esixíronlles seguir sobre o escenario ata xa pasada a hora programada da fin do seu concerto.

Rematou así un bolo que confirma a Keepers como unha promesa da escena. E habendo mesmamente en Galicia precedentes de bandas formadas por membros moi novos cun gran éxito, como Furious Monkey House de Pontevedra, dende Rouco Son estamos seguros de que Keepers teñen tamén unha brillante traxectoria por diante. E temos moitas ganas de ver como sacan disco, así que os animamos a poñerse mans á obra! O seu espectáculo, foi, dende logo, unha das grandes revelacións entre as bandas galegas do Resu. Pero aínda quedaba un día máis cos concertos doutros tres grandes grupos: Deleiba, Sangre de Muérdago e Back in Town. Deles vos falaremos na seguinte entrega.