O sexteto vigués Xhamain, acaba de lanzar o seu novo tema “A Nosa Canción”, unha homenaxe aos seareiros e seareiras do Celta de Vigo gravado con motivo do centenario do clube. A canción vén acompañada dun videoclip realizado por Fatal Films que conta con numerosas colaboracións; tanto de históricos futbolistas do equipo fundado en 1923 e de varias peñas celtistas como de decenas de músicos e amigos da escena rockeira e metaleira da cidade. O vídeo foi presentado nunha festa celebrada o pasado venres 18 na viguesa Cervexería Picoteo.
A banda, que mestura estilos como o folk metal ou o metal gótico, contou coa participación de case 70 persoas para cantar no videoclip a melodía principal da canción, nunha sección que emula o estilo dos cánticos do estadio de Balaídos. Ademais, segundo xa avanzaron antes da estrea, o tempo da canción é de 192,3 en referencia ao ano de fundación do clube. O vídeo conta, así mesmo, coa participación especial de dúas lendas do celtismo: o porteiro Sergio Álvarez Conde, “O gato de Catoira”, e Manolo Rodríguez Alfonso, “O gran capitán”. Dúas figuras de diferentes etapas na historia do clube pero ambas de gran trascendencia e significado para a afección. “A súa presenza trae consigo a historia e o orgullo do clube, reforzando a conexión entre a música, o fútbol e a cidade”, sinalan dende Xhamain.
“As peñas celtistas tamén son unha parte importante, aparecendo varias delas pasándose un balón que vén desde unha nena xogando soa, compartindo a súa paixón con elas e con Manolo, para rematar aparecendo no céspede de Balaídos nun final memorable con Sergio Álvarez”, explican dende a banda. Por outra parte, os emprazamentos escollidos para a gravación deste videoclip tampouco son casuais, pois son todos eles lugares emblemáticos da cidade de Vigo: praza América, a Guía, o Castro e, como non, o xa citado estadio de Balaídos. Todos estes lugares “serven de escenario para esta obra musical, conectando a paixón pola música co amor polo deporte e polo noso patrimonio”, destacan dende Xhamain.