Silvia Penide despide o 2023 en Arteixo cun novo concerto inclusivo

A cantautora arteixá Silvia Penide despedirá o ano do seu 20 aniversario sobre os escenarios na súa localidade natal. Será cun novo directo inclusivo, no marco da súa xira de aniversario, no Centro Cívico Cultural da vila hoxe, venres 29 de decembro, a partir das 20:30.

As entradas para o concerto de Penide están dispoñibles en liña, por 4€ a prezo normal e 3€ a prezo reducido, a través da plataforma http://www.eventosarteixo.com. Tamén é posible adquirir os billetes no propio Centro Cívico Cultural de Arteixo até dúas horas antes do inicio do directo.

Na cita, a arteixá estará acompañada pola súa banda ao completo, formada por Carla López ao teclado e os coros, Paul Álvarez á guitarra e Bruno Couceiro á batería, así como por unha intérprete de lingua de sinais, Natalia Navaza. A cita será apta para todos os públicos e contará, sinala a artista, con «algunha sorpresa».

A xira XX aniversario sirve tamén para promocionar Mientras Dura el Aplauso, o primeiro vinilo que Silvia Penide publica na súa traxectoria. Dispoñible tamén para a súa escoita nas principais plataformas dixitais desde o pasado 1 de decembro, o disco recupera algúns dos grandes éxitos da artista ao longo dos seus vinte anos sobre as táboas e inclúe un tema inédito: «El colchón y el diván».

Neste novo traballo discográfico, a cantautora conta coa colaboración de grandes voces do panorama musical galego e estatal, como son as de Mercedes Ferrer, Víctor Manuel, Guadi Galego ou Javier Álvarez, para reinterpretar as súas creacións. En Mientras Dura el Aplauso, a compositora tamén comparte cancións con Eladio Santos, Ugía Pedreira, Félix Arias, Andrés Suárez e algúns membros da asociación de enfermidades raras e epilepsia West Galicia e do alumnado do CEIP Novo Mesoiro da Coruña, cos que entoa o sinxelo «Diferentes diferenzas», tema que pecha a cara B do vinilo e que nace do libro homónimo escrito pola propia Penide.