Balmog, Perpetual e Sandford Music Factory estarán no Resu 2024

O Resurrection Fest tívonos agardando algo máis tempo do previsto, pero finalmente xa ten publicado o seu cartaz para 2024. E entre as decenas de grandes nomes do hardcore, o metal e o punk internacionais que este contén podemos atopar os de tres grandes bandas galegas, que serán as afortunadas que exercerán de anfitrioas nesta nova edición do festival: Balmog, Perpetual e Sandford Music Factory.

Balmog, por unha banda, é unha das agrupacións pioneiras do black metal en Galicia e unha das máis veteranas en activo, polo que o motivo da súa presencia no festival resulta obvio. Co seu black metal de culto, cunha boa dose de death metal incorporada, o cuarteto de Soutomaior será un dos pratos fortes do escenario Ritual, que concentra polo xeral á meirande parte das bandas de metal e de metal extremo. Un escenario que compartirán con pioneiros do xénero da talla de Ihsahn, o guitarrista, vocalista e membro fundador de Emperor. Para ver á lendaria banda de black metal sinfónico ao completo no Resu teremos que agardar algo máis, xa que para o ano 2024 o Rock Imperium de Cartagena ten reservado ao grupo noruego para que dea unha “actuación exclusiva” a nivel estatal.

Balmog

Os de Soutomaior levan xa dúas décadas ininterrumpidamente en activo, o cal é xa de por si unha proeza. Pero é que, ademais, a súa historia remóntase incluso antes, pois, como xa vos temos contado nestas páxinas, o grupo formouse a partir de dous membros de Inmacula Mortem, Balc e Virus, e un de Mydgard, Morg. Estas dúas formacións foron literalmente das primeiras en facer black metal en Galicia nun tempo en que a escena extrema estaba notablemente dominada polo death metal, e lanzaron traballos pioneiros que hoxe son verdadeiras pezas de coleccionista na escena.

Balmog foi un power trio durante a maior parte da súa historia, lanzando álbumes de estudio tan destacados como Testimony of the Abominable (2012), Svmma Fide (2015) ou Vacvvm (2018). En plena pandemia, en 2020, a banda lanzou outro traballo fundamental na súa traxectoria, o EP Pillars of Salt, composto por un único tema de 18 minutos de duración. Ao ano seguinte, incorporouse á banda como guitarrista e teclista o barcelonés Javi Bastard, prolífico músico tamén con máis de dúas décadas de experiencia ás costas.

Coa nova formación lanzaron en 2021 outro EP, Desacougo, que serviu como adianto para o seu álbum Eve. Con estes traballos reafirmaron as súas diversas influencias, que, como se pode apreciar nas versións incluídas en Desacougo, van dende o death/grind dos coruñeses Machetazo ata o post-punk gótico dos madrileños Parálisis Permanente. De Eve xa vos temos tamén falado bastante, pois foi incluído na nosa lista dos discos máis destacados de 2021. Dende o seu lanzamento, o grupo non só ten xirado amplamente a nivel internacional, pasando por varios países de Europa, senón que tamén lanzaron en 2022 as demos do álbum e en 2023 a agardadísima continuación de Pillars of Salt, que repite a formula de EP dunha soa canción de 18 minutos de duración baixo o título de Covenants of Salt. Xa hai ganas de presenciar en directo o seu ritual no Resu!

Perpetual

Perpetual, por outra banda, é un cuarteto de death metal coruñés formado en 2006, e subirán tamén, por primeira vez, ao escenario Ritual no festival de Viveiro. Nun caso similar pero inverso ao de Balmog, o seu death inclúe tamén varios elementos de black metal, como se demostra en traballos como Visions of Death (2009), Carving a Dismembered God (2015), Maze of Chaos (2018) e o máis recente Memento Mori (2022).

Este último álbum, incluído como non podía ser doutro xeito na nosa lista de discos máis destacados dese ano, resalta especialmente pola proeza acometida polo grupo de telo presentado na mítica Sala Capitol de Compostela xunto a Barbarian Prophecies e Agónica. Dende entón teñen xirado profusamente con el baixo o brazo, e o seu concerto no Resu será de seguro un dos puntos culminantes de dita xira. O álbum foi o primeiro de Perpetual lanzado pola súa discográfica actual, a estatal especializada en metal extremo Base Record Production, despois de ter lanzado Maze of Chaos coa galega Suspiria Records e os seus dous lanzamentos anteriores de xeito independente.

Por último, pero por suposto non menos importante, teremos sobre o escenario Desert, especializado en estilos máis clásicos do rock e mais en subxéneros máis lentos e atmosféricos como o post metal, o stoner metal ou o doom metal, a Sandford Music Factory. Esta banda de San Sadurniño, en Ferrolterra, tamén ten moita historia, pois foi fundada nada máis e nada menos que no ano 2000, aínda que entón baixo o nome de Sweet Oblivion Band. O seu son está influenciado principalmente, dende os seus inicios, polo rock duro clásico e polo rock alternativo da escena grunge.

Sandford Music Factory

Foi precisamente baixo ese primeiro nome de Sweet Oblivion Band que saíron a primeira maqueta da agrupación, SO (2005), e o seu primeiro álbum, Melted to Oblivion (2008), ambos traballos autoeditados. A banda vese obrigada despois a cambiar o seu nome, como explicaron no seu momento, “por razóns legais e para evitar confusións”, aínda que “xamais” renunciarían á súa etapa como SOB. Xa como SMF lanzaron o álbum Awen en 2011, con Shiroten Records e Discmedi. Porén, logo dunha extensa xira de presentación, rematarían por volver á autoedición co álbum Natural Behavior, lanzado en 2015 despois dunha campaña de micromecenazgo. En 2018 chega a quedan de Jofre, un directo en acústico gravado no teatro ferrrolán homónimo co que repasaron a súa traxectoria anterior.

A súa presencia no Resu será moi acaida, posto que en xaneiro de 2023 chegou o seu último álbum, titulado Altospeaker. Gravado e mesturado polo guitarrista da banda Xurxo Grandal nos Talleres Outeiro de San Sadurniño e nos Estudios Vilarón da Capela, o disco conta con 9 cortes en 36 minutos. Ademais, teñen lanzado recentemente o tema “All I know”, unha versión de Mark Lanegan para a recompilación lanzada polo programa de radio Bienvenido a los 90 en tributo a este artista estadounidense, exmembro de bandas como Screaming Trees ou Queens of the Stone Age e falecido o pasado ano 2022.

Estas tres bandas galegas farán parte dun cartaz ao máis puro estilo Resurrection Fest, combinando en diferentes porcentaxes o hardcore, o metal, o punk ou o rock alternativo. Entre os cabezas de cartel atopamos a Avenged Sevenfold, Bring Me The Horizon (que en 2022 cumpriron como últimos cabezas de cartel do festival ante a cancelación de Korn), Machine Head, Sum 41, Megadeth (de volta despois de ter encabezado a edición de 2018), Bad Omens, Bruce Dickinson, Corey Taylor, Babymetal e Electric Callboy (que deron un dos concertos máis destacados da edición de 2022). Combínanse así nomes habituais das xiras polo Estado con grandes oportunidades de ver a destacados artistas por primeira vez na zona.

O feito de que o Resurrection Fest mesture dende sempre xéneros que, aínda que moi relacionados, adoitan ter bases de fans diferentes, fixo que xurdiran algunhas críticas a medida que se ían anunciando as bandas na mañá do venres 15 de decembro. Algúns ata se queixaron da presencia de varios artistas das décadas dos 70 e os 80, a quen consideraban “vellos”; pero a oportunidade de ver a lendas pioneiras do metal como Alice Cooper sempre se debe aproveitar. Ao final, non hai que esquecer que os británicos Judas Priest, cuxos membros clásicos son da quinta do americano, deron un dos mellores concertos da edición de 2022. Quen prefira o hardcore sempre quererá máis hardcore e quen prefira o metal extremo sempre quererá máis metal extremo, é algo inevitable ao xuntar xéneros distintos, pero non cabe dúbida de que isto é parte da esencia deste festival.

Ademais dos artistas do escenario principal, no que polo momento seguiremos sen ver bandas galegas, hai moitos grandes nomes que subirán a algún dos outros tres escenarios do festi. No Ritual, compartirán táboas con Perpetual e Balmog bandas tan destacadas como Accept, Fear Factory, Finntroll, Crypta, Hanabie, Ankor, Noctem ou a xa mencionada banda de Ihsahn. Un cartaz provisional filtrado por erro en redes sociais polo perfil de Alice Cooper apuntaba a que podería ter formado parte do cartaz a nova banda en solitario de Kerry King, pero parece que finalmente teremos que agardar a outra edición para ver regresar ao mítico guitarrista de Slayer ao festival.

Sandford Music Factory, por outra banda, compartirá o escenario Desert con Graveyard, Corrosion of Conformity, High on Fire, Dool, Bokassa ou Maybeshewill. No escenario Chaos, adicado especialmente (pero non exclusivamente) ao hardcore e ao punk, non hai polo momento anunciada ningunha banda galega, unha situación que tamén se deu o ano pasado. En todo caso, pasarán por el Cro-Mags, Biohazard, Comeback Kid, Lendakaris Muertos, Death Before Dishonor, Proudz ou Aneuma.

Cabe agardar que haxa máis bandas galegas, ademais das tres xa anunciadas, que pasen polo Resu en 2024. É habitual que se dean confirmacións novas nos seguintes meses, como foi o caso da de Dismal para a edición de 2023, e incluso de última hora, como foi o caso da de Back in Town tamén na pasada edición. Ademais, no pasado verán tamén puidemos ver artistas de Galicia nos concertos do chamado Boulevard, que foron anunciados pouco antes do comezo do festival. En 2022, a cifra final de bandas da terra foi de 13, e en 2023, de 9, así que agardamos que para o ano vindeiro a cifra sexa similar. Haberá que ter en conta, ademais o resultado do concurso de bandas.