Os vigueses Trol comezan gravar o seu primeiro disco

O trío vigués de hard rock instrumental Trol comeza gravar o que será o seu primeiro traballo. A banda estreouse ao vivo no abril do pasado ano 2023, e a partir de entón percorreron os locais de toda a zona de Vigo, nunha minixira culminada co segundo festival da asociación Metal Nostrum no pub Transylvania en novembro. Agora, a gravación do seu primeiro disco é “o seguinte paso necesario para a banda, de cara a lograr unha maior difusión”, sinala o seu batería Fernando Costas. Contan con telo listo no mes de xullo deste ano, para a continuación comezar presentalo en directo.

A banda está formada por tres músicos veteranos da escena viguesa: Fernando Costas (Los Contrarios, Los Juais, Demolición) á batería, Pablo López (Crazy Cabuxa, Furtivos) á guitarra e Juan Díaz (Desertores, Furtivos) ao baixo. Fernando foi o primeiro en pasar polo estudio de gravación, neste caso, o Dream and Drum Home do batería vigués Suso Valcárcel, do que xa vos temos falado nas páxinas desta revista. O de Trol tiña claro que “quería unha batería real e non secuenciada aínda que isto requira máis traballo e diñeiro”, xa que “a satisfacción de gravala coas túas propias mans non ten prezo”. “O resultado foi excelente, como escoitaredes proximamente”, afirmou.

A gravación agora segue o seu curso. “Esperamos todos poder gozar dela pronto”, tendo en conta que o da banda “é un proxecto arriscado ao ser instrumental”, sinalan. “Pero cremos que é algo tamén distinto e por ese motivo atractivo, afastándose un pouco dos estándares da maioría dos grupos”, concluíu o batería da banda viguesa.

No seu momento falámosvos da estrea ao vivo da banda aquí: https://roucoson.com/2023/04/21/o-trio-vigues-trol-estrearase-ao-vivo-en-matama-e-oia/