Trol é un trío de rock duro formado en Vigo no ano 2022. A pesar da súa recente creación, a banda esta composta por músicos veteranos ben coñecidos na escena: na batería, Fernando Costas, provinte de Los Contrarios e Los Juais; no baixo, Juan Díaz, de formacións como Furtivos e a mítica banda dos anos 90 Desertores; e na guitarra, Pablo López, que foi membro da tamén lendaria banda de rock duro e heavy metal noventeira Crazy Cabuxa, ademais de compañeiro de Juan en Furtivos.
A súa música é completamente instrumental, combinando, en palabras do grupo, «unha base rítmica potente e definida» cunha guitarra «que mestura uns bos riffs rítmicos con solos impactantes e melódicos», creando así «un ambiente emocionante». O seu repertorio en directo mestura temas de colleita propia con versións. O trío entrará axiña no estudio de gravación para dar forma ao que será o seu primeiro disco.
Mentres non chega este primeiro lanzamento de estudio, a banda está a presentar a súa proposta ao vivo pola zona de Vigo. A primeira das vindeiras citas co grupo, que suporá a súa estrea xuntos sobre os escenarios, será no Lar das Artes da parroquia viguesa de Matamá, o domingo 14 de maio en sesión vermú. Por outra banda, o sábado 10 de xuño ás 23:00 subirán ao escenario da cervexería Miguel, en Canido, parroquia de Oia.
